Por que a ONU xa non ama ás mulleres

 

Días atrás informabámonos de que a ONU, para presidir o seu foro sobre os dereitos das mulleres (CSW: Comisión PARA A CONDICIÓN XURÍDICA E SOCIAL DA MULLER), elixira, por aclamación, o embaixador saudita neste organismo.

A CSW, creada en 1946 ten, entre outras funcións, a de “preparar recomendacións sobre a promoción dos dereitos das mulleres no ámbitos político, económico, civil, social e educativo”. Tamén se encarga de “supervisar, examinar e avalía-los progresos acaidos e as dificultades na consecución da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres en todo o mundo”.

Neste marco e logo da decisión tomada, repito que por unanimidade, un non pode por mais que estar a espreita sobre a que conclusións chegará e que resolucións adoptará esta Comisión que ten como preocupación prioritaria as mulleres e a súa situación no mundo como, por caso, en Arabia Saudita e que agora vai a estar presidida por un representante deste país.

Un país no que, segundo Amnistía Internacional (AI), “dende que nacen e ao longo da súa vida as mulleres permanecen baixo a supervisión dun home da súa familia, normalmente os pais ou os maridos. Necesitan o seu permiso e consentimento para cuestións tan sinxelas como comezar determinados estudios, vivir, soas, casarse, acceder a certos tratamentos médicos ou incluso para saír da cadea. Desafiar estas prohibicións ou desobedecer os seus gardiáns pode ser motivo de sancións”. Unha situación da muller que sitúa a Arabia Saudita como un dos países do mundo con maior desigualdade de xénero, pois ademais do sinalado “as mulleres sauditas aínda atopan dificultades para transitar libremente polos espazos públicos, pois en público teñen que vestir a abaya -túnica longa, da cor negra e que chega ata os pés- e levar un veo que lle cubre a cabeza e o pelo deixando ao descuberto só unha parte do rostro”.

Salma al Shehab, cidadá de Arabia Saudita, foi condenada no ano 2023 a 34 anos de prisión por utiliza-las redes sociais para defender as súas actividades a prol dos dereitos humanos no seu país.

Con estes antecedentes están mais que xustificadas as dúbidas sobre as actuacións inmediatas da CSW (Comission on the Status of Women).