O espello convexo e os carneiros mochos

«Se as cousas fossem diferentes, seriam diferentes: eis tudo. / Se as cousas fossem como tu queres, seriam só como tu queres».

Alberto Caeiro (Fernando Pessoa), Poemas inconjuntos.

 

Un relato de Xosé Antón Jardón

A día de hoxe aínda perduran as trécolas sobre a procesión en rogativa –ou moción de censura– oficiada polo neofranquismo cortesán e por un sancristán tridentino vestido de diácono, o metamórfico Ramón Tamames, convocada co fin de pedirlle á Nosa Señora da Extremadoira que intercedese ante o confrade Feijóo, para excomungar ao pecadento Pedro Sánchez, por pactar cos tocagüevos da periferia que, amais de baleirar as competencias e a caixa do Estado, están obcecados en desmembrar a patria.

Antes da moción os súbditos de provincias ceabamos con alprazolam, tratando de amansar os desvelos causados polo goberno social-comunista, impulsor do separatismo. O profesor independente por Vox, aspirante á presidencia do Goberno, os 52 voxistas e pico e bastantes tertulianos desbocados, estiveron a piques de conseguir que conciliaramos o sono, sen sedación, se a súa proposta para restaurar os alicerces castizos da patria tivera maior apoio. Mais, como a heroicidade non prosperou, seguiremos amomiados e engulindo sacas de alprazolam. Perden os patriotas mais gañan as industrias farmacéuticas. Iso si, mercé a angueiras como esta, que ocupan a cabeza e o tempo de tantos iluminados que transitan polo epicentro do Estado español, Madrid consigue consolidar o título de capital mundial das artes circenses e das parvadas supinas. Non todo son desgrazas.

E unha verdadeira mágoa que sendo tan necesario, Galicia, cada vez máis avellada, non paira un novo Valle-Inclán para darlle forma literaria a esta barafunda madrileña, tan esperpéntica como aburrida. Teremos que seguir padecendo ataques de insomnio, por non sermos capaces de facer estoupar a tempo a metamorfose política que acabará sentando na Moncloa ao monstro das sete cabezas. De aquí saíron cinco: Franco, Fraga, Leopoldo Calvo-Sotelo, Rajoy e Feijóo. As outras dúas, Abascal e Tamames, produtos da divina Providencia, só son parentes consanguíneos de máxima confianza.

Non nos enganemos. O da moción censura de hai uns días era o preludio, o primeiro gran ensaio xeral. Así que, por moita abstención do PP e por moito que a señora Ayuso nos queira embobar co conto de «que cada uno siga su camino», ela e o e o señor “siempre quise vivir den Madrid” non só saben que todos os camiños van dar a Roma senón que traballan para que os seus non se descarreiren. En maio haberá un novo ensaio e, tal como van as cousas, tal como vai a vida, todo parece indicar que o inverno pode comezar en xuño e durar unha verdadeira eternidade. Entón será cando a nosa desmemoria nos converta definitivamente nuns pobres carneiros mochos que pasaremos os días dando cabezadas contra ese espello convexo que, durante tanto tempo, fomos tecendo cos fíos da nosa estúpida aquiescencia.

[O meu tío Lisardo pensa que, se no canto de bebermos nós mesmos as augas do Miño, cremos que os de Madrid nos van cortar a sede coas atoldadas augas do Manzanares, deberiamos ir buscando quen nos faga unha traqueotomía, porque o bico do embude sempre será o tapón e nunca o respiro].