O primeiro ministro francés, François Bayrou, vén de anunciar un recorte de 44.000 millóns de euros no Orzamento de 2025 que presentará o vindeiro mes de outubro.
O recorte afectará ao gasto en educación, sanidade, pensións e axudas sociais e á creación de emprego público, mais non ao gasto militar. Practicamente ao mesmo tempo, anunciou que este aumentará en 6.000 millóns de euros nos próximos dous anos.
Como acontece sempre que os políticos e economistas neoliberais falan de débeda, agora en Francia volven a enganar á xente. Fanlles crer que, con recortes como os de Bayrou, se vai reducir e que o máis axeitado para conseguilo é diminuír o gasto social.
Vaiamos por partes e supoñamos por un momento que de verdade fora necesario reducir a débeda.
O presidente Bayrou xustificou os recortes polo enorme volume de débeda que acumula Francia: 3,3 billóns de euros, un 114% do seu PIB. Non obstante, non fixo referencia a algo fundamental.
En 1973, Francia tiña unha débeda pública moi baixa, uns 80.000 millóns de euros da época equivalente a menos do 20% do PIB. En 1995, xa era de 696.236 millóns de euros, segundo Eurostat. En total, polo tanto, desde 1973 ata a actualidade medrou 3,2 billóns e, desde 1995, 2,6 billóns. O que esquece Bayrou é que Francia pagou 2,33 billóns de euros de intereses desde 1995 e uns 2,75 billóns desde 1973, sempre segundo Eurostat e os datos oficiais franceses. En 2024, foron 60.200 millóns de euros, 16.200 millóns máis do que se quere recortar.
O presidente francés queixase de que a débeda pública do seu país é moi elevada, pero non menciona que o 86% do seu incremento desde 1973 e o 89,6% desde 1995 débese ao pago de intereses. E, por suposto, tamén esquece que Francia pagou esa cantidade astronómica de intereses non como efecto dunha lei natural e inevitable, senón por unha do 3 de xaneiro de 1973, impulsada polo goberno do presidente Georges Pompidou, que prohibiu que o Banco de Francia continuase financiando sen interese ao Estado, como ata entón fixera.
Sen esa lei, e se o Estado francés tivera gastado o mesmo que gastou desde 1973, pero sen pagar intereses, a débeda pública francesa non sería hoxe do 114% do PIB que preocupa a Bayrou, senón que estaría entre o 17 e o 20% do PIB, segundo as diferentes estimacións.
En resumo, o que fai que a débeda francesa medre sen parar (como a dos demais países que renunciaron á financiamento do banco central) é o pago de intereses e non que o Estado gaste moito noutras partidas. E se iso sucede é porque se concedeu ás finanzas privadas o maior negocio de todos os tempos: financiar aos gobernos a intereses de mercado. Non é casualidade que Georges Pompidou fose director xeral do Banco Rothschild antes de ser presidente da República.
O segundo engano de Bayrou ao seu pobo consiste en dicirlle que reducindo o gasto público coa súa motoserra diminuirá a débeda.
Ao aplicar a motoserra á súa economía para levar a cabo un recorte tan brutal do gasto público social, o que Bayrou provocará será unha recesión, unha importante caída da actividade económica, posto que cada euro recortado suporá nunha caída maior nos ingresos das empresas privadas e na renda dos fogares. Isto último e o desemprego en aumento, forzosamente obrigarán a que empresas e fogares incrementen o seu endebedamento e provocarán, ao final, que siga aumentando a débeda pública, pois diminuirán os ingresos do Estado. Así aconteceu sempre e volverá a ocorrer agora en Francia, sen ningún tipo de dúbida.
Bayrou sábeo e por iso minte. O que busca o presidente francés coa súa motoserra non é reducir a débeda, senón provocar un shock para provocar desmobilización social e favorecer a privatización de servizos públicos que comezarán a funcionar aínda peor cando teñan menos financiación, mantendo a salvo o negocio financeiro.
Non se trata de defender o incremento da débeda pública como un fin en si mesmo. A débeda é unha escravitude e o gasto público debe realizarse con austeridade auténtica, con transparencia e eficacia, non coa corrupción propia do capitalismo de amigotes e extractivo dos nosos días. Pero iso é unha cousa e outra non entender que o gasto do Estado é un motor fundamental da economía e que, cando se frea, esta cae. Ou que se a débeda aumenta tanto é, como dixen, a causa do pago de intereses.
Se o presidente francés estivese de verdade preocupado pola débeda actuaría doutra forma. En primeiro lugar, tomaría medidas para evitar a sangría permanente que supón o pago de intereses, e trataría de reducila como se fixo noutras ocasións, sen necesidade de recortar gasto esencial para o benestar ou a inversión, con máis equidade e racionalidade. E, en segundo lugar, preocuparíase por outra débeda moito máis perigosa para a economía francesa e o planeta, a climática, que podería chegar a supor o 61% do PIB de Francia en 2050, segundo un estudo recente.
Bayrou prepara a posta en marcha da nova economía da motoserra que non é exclusiva de Milei ou Trump, senón o signo dos nosos tempos, os dun capitalismo cada vez máis dexenerado e incompatible coa democracia, como explico no libro que pronto estará nas librarías publicado por Ediciones Deusto.
Este artigo foi publicado orixinalmente no blog de Juan Torres








