Economía fósil: o caso dos pellets

 

O vertido accidental dun contedor con un milleiro de sacos de pellets plásticos nas costas atlánticas da península ibérica é unha penosa ocasión para por en primeiro plano algo fundamental e esquecido: que o uso enerxético dos hidrocarburos é unha ameaza directa para o colapso climático, pero que outros usos dos derivados do petróleo (como os plásticos) son unha ameaza aínda máis invisible e non menos grave para a vida no planeta. Tanto para a vida nos océanos como para a vida terrestre (incluída a saúde humana).

Revisemos algúns datos das causas e das consecuencias do iceberg tóxico que aboiou neste vertido recente de pellets nas costas galegas.

A orixe remota deste desastre hai que buscala no consumo masivo de envases feitos con derivados do petróleo: plásticos e non vidro ou papel. Plásticos para todo tipo de produtos por caso alimentarios (iogures, augas, precociñados, etc.) ou farmacéuticos consumidos en monodoses e de xeito masivo. Sendo no Reino de España un centro produtivo xigantesco destes derivados plásticos a provincia de Tarragona (Polígono de Francolí), con materiais dos hidrocarburos xa importados ou obtidos nas refinerías da contorna. Capitaloceno que non antropoceno puro e duro.

Primeira lección (orixe remota): consumir menos en formatos pequenos e facelo sempre en envases retornables ou biodegradables, vidro ou papel. Non en plásticos.

Mentres non fagamos isto, teremos circulando polos mares do mundo millóns de contedores con produtos de consumo ou para o consumo. Con vertidos accidentais recorrentes, posto que este transporte non só contamina cos combustibles porcos que usa, senón cos riscos da cobiza de amorear caixas sobre caixas e de conseguir que naveguen facendo equilibrios en condicións de mal tempo, como sucedeu no caso do vertido destes dias do Toconao fletado por Maerks e coa perda de seica seis contedores (un deles con 25 toneladas de pellets ciscados polas nosas costas).

Segunda lección (orixe próxima): control destas cargas en embarcacións e estibas axeitadas, e en transportes en condicións climáticas seguras dentro da UE e non na OMI-MARPOL (que xa é incompetente nos hidrocarburos, como comprobamos no Prestige).

De xeito que xa sexa pola vía da mala xestión destes masivos residuos plásticos en terra ou polo seu vertido ao mar, o que estamos a facer é espallar microplásticos  a esgalla polo medio natural, plásticos que durarán centos de anos en desaparecer e que irán penetrando nos organismos vivos (incluídos os humanos) con consecuencias desastrosas.

Mestúrase aquí un enlouquecido estilo de vida sobre o que o preclaro presidente George Bush no 1992 deixou dito: “O noso xeito de vida non é negociable”, e mestúrase cun recurso (hidrocarburos) que temos que deixar de usar, malia o que seica gritan os republicanos norteamericanos (os guieiros do PP & Vox) nos seus mitins en favor do petróleo: “Drill, Baby, drill¡” (perforen, mozos, perforen).

Este estilo de vida e de consumo baseado nos hidrocarburos acaba de facérsenos presente que temos unha razón máis de moito peso para deixalo atrás. O que non quita para que, mentres tanto, os nosos gobernantes locais non actúen como un avestruz dun celtiberia show. Gobernantes que así deixan as claras que non gostan de recoñecer os desastres aos que nos leva o estilo de vida consumista e fósil que defenden.

Terceira lección (orixe incompetencia local): diante dun risco ambiental grave, deixar de actuar quitándolle importancia e pasando a pelota da responsabilidade ao primeiro que pase. Nin antes “hilitos” nin agora “bolitas”… Mobilizar todos os recursos públicos dispoñibles e favorecer unha axeitada participación social.