por Luís Álvarez Pousa
Ourense, anos 70 do pasado século. En pleno tardofranquismo, que non era senón a quintaesencia do que as elites oficiais desa época exteriorizaban en formatos de actuación pública que, lonxe de teren como obxectivo un plano de resistencia camaraderil fronte ao que se aveciñaba, non facían outra cousa que exhibir unha confrontación a cara de can polos restos. Velaí o que daquela se dera en coñecer, sometido a obrigado silencio na prensa galega e española de entón, como “o de Orense”. Ou sexa, o que un semanario satírico francés, o aínda hoxe vivo e exitoso Le Canard Enchaîné, explicitara como un desfalco que tiña na Caixa Provincial o corpo do delito. Toda unha bomba de reloxería que o enviado de Carrero Blanco, o gobernador civil Regalado Aznar, utilizou contra o clan de poder que o dúo Franqueira/Pío Cabanillas capitaneaba na provincia.
Cincuenta anos despois, a socioloxía política da cidade e da provincia amosa un rostro formalmente diferente, pero non o suficientemente renovado como para desbotar o que de significado negativo tiña aquel “o de Orense” nesa publicación estranxeira. Digamos, para simplificalo, que a transición á democracia ritualizou as formas -só faltaría-, pero seguiu recurrindo para o exercicio do poder ao fondo de armario no que aquel clan dos 70 depositara vestimentas, manuais de supervivencia e protocolos. Baltar pai, primeiro, e Baltar fillo, agora, non fixeron nin fan outra cousa que lubrificar con diñeiro público os rituais do poder que os seus antecesores lubrificaron co diñeiro que milleiros de ourensáns enviaban á Caixa desde a emigración.
Como quera que só se trataba de darlle unha lección ao clan -ao que acusaban en Madrid de estarse posicionando por libre-, o réxime botoulle terra ao latrocinio pactando ambos bandos a paz a cambio de remover ao eficiente gobernador e de convertir en chivo expiatorio ao exalcalde e director/títere da Caixa, Caíto, que acabou no cárcere. Medio século despois, os que os herdaron tiran do vello manual para ter a man, por se acaso, a outro tonto útil, neste caso ese personaxe de opereta, un tal Jácome, que por arte de birlibirloque ocupa o sillón do alcalde da culta e blancoamoriana Auria.
O fondo de armario que os tardofranquistas lles deixaron en herencia sérvelles ao actual presidente da Deputación e ao alcalde okupa (grazas, iso si, á solidariedade dos que o teñen por letal -Feijóo dixit-) para repartirse os papeis dunha traxicomedia política que milleiros de persoas denunciaron polas rúas o pasado 18-N. Mantelos no poder a un e a outro ten un altísimo custo institucional, político e social. Tanto na cidade como na provincia, que ocupan o furgón de cola en tódolos índices de democracia e benestar. Rexurde “o de Orense” como o eslogan negativo da indignidade e da corrupción institucional. Só as urnas o poden remediar.