Neofascistas UE

O consenso ao que se chegara tras a II Guerra Mundial para revalidar en Europa unha democracia liberal está máis que cuestionado. As extremas dereitas viñeron gañando impulso desde hai trinta anos. Tanto, que tras os comicios programados para este mes de xuño poderían ser quen de cambiaren por vez primeira o equilibrio de forzas tradicionais no Parlamento se, como Úrsula Von der Leyen e Feijóo deron a entender, os conservadores do Partido Popular Europeo (PPE) se abrisen a realizar alianzas cos ultras do grupo Conservadores y Reformistas, ao que pertencen o partido Fratelli d’Italia de Giorgia Meloni e VOX. Quedaría así dinamitada a gran coalición de conservadores e socialdemócratas (co concurso de liberais e verdes nos últimos anos) que veu sostendo a UE nas sete décadas anteriores. De acadaren o poder configurando un bloque ideolóxico desas características, os partidos nacionalpopulistas marcarán a axenda, como xa sucede alí onde formalizaron esa mesma alianza nos ámbitos nacional, rexional e local. En España, en cinco autonomías e en numerosos concellos.

A lexislatura entrante ofrece unha grella de futuribles de alta tensión que, de non remedialo as urnas, coloca nas mans do bloque ideolóxico conformado pola alianza dos neofascistas e os conservadores de Von der Layen e Feijóo decisións que a curto e medio prazo porían en xogo a supervivencia do proxecto europeo.

Con previsibles e dramáticas consecuencias. A lexislatura entrante ofrece unha grella de futuribles de alta tensión que, de non remedialo as urnas, coloca nas mans dese bloque decisións que a curto e medio prazo porían en xogo a supervivencia do proxecto europeo. O panorama mundial é polo demais extremadamente complexo, e cómpre ter no timón do barco a quen aposte por facer máis Europa, o que está en contradición coa Unión menguante que aspiran a conseguir os euroescépticos acubillados nas formacións ultras. A guerra de Rusia contra Ucraína é no fondo unha guerra híbrida contra Europa, buscando debilitar a seguridade das súas fronteiras. A China de Xi Jimping, que ten incrementado a cooperación con Moscova, segue unha estratexia de dominio global que terá tarde ou cedo fortes repercusións na gobernación europea. E todas as conxeturas pesimistas teñen a súa razón de ser ao valorar o que pode comportar para o mundo un hipotético regreso á Casa Branca de Donald Trump.

A UE terá que cumprir os obxectivos de transición ecolóxica, enerxética e dixital, requerindo para abordalos fortes sumas de diñeiro por ano, para o que é imprescindible priorizar neles a distribución dos fondos comunitarios, moi cuarteados a causa da pandemia, do shock enerxético, e do que está comportando a guerra en Ucraína. Terá, ademais, que acometer reformas no seu mercado único, no mercado de capitais e no mercado da electricidade e a enerxía que pretende unificar. Con outra agravante: sorprendida pola invasión rusa en solo europeo, a UE conxurouse a poñer en marcha a súa primeira estratexia industrial de defensa, o que require unha gran inversión a medio prazo, en prexuízo das leis estrela da actual Comisión, sobre todo as relacionadas co medioambiente e o cambio climático.

Nunca o proxecto común europeo estivo sometido a tanta presión e a tanto risco. Porque esa sorprendente ruptura do cordón sanitario, utilizado até agora para impedir a entrada dos neofascismos de toda condición nas institucións, comunitarias e/ou nacionais e locais, non é só un fenómeno coxuntural, meramente electoral. Pode ter ás portas do 9-X ese tufo instrumental, cando comprobamos nos tactimos de uns e outros unha indisimulada estratexia okupa: ocupar o poder. Pero só como un imprescindible primeiro paso. Porque non sería para administralo, tal e como o escritura o tratado fundacional da Unión, senón para ilo dinamitando pouco a pouco desde dentro.

Velaí o verdadeiro órdago desas forzas que, en comuñón con outras que teñen nos EE.UU. de Trump, na Latinoamérica de Milei e Bolsonaro ou nos despachos ministeriais do Israel de Netanyahu os seus máis visibles bastións, converxen nun proxecto político que ten como obxectivo acabar con todo o que, como produto da enorme transformación cultural experimentada nas últimas décadas (ecoloxismo, pacifismo, antirracismo, feminismo, LGTBI…), vén perturbando moitos dos valores conservadores que en boa medida rexían a sociedade. Entran, pois, nas institucións con ese preconcebido plan. E para conseguilo vístense incluso de lagarteranas. Como fai a neofascista Giorgia Meloni, no seu afán por melonizar o poder da Unión seducindo desa maneira aos conservadores de todo tipo, que non saen así indemnes do xogo de forzas que neste momento histórico tensiona a confrontación entre democracia e autoritarismo. Quérese dicir, entre democracia e fascismo.

Se os votos lles dan esa maioría de control, asegurarán desa maneira permanecer no poder institucional o tempo necesario ata sentirse en condicións de darlle ao proxecto europeo o golpe de graza definitivo. As sondaxes preelectorais advirten dese perigo. O seu acendrado autoritarismo cabalga moi ben sobre o medo. Colocan así máis facilmente o seu discurso xenófobo e ultrareaccionario entre aqueles sectores da sociedade que máis desconcertados están polas enormes turbulencias (económicas, militares, tecnolóxicas, sanitarias, climáticas, relixiosas) que nos aturden e interpelan. O medo paraliza aos individuos, pero utilizando técnicas de axitprop e servíndose do poder diseminador e desinformador que teñen as redes sociais para rendibilizalo, mobiliza colectivos.

Vímolo reflectado nas últimas protestas dos agricultores europeos, un verdadeiro regalo para os nacionalpopulistas, porque con elas perden protagonismo a axenda verde e as medidas para frear o cambio climático, dúas das súas bestas negras. Tamén o seguimos vendo nas crises migratorias e na incapacidade das institucións comunitarias para abordalas solidariamente. O pacto “asilo e migración” que se vén de aprobar na eurocámara, cun evidente enfoque punitivo dificilmente compatible co respeto dos dereitos humanos, é para a ultradereita un cualificado paso adiante na súa cruzada xenófoba, contra a inmigración.

Esa escalada ultra non tivo até agora, para contrarrestala, unha radical resposta democrática. Nin desde as institucións, nin desde os medios de comunicación, que tan decisivos son nese propósito. Vítimas tamén da enorme depresión ideolóxica que atenaza este tempo de crises e desafíos, tampouco as esquerdas parecen estar en condicións de retomar o camiño de volta, encarnando unha alternativa de masas coa que deter ao monstro. Pero aínda estamos a tempo. Repoñéndonos. Con políticas valentes e con democracia. Tamén en clave electoral.