O encaixe plurinacional

Por máis que a andanada españolista, que agora ten nos neofascistas de Vox aos seus máis fanáticos telepredicadores, veu actuando eficazmente de cortalumes negando a realidade, a chamada cuestión territorial reaparece e penetra unha e outra vez nas axendas do Estado reclamando atención. Póñanlle o substantivo que lle poñan, desde o enmascarador estado composto ata o aprexuizoso estado plurinacional, esa bicha nunca vai deixar de asomar a cabeza mentres non teña acomodo na arquitectura fundacional aprobada hai 45 anos. Volve estar de actualidade. Xusto cando, lonxe de revalidar o bipartidismo á maneira dun salvoconduto patriótico e excluínte, as urnas do 23X fixéronlle a cobra e urdiron un escenario no que a gobernabilidade do Estado será integradora da pluralidade nacional ou non será.  

Non doutra maneira vai ser posible non só recuperar o que esas prácticas políticas e esas sentenzas xudiciais viñeron recortando e deturpando a beneficio dun inventario nacionalizador español, senón tamén avanzar nas consecuencias derivadas dunha reinterpretación progresiva e progresista do artigo 2 da Constitución. 

Nesas estabamos cando o lehendakari Urkullu, despois de darlle un baño de realidade a Feijóo negándolle o seu apoio para ser investido, aproveitou para relanzar a idea dunha Convención constitucional, que tería por obxectivo un novo pacto revitalizador do diferencial que a propia Constitución mandata cando no seu artigo 2 alude a un Estado composto por nacionalidades e rexións. Unha galopada de fondo por unha vía nunca suficientemente explorada como para ver se iso que demos en chamar o encaixe -un subterfuxio lingüístico que poetiza e simplifica o debate territorial- vai ou non máis alá do que nun mapa/puzzle sería un mero acoplamento de diversas unidades administrativas.  

Abonda con observar as reaccións que provocou de inmediato esa proposta, publicada baixo forma de artigo no diario El País, para calibrar a carga coa que a cabalería montada do españolismo montaraz vai afrontar ese desafío. Por caso, o diario que pasa por ser entre nós o portavoz do trumpismo mediático e político, o xornal El Mundo, alertando sobre a guerra de bandeiras autonómicas a que conduciría esta “reforma encuberta da Constitución”, con inducidas declaracións de presidentes autonómicos que poñen o grito no ceo segurando que o que esconde ese desafío é a conformación dunha república laica, e tamén a consagración dunha desigualdade estrutural, con españois de primeira (as das nacionalidades históricas ou Galeuzca) e de segunda categoría (as rexións).  

Néganlle á Constitución, como fai un cada vez máis abúlico Alfonso Rueda, a súa condición de camiño, a metáfora que utilizan destacados expertos para definila, e teiman pola contra en identificala cun marco. As máis das veces, sen outra argumentación xustificativa que non sexa a da razón de Estado, ou a conveniencia de simplificar, aínda que sexa a costa do Estado de dereito, unha resposta ameazadora coa que paralizar iniciativas que desborden, sen rupturas nin violencia, o marco interpretativo vixente. Ese que acabou sendo o resultado de someter todos os conflitos identitarios dos últimos anos -os que derivan da plurinacionalidade en xeral, e de maneira significativa os específicos de Euskadi e Catalunya- a unha horma de rebaixas, executadas vía LOAPA(s), vía prácticas político/partidarias de tufo uniformizador -as do bipartidismo quendista- ou a través das sentenzas recentralizadoras do Tribunal Constitucional.  

O que propón o lehendakari vasco é por iso totalmente procedente. Máis aínda, é o mínimo imprescindible que se precisa para desatascar o debate territorial. E sen abrir o melón da reforma da Carta Magna, agora mesmo un imposible dada a correlación de forzas existente no Congreso e no Senado. Non doutra maneira vai ser posible non só recuperar o que esas prácticas políticas e esas sentenzas xudiciais viñeron recortando e deturpando a beneficio dun inventario nacionalizador español, senón tamén avanzar nas consecuencias derivadas dunha reinterpretación progresiva -e progresista, unha esixencia da idea de progreso que satura todo o texto do Preámbulo- do artigo 2 da Constitución. Maior autogoberno derivado da razón nacionalidades, sen por iso desestabilizar a táboa de dereitos e aspiracións político/administrativas que derivan da razón rexións 

Non é, polo demais, unha proposta nova. Urkullu botouna a rodar hai cinco anos diante dun nutrido auditorio de empresarios. E levouna pouco despois ao encontro que tivo con Pedro Sánchez, que a traspapelou a conciencia. A Catalunya que viña do Procés,e o que os seus representantes parlamentarios esixían para sostelo no goberno, eran a súa prioridade política, como quedou demostrado al longo da lexislatura (eliminación no Código Penal do delito de sedición e modificación do de malversación). Ben mirado, a que outra cousa van poder chegar o Goberno de España e a Generalitat que non sexa a dun pacto que asegure a través da vía reinterpretativa un maior autogoberno nesa acordada e vixente Mesa de diálogo, que aínda non deu froito algún ao respecto?  

Que a ministra portavoz e en funcións, Pilar Alegría, saia respondendo que “o modelo territorial está pechado” é como pouco unha frivolidade política. Carga de razóns aos independentistas cataláns, porque poden deducir que a citada Mesa de diálogo non é para o goberno español máis que unha montaxe propagandística. E tamén aos nacionalistas de Euskadi e Galicia que, malia teren personalidades e percorridos singulares -e incluso tempos políticos non coincidentes-, teñen en común un sentido na marcha, en coherencia coa idea ou metáfora de camiño, quedando retratada a ministra na foto dos do cerco, cos do PP, Vox e todo un exército de telepredicadores mediáticos en primeira fila. O que demandan agora uns e outros non é se non ese pactado desbordamento interpretativo. E o da Convención constitucional pode servir, como xa serviu recentemente en Australia, Irlanda e Chile para protocolarizar o proceso. 

Porén, estamos nun tempo de areas movedizas. Co PP e Feijóo dándolle a Vox a potestade de facer visible e operativo o Estado autoritario derrogado no 78. E coas feridas do Procés a medio curar. É pois prioritario garantir un goberno progresista de coalición que derive do pacto plurinacional ordenado polas urnas e que, aparte de manter a raia a tentación involucionista dos gobernos Drácula, asuma a vía da amnistía -que non prohíbe a Constitución- para os dirixentes e os numerosos cargos intermedios que están procesados ou baixo a lupa xudicial pola causa independentista do 1-O. E que o novo goberno retome sen prexuizos esa proposta reinterpretativa que acabe facendo realidade o que inspira o propio artigo 2 da Carta Magna: un Estado plurinacional. 

É sen dúbida unha oportunidade histórica.