Hai xa sete anos, nun libro minucioso e documentado, (Rubén Juste, IBEX35, Capitán Swing, 2017), o seu autor relataba a historia do noso índice da Bolsa co fío condutor de quen foron -e de onde procedían- os seus principais accionistas e xestores. Abonde con sinalar aquí que as veteranas plutocracias do franquismo e do Opus Dei teríanse ampliado coas dos principais partidos que lideran a transición democrática, con personaxes que en moitas ocasións se moven nas portas xiratorias non só do público ao privado, senón tamén da terceira vía aos camiños do neoliberalismo.
O que me interesa poñer aquí en primeiro plano é que o libro remataba confirmando a paulatina presenza e influencia no Ibex35 do que o New York Times cualificou de “xigantes silenciosos”, que daquela xa eran os principais accionistas da maioría das cincocentas empresas máis grandes dos Estados Unidos en 2016: con Vanguard Group e Blackrock á cabeza.
Bancos custodios de fondos de investimento multimillonarios (aquí datos) que, cando desembarcaron en España da man de embaixadores como Luis de Guindos, converteríanse, dende 2016, nos primeiros accionistas do BBVA, Santander ou Bankia, tendo unha importante presenza en decenas de grandes empresas, nominalmente españolas. O citado autor pechaba o seu libro falando do “novo Estado do IBEX e dos baixos fondos estranxeiros” (ver aquí un diagrama).
Ten isto moito interese para contextualizar certos movementos actuais nas grandes empresas do Ibex35. Pois tanto no caso BBVA como no Sabadell eses dous fondos citados teñen presenza moi relevante, sendo o máximo executivo do primeiro Carlos Torres (da “familia McKinsey” segundo El País do 12 de maio de 2024). O que tamén sucede con Telefónica (coa entrada da saudí STC) e Naturgy (coa OPA de Taqa de Abu Dhabi), que estas semanas enfrontan as adquisicións por parte de capital estranxeiro, compartindo ditos fondos nestas empresas posicións con La Caixa.
Se no primeiro caso se ventilan serias cuestións de competencia bancaria, emprego e resiliencia financeira coa presenza dos devanditos fondos, no caso de Naturgy falamos nada menos que da soberanía e transición enerxética do país, e no de Telefónica da súa soberanía dixital e do big data.
Nos tres casos, pero sobre todo nos dous últimos, a entrada de capital público podería protexer a devandita soberanía e competencia. Pero esta vía semella non ser do agrado do emporio Criteria-La Caixa para Naturgy, que anda a procura dun acordo co investidor estranxeiro, e que tamén estaría reaccionando a dita entrada -no caso de Telefónica- facéndose a toda presa cun maior paquete de accións (agora 8,5% Estado e 5 % La Caixa).
Nos dous casos o Goberno semella estar disposto a compartir con La Caixa a defensa da soberanía de dúas empresas clave do Ibex, probablemente porque os recursos públicos que serían precisos non son facilmente dispoñibles e, ao tempo, porque La Caixa é unha das poucas superviventes financeiras dos tsunamis do Ibex tras da crise de 2008. Pois, como ben documenta Rubén Juste no seu libro, tanto o BBVA como o BSCH son hoxe en grande parte criaturas ligadas aos silenciosos xigantes norteamericanos, xigantes que tamén terán algo que dicir no caso de Telefónica e Naturgy.
Abocado a un único interlocutor -La Caixa-, o actual Goberno pecaría dunha excesiva confianza se deixa descansar a soberanía (enerxética ou dixital, nada menos que as dúas transicións en xogo) en grande medida nas mans dun grupo financeiro privado (nominalmente sen ánimo de lucro), un grupo ao que no seu día xa se cedeu o que puido ser un axente financeiro público (Bankia), que agora mesmo nos sería chave para ter a competencia que botamos de menos no sector.
Nestes asuntos a chamada terceira vía semella renacer unha e outra vez das súas cinzas en España, facéndoo agora en favor de vencedores recorrentes como La Caixa, e na compaña de xigantes silenciosos norteamericanos que non dubidarán en despedir e vender activos. Claro que confiar neses gañadores e xigantes pode saír moi caro.
Se o “punto e aparte” prometido polo Presidente hai poucos días non se concreta tamén nestes asuntos -e non define unha folla de ruta pública determinante-, a súa proclamada distancia dos intereses do Ibex35 haberá que tomala por pura retórica.