Sosteño nun recente ensaio que Galicia é un país minguante porque somos un país desnortado. Non me vou a deter aquí nos moitos argumentos de porqué andamos desnortados e que nese libro detallo. Pero si vou deixar un dato central de por que somos un país minguante: o relativo ao emprego, a poboación ocupada.
Se comparamos a cifra do ano 1979 (escólloa porque ese ano publicaramos un libro sobre “A outra economía galega”) e a actualidade (cando veño de publicar “Galicia. País desnortado e minguante”) a síntese do sucedido é a que vai neste recadro:

Fonte: elaboración propia con datos do INE
Neses corenta e cinco anos somos un país minguante porque de ter nove de cada cen ocupados pasamos a ter só apenas cinco. Case caemos á metade. Un auténtico desastre. Se mantivésemos o peso no total da ocupación do Reino de España teríamos que ter novecentos mil ocupados máis, e superar os dous millóns de ocupados. Esa ocupación que non temos ten outra cara desastrosa: os emigrantes que seguiron saíndo do país e os galegos que xa non naceron aquí.
E digo manter o peso no conxunto de España porque houbo nacionalidades e rexións que mesmo medraron por riba da media. E que, polo tanto, nin tiveron que emigrar e que, mesmo, aumentaron a poboación autóctona ou inmigrante. Póñoas ordenadas na seguinte gráfica:

Fonte: elaboración propia con datos do INE [ampliar]
Se houbera que identificar un sector económico no que a nosa caída de peso é máis preocupante este é o sector servizos que, mesmo así, hoxe xa ocupa a 70 de cada 100 traballadores (cun histórico avance na igualdade de xénero). Un sector que habería que xestionar con moita máis ambición e criterio. E sobre todo con moito coidado diante das ameazas da dixitalización e dos liquidadores dos servizos públicos. Sen deixar de falar da industria penso que temos que empezar a preocuparnos moito máis polos servizos.