Marcados por vida

Hai noites nas que non podo durmir: aparécenseme como pesadelos os rostros chorosos e golpeados de nenas e nenos palestinos. Non entendo o que berran pero vexo que sofren. Vexo tamén que están rodeados de cadáveres doutras nenas e nenos palestinos que deben ser familiares, amigos ou veciños. Todos apiñados nunha franxa de terreo sen que ninguén atenda as súas demandas de auxilio.

Como é posible que isto suceda? Pero está sucedendo realmente ou é so un mal soño meu?

Cando desperto doume conta de que non foi un soño senón que é a autentica realidade. A realidade dunha atroz masacre diante da que a pomposamente chamada “comunidade internacional” non reacciona, realmente non fai nada. Como tampouco o fai a Unión Europea. Diante desta realidade pregúntome: teñen estes responsables políticos fillas ou fillos ou netas e netos pequenos? En que pensan cando os abrazan ou xogan con eles?

Xa mais esperto descubro que non poucos países europeos, e entre eles España, están vendéndolles ao goberno asasino de Netanyahu as armas que este utiliza para levar adiante o xenocidio ao que estamos asistindo, pero que antes lle servían a Israel para manter aos palestinos en auténticos campos de concentración. Diante desta atroz realidade vólvome a preguntar: que mais ten que pasar para que, poño por caso, a Unión Europea (Estados Unidos ten outros intereses) suspenda calquera acordo comercial, empezando polo de armas, con Israel?

Ata cando este comportamento filisteo da Unión Europea que castiga, xustamente, a Rusia polo seu crime de guerra en Ucraína pero que escusa, ou tapa os ollos fronte a Israel por un comportamento semellante, incluso máis cruel? Son conscientes os líderes e dirixentes europeos de que están quedando marcados por vida polo que (non) están facendo en Gaza?