O dilema transatlántico da UE: entre o realismo e as presións de Trump

 

O acordo acadado por España coa OTAN para limitar o seu gasto en defensa ao 2,1% do PIB, evitando así a esixencia do 5% formulada por Donald Trump, transcende unha mera negociación orzamentaria de carácter estatal. A posición española cristaliza as contradicións fundamentais que afronta a UE na súa relación cunha alianza atlántica en crise existencial. Madrid non actuou en solitario: representa a vangarda dunha resistencia europea máis ampla perante a instrumentalización comercial da seguridade continental. A presión estadounidense para elevar o gasto militar europeo até o 5% do PIB carece de fundamento técnico e responde máis aos intereses do complexo militar-industrial do Tío Sam que a necesidades estratéxicas. Como sinalou Pedro Sánchez, os técnicos militares determinaron que España require exactamente o 2,1% para adquirir as capacidades solicitadas pola Alianza. Esta aproximación baseada en avaliacións operativas reais versus marcaxes arbitrarias define o cerne do dilema europeo: aceptar a subordinación a Washington ou construír autonomía defensiva.

Madrid non actuou en solitario: representa a vangarda dunha resistencia europea máis ampla perante a instrumentalización comercial da seguridade continental

A estas alturas queda ben ás claras que a crise actual non é conxuntural, senón estrutural. Estados Unidos converteu a OTAN nun instrumento de chantaxe comercial, onde as empresas do complexo militar-industrial estadounidense controlan o 70% das compras de armamento do vello continente. A esixencia do 5% beneficia directamente a Lockheed Martin, General Atomics e outras corporacións ianquis que aproveitaron a más recente feira de defensa en París para apertar por máis contratos. Tal e como finca Collin Meisel do Centro Pardee da Universidade de Denver, a obsesión coa porcentaxe do PIB “enmascara unha incomprensión fundamental das capacidades militares”, xa que “o gasto non equivale necesariamente a capacidades”. Cando un socio trata os compromisos de seguridade como acordos comerciais suxeitos a renegociación constante, o mecanismo disuasorio perde efectividade. Europa atópase deste xeito no paradoxo de financiar a súa propia subordinación estratéxica.

O caso español ilustra o dilema que afronta a UE: manter a dependencia estratéxica dun aliado cada vez máis volátil ou construír capacidades autónomas de defensa. A proposta de Sánchez de “gastar mellor, gastar xuntos” mediante compras comúns, unha industria de defensa europea e a creación dun “Exército Común Europeo” non é retórica en clave doméstica, senón a articulación dunha estratexia continental emerxente. Esta visión apunta cara á construción dun pilar europeo de defensa dentro da OTAN que incluiría a todos os estados dispostos a contribuír desde o Reino Unido post-Brexit ata Turquía, agás Estados Unidos. Como advertía o Instituto Egmont, o dano á credibilidade da Alianza está feito, obrigando a Europa a repensar a súa arquitectura de seguridade. Non se trata de expulsar a Washington, senón de reconceptualizar a relación de forzas sen dependencias asimétricas. A construción destas capacidades europeas autónomas requirirá unha década, pero representa a única garantía de que a UE poida facer fronte a agresións convencionais sen depender do perfil do inquilino da Casa Branca.

Cando un socio trata os compromisos de seguridade como acordos comerciais suxeitos a renegociación constante, o mecanismo disuasorio perde efectividade.

A dimensión orzamentaria do conflito amosa prioridades políticas irreconciliables entre o modelo social europeo e as esixencias estadounidenses. Subliñou Sánchez que acadar o 5% do PIB esixiría “350.000 millóns de euros adicionais” que só poderían obterse destruíndo o Estado do Benestar: aumentando os impostos 3.000 euros anuais por traballador, eliminando prestacións sociais ou reducindo as pensións nun 40%. Esta demanda proba que Washington non comprende nin respecta os valores fundacionais da UE. O modelo do Estado do Benestar non é unha peculiaridade española e, ben ao contrario, o cerne do proxecto europeo, construído sobre a lexitimidade política de prover servizos públicos de calidade. A resistencia española ao 5% non é obstinación fiscal e representa a defensa dun proxecto civilizatorio compartido por toda a UE. Outros países europeos, desde Alemaña ata Italia, comparten esta perspectiva, aínda que non a articulen coa mesma claridade que Madrid. A UE afronta unha disxuntiva existencial: subordinar o seu modelo social ás demandas do complexo militar-industrial estadounidense ou defender a súa identidade política erixindo capacidades defensivas propias.

Esta demanda proba que Washington non comprende nin respecta os valores fundacionais da UE. O modelo do Estado do Benestar non é unha peculiaridade española.

A reacción da dereita española fronte a un éxito diplomático sen paliativos revela os límites do populismo opositor sen propostas construtivas. O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, cualificou o acordo de “engano” e negou “lexitimidade” a Sánchez para negociar, sen ofrecer alternativa ningunha máis alá do “non polo non”. Esta posición contrasta dramaticamente co recoñecemento internacional do logro español, documentado por medios estranxeiros que certifican como Madrid evitou a imposición do 5%. A extrema dereita de Vox sitúase nunha posición aínda máis contraditoria, criticando simultaneamente o “sometemento” á OTAN e a resistencia ás demandas trumpianas. Esta oposición reflexa unha crise conceptual máis profunda: unha dereita española que antepón cálculos electorais partidistas ao interese nacional, incapaz de recoñecer cando España obtén resultados favorables no escenario internacional. A consecuencia é unha erosión do consenso político necesario para soster unha política exterior coherente, nomeadamente cando a UE require unidade estratéxica face a desafíos xeopolíticos inéditos.

O vindeiro cumio da Haia será decisivo para determinar se a UE pode impoñer unha nova lóxica baseada en capacidades reais fronte a límites arbitrarios de gasto. Se España mantén a súa posición —termada discretamente por outros socios europeos— podería forzar unha redefinición fundamental da OTAN que favoreza os intereses continentais. O modelo do 2,1% español, baseado en avaliacións técnicas de necesidades operativas, representa unha alternativa europea racional ao voluntarismo trumpiano. Como argumenta Max Bergmann, analista do Centro de Estudos Estratéxicos e Internacionais (CSIS), “o obxectivo da administración Trump non debería ser simplemente retirarse de Europa senón facelo dunha maneira que fortaleza a Europa”, o que require evitar tácticas divisorias e apoiar un esforzo europeo común en defensa. Unha arquitectura de seguridade así deseñada serviría os intereses de ámbalas beiras do Atlántico: Estados Unidos podería concentrarse no Indo-Pacífico mentres a UE garante a súa propia seguridade. A arrogancia, insensatez e ofuscamento da actual Casa Branca non toleran que unha Europa autónoma é un aliado máis valioso que un continente subordinado.

O precedente español marca un punto de inflexión: por primeira vez, un membro da UE resiste con solvencia ás presións arbitrarias de Washington desde criterios técnicos rigorosos.

O precedente español marca un punto de inflexión: por primeira vez, un membro da UE resiste con solvencia ás presións arbitrarias de Washington desde criterios técnicos rigorosos. A firmeza de Madrid no 2,1% preserva a dignidade europea fronte ás demandas do presidente americano, pero tamén traza a ruta cara a unha verdadeira soberanía estratéxica continental. A fortaleza europea non radica en gastar máis senón en “gastar mellor, gastar xuntos”, como notou o presidente Sánchez. Esta fórmula, aparentemente técnica, encerra unha revolución xeopolítica: a transición da UE de socio subordinado a potencia autónoma. Segundo unha análise recente de Defense One sobre a urxencia da independencia defensiva europea, “a invasión rusa a gran escala da Ucraína e o potencial cambio no enfoque estratéxico estadounidense cara Asia subliñan a importancia da capacidade de Europa para defenderse de maneira sustentable”. Este modelo podería estenderse ao resto do continente, sentando as bases dunha defensa europea baseada en necesidades reais, non en imposicións comerciais. O éxito desta transformación determinará se Europa emerxe como actor xeopolítico soberano ou permanece coma mercado cativo do complexo militar-industrial estadounidense.