Non é unha esaxeración. O que nos transmiten os medios sobre o que está pasando en Gaza, sobre o comportamento de exército israelí coa poboación gazatí, trae á memoria a actuación dos nazis en Polonia. Porque en Gaza estase cometendo un xenocidio que ten a nenos/as como vítimas principais e mostra nas formas unha crueldade infinita.
Hitler en Polonia
O 1 de setembro de 1939, Hitler iniciaba as súas operacións para a invasión de Polonia. Una acción que apenas durou cinco semanas, e que segundo un memorando do goberno nazi se xustificaba en que que a superpoboación de Alemaña esixía, para garantir unha mellora do nivel de vida dos alemáns, aumentar a produción de alimentos e materias primas. Unha garantía que podían proporcionar Polonia e Ucraína cuxas invasións, especialmente no primeiro caso, aparecían como doadas e fáciles. Unha acción que debería ser continuada co asentamento de colonos alemáns previa expulsión dos polacos, que serían instalados primeiro na fronteira con Rusia, logo na propia Rusia e finalmente en Siberia. Unha operación que se combinaría coa deportación e o exterminio.
Para gañarse o apoio da poboación alemá a esta invasión, Hitler utilizaría tanto o resentimento con Polonia por terse quedado con territorio alemán grazas ao Tratado de Versalles, como o suposto maltrato das autoridades polacas ás minorías de orixe alemán que vivían en Polonia.
Na invasión de Polonia, o exercito alemán destruíu fábricas e liñas de ferrocarril, prendeu lume a pobos e aldeas enteiras, procedeu á execución e asasinato de civís e utilizou a aviación (a Luftwaffe) para bombardear salvaxemente Varsovia e outras cidades. As vítimas durante a invasión foron cuantiosas: 40.000 mortos, 133.000 feridos e 700.000 prisioneiros na banda do exército, entre 40 e 50.000 mortos no bando civil a mans dos soldados alemáns. Ao final da guerra, as vítimas polacas contabilizadas estimáronse nunhas 850.000 entre os militares e 5.000.0000 (algunhas fontes soben hasta 6.850.000) entre o persoal civil nunha poboación de 35,1 millóns de persoas.
Fronte á brutal ofensiva alamana, o pobo polaco, ao igual que lle está sucedendo agora ao pobo palestino, atopouse só, xa que nin Francia nin Gran Bretaña se decidiron a intervir, e Rusia fíxoo como potencia invasora cando finalmente decidiu intervir.
Netanyahu en Gaza
A estas alturas, parece meridianamente claro que a acción terrorista de Hamas estalle servindo ao goberno extremista de Israel, que preside Benjamin Netanyahu, para poñer en práctica un obxectivo longamente perseguido polo sionismo máis extremo: a construción do Gran Israel que inclúa a Gaza e Cisxordania, enterrando así definitivamente os acordos de Oslo, que fai xa 30 anos abriran a porta á existencia de dous estados (israelí e palestino) pero que nunca foron aceptados polo sionistas.
Un obxectivo sionista que pasa por expulsar aos palestinos das súas terras para ser posteriormente ocupadas por colonos israelís, obrigándolles a aqueles a desprazarse cara o leste, concretamente ao deserto do Sinaí, onde quedarían instalados. Un obxectivo de ocupación que vén de lonxe, de moito antes da invasión, e para o cal o goberno israelí viña utilizando tanto a ampliación das colonias xudías (Cisxordania) como o acoso constante aos/as palestinos/as (Gaza). Accións coas que o sionismo viña demostrando que a sorte da poboación palestina non contaba nada para o goberno israelí, que os considera “bestas humanas”, ao igual que a poboación polaca non contaba para o goberno nazi alemán (“unha raza inferior”)
Seguindo coas semellanzas entre ambas as dúas invasións, subliñar que a ofensiva israelí por terra vese acompañada con terribles bombardeos da aviación que non respectan nada, nin sequera o dereito internacional. Así, os bombardeos xudeus poñen o foco en hospitais, ambulancias, universidades, centros sociais, infraestruturas varias, vivendas particulares… na procura de facer o maior dano posible. Uns bombardeos que si están provocando un auténtico xenocidio entre a poboación civil palestina (mais de 21.000 mortes e 55.000 feridos, nunha poboación estimada de 2,26 millóns, vítimas entre as que abondan os/as nenos/as: segundo fontes da UNICEF estamos asistindo a un dos maiores infanticidios da historia da humanidade); tamén se levan por diante a funcionarios da ONU, persoal de ONG´s, periodistas…Se a ocupación de Polonia produciu un número inxente de vítimas civís, a invasión de Gaza, xustificada polo obxectivo de erradicar a Hamas que é unha organización fortemente implantada entre a poboación autóctona, está provocando unha enorme masacre, un xenocidio.
Pero como lle pasara a poboación polaca na II guerra mundial, o pobo palestino tamén está falto de apoio internacional. Así, Estados Unidos e a maioría dos países occidentais néganse, por caso, a solicitar un alto o fogo como o están facendo tanto o Secretario xeral da ONU, Antonio Gutérres, como moitos dirixentes de estados do Sur.
Confiemos en Gaza, na súa historia de resistencia
Como se pode ver, e a invasión de Gaza polo exército israelí e a do Polonia polo exército alemán gardan non poucas semellanzas. O pobo polaco logo de estar moitas décadas invadido e dominado, primeiro por Alemaña e posteriormente pola URSS, conseguiría finalmente a súa liberdade coa caída do muro de Berlín (9 de novembro de 1.989). Cabe desexar que o pobo palestino, que tamén leva décadas invadido e dominado, consiga finalmente a súa liberdade, o seu dereito a contar cun estado propio no que vivir en paz e liberdade. Un dereito que, de non ser posible, fora substituído cando menos pola existencia dun estado multiconfesional e multiétnico onde xudeus e palestinos poidan vivir en paz e harmonía.
Ao igual que manifesta Noam Chomsky, confiemos “en Gaza, na súa historia de resistencia agónica, para que non se produza un politicidio, o asasinato de Palestina como nación”.