O pasado día 8 de decembro o barco de bandeira de Liberia Toconao fletado por Maersk perdeu 6 contenedores, un deles con 26 T de pellets de plástico, importados por Bedeko Europe e fabricados na India pola empresa Coraplast. Os pellets, transportados en sacos etiquetados “UV9000 light stabilizer”, teñen segundo un breve informe do centro privado CETIM para a Xunta de Galicia que consiste en resumir as follas de seguridade dos produtos a seguinte composición: unha matriz de polietileno, totalmente inocuo, e entre o 10 e o 13% dun aditivo químico empregado como estabilizador ultravioleta (como era de esperar dadas as etiquetas dos sacos). Este aditivo denominado UV622 é á súa vez un polímero non biodegradable con dous compoñentes, o ácido succínico, sen problemas a nivel toxicolóxico; e unha substancia sintética da familia das aminas impedidas que lle dá as súas propiedades antioxidantes, clasificada pola European Chemical Agency como substancia con toxicidade crónica (é dicir, tóxica só en exposicións prolongadas, que non é o caso dunhas labores de limpeza puntuais), e irritante para os ollos (polo que na limpeza debe terse esta precaución). Segundo esa fonte, a súa CE50 (concentración que causa un 50% de mortalidade) en Daphnia (invertebrado acuático que se emprega como modelo para valorar a ecotoxicidade) de 160 mg/L, o que a catalogaría como pouco tóxica. Na folla de seguridade específica do UV622 figura unha CE50 en Daphnia de 25 mg/L, o cal catalogaría este compoñente nun nivel medio de toxicidade acuática. En calquera caso, non é de esperar que en costas abertas se alcancen estes niveis.
Un segundo informe do CETIM identifica en estudios de migración dúas novas sustancias: unha molécula poliaromática de alto peso molecular (CAS 6683-19-8) con toxicidade acuática crónica nivel 3, e un organofosforado (CAS 31570-04-4), probablemente empregadas como antioxidantes ou plastificantes.
Ningún dos documentos anteriores aporta información experimental sobre toxicidade en organismos mariños. No grupo ECOTOX da ECIMAT-Universidade de Vigo estamos realizando probas con especies representativas do fitoplancto e zooplancto para cubrir esta lagoa e iremos publicando os resultados obtidos na nosa web: http://ecotox.uvigo.gal/gl/blog.