Por que Netanyahu non quere parar o xenocidio en Gaza

 

Seguramente que moitos cidadáns se pregunten, a propósito do primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, como alguén pode ser tan cruel,  tan insensible á dor allea. Como pode ser quen de provocar tanto dor e sufrimento, de asasinar a tantos/as nenos/as, de provocar un xenocidio.

A resposta poida que vaia mais aló das ideoloxías e das estratexias militares. Poida que a loita contra o terrorismo (Hamás), a apropiación de territorios (Gaza, Cisxordania…) que, contra o dereito internacional, considere xudeus non sexan as únicas razóns, nin sequera a principal. Poida que a resposta estea na particular situación de Netanyahu.

Poida que se, por caso, contamos que hai un par de meses o Tribunal Supremo de Israel tombou unha reforma xudicial que o goberno de Netanyahu aprobara empecemos a ter as cousas mais claras. Moito mais se engadimos que a proposta do goberno israelí lesionaba gravemente a independencia xudicial e a división de poderes. Que buscaba o goberno israelí coa súa reforma? Empecemos dicindo que Netanyahu está acusado de corrupción polo Fiscal Xeral de Israel en tres casos separados que inclúen suborno, fraude e abuso de confianza. O Fiscal acúsao de aceptar obsequios de empresarios ademais de conceder favores para tratar de obter unha cobertura de prensa mais positiva. Velaí que Netanyahu intentará cambia-las leis do seu pais para conseguir a inmunidade.

Inmunidade que si lle concede a súa actual condición de primeiro Ministro pero que tamén podería conseguir mediante unha reforma xudicial. Fracasado este último intento só lle quedou a opción de reformar a lei para que só sexan o goberno ou o propio Presidente quen poidan declarar non apto ao Xefe de goberno. Manobra con que se mantén á fronte do goberno e se libra do poder xudicial.

Pero Netanyahu non podería escapar ao seu xuízo se deixa de ser Primeiro ministro. Non podería entón escapar á acción da xustiza e afrontar unha posible condena de ata 13 anos de prisión. Unha situación que leva a pensar que Netanyahu está utilizando a invasión de Gaza, a guerra contra os palestinos, para atrasa-lo seu xuízo, pois canto máis dure a guerra máis tardará en celebrarse. Sabe tamén que en caso de que sexa enxuizado remataría a súa carreira política e poida que, de non ser indultado, teña que ingresar na cadea e por non pouco tempo.

A súa popularidade está, hoxe por hoxe, en mínimos, por iso espera que a guerra lle permita seguir de Primeiro Ministro e así manter a súa inmunidade. Aínda que sexa á custa do xenocidio do pobo palestino…. e poida que de novas guerras en Oriente Medio.