A estas alturas non deberan quedar dúbidas de que un sector relevante do poder xudicial español, apoiado polas dereitas extremas (PP/VOX), está empeñado nunha ofensiva contra o goberno de quenda (PSOE/Sumar) e os seus posibles aliados. Unha ofensiva na que non se respecta nin a Constitución nin as leis. Velaí a enorme gravidade desta estratexia, pois os que deberan vixiar polo cumprimento da legalidade e as leis son os primeiros en incumprilas. As evidencias son contundentes.
Temos o caso do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) onde un grupo de maxistrados, co apoio das dereitas, impediu que se cumprise o mandato constitucional (C.E. Art. 122) de renovación cada cinco anos. Unha resistencia que tivo unha clara motivación política: impedir que xunto coa renovación do CXPX se producisen renovacións en distintas instancias xudiciais que puidesen dar curso a que os numerosos expedientes de corrupción que están agora parados, que atinxen ao Partido Popular (PP), seguisen o seu curso coas sentenzas correspondentes, algo que produce auténtico pánico nese partido. Finalmente houbo un principio de acordo entre o PSOE e o PP para a renovación do CXPX. Haberá que estar á espreita do que saia definitivamente do Parlamento español (que ten a decisión final) para ver en que se traducen os posibles cambios.
Algo parecido sucede co Tribunal Supremo que vén de ser deixado en evidencia, unha vez mais, polo Tribunal Constitucional, neste caso co gallo da súas decisións sobre a macrocausa dos EREs da Xunta de Andalucía cando aquel “se pasou polo forro” as decisións do Parlamento andaluz e condenou a 19 antigos altos cargos e funcionarios. A sentenza do Tribunal Constitucional di que “non é posible que os xuíces declaren ilegal as leis emanadas dos parlamentos autonómicos…os parlamentos non delinquen”. Nese caso o obxectivo do TS era claro: desprazar ao PSOE do poder en Andalucía e abrirlle a porta do mesmo ao Partido Popular (PP). Un comportamento xudicial que se repite con demasiada frecuencia.
Comportamento que se traslada a instancias xudiciais menores como estamos vendo a diario. Así, se o Parlamento español aproba unha amnistía para os políticos do procès, inmediatamente aparecen maxistrados que buscan sortear a lei e mediante subterfuxios, aparentemente legais, intentan que a amnistía non se aplique. Máis aínda cando o Fiscal Xeral, como corresponde as súas funcións, pide que se cumpra a lei en todos os seus termos: aquel pasa a ser obxectivo dunha ofensiva xudicial e mediática ultra que pon no foco a súa dimisión.
Cando logo dunha longa persecución xudicial o Titular do Xulgado de Instrución número 15 de Valencia dita un auto no que se conclúe que a acusación contra a política valenciana Mónica Oltra non tiña base polo que so cabía pechalo expediente, outro maxistrado da Audiencia de Valencia refuga tal decisión e ordena que se volva a abrir. Curiosamente tal maxistrado ten paralizados unha gran cantidade de expedientes por corrupción que afectan tanto ao Concello de Valencia como a propia Generalitat e, como consecuencia, a numerosos a dirixentes e directivos do Partido Popular valenciano.
Unha persecución xudicial que se ven repetindo con numerosos dirixentes das esquerdas. Así unha vez que estes poderes conseguiron retirar da primeira liña do escenario político a Podemos puxeron o foco da súa ofensiva no PSOE e os seus dirixentes, empezando polo propio Pedro Sánchez. Así un maxistrado descoñecido acepta unha denuncia por trato de favor presentada por un pseudosindicato de extrema dereita contra Begoña Gómez, esposa do Presidente do Goberno. Unha acusación que como estamos vendo non ten base nin fundamento pero que o maxistrado mantén aberta co gallo de procurar o deterioro da imaxe de Pedro Sánchez e, por efecto, do PSOE, tal que sume ao obxectivo ultra de derrubar ao goberno lexítimo.
O relato podía continuar pero coido que as mostras presentadas son suficientes para entender que estamos diante dun tsunami xudicial que busca derrubar un goberno lexítimo. Unha actuación subversiva por parte dun colectivo de maxistrados que debera ter unha resposta democrática, política e tamén social. Política por parte do goberno que, co o apoio dos seus socios e do resto de forzas democráticas, debera poñer en marcha todas aquelas iniciativas parlamentarias que sirvan para que España conte, dunha vez por todas, con un poder xudicial acorde con un sistema democrático. Social por parte da cidadanía que debe mostrar publicamente o seu rechazo a estes comportamentos antidemocráticos que ignoran a vontade popular e poñen en risco o estado de dereito.