Negociar a paz

 

Un ano despois da invasión de Ucraína, nada fai pensar nunha estratexia de paz. Quedou desprazada desde o minuto un. A estas alturas, a diplomacia non ten fuelle, e para demostralo non hai máis que ver o ton das penúltimas declaracións, como a do ministro de Exteriores de Lituania cando insistiu ante os seus colegas na necesidade de “perder o medo a querer derrotar a Rusia”. Está en pleno vigor o a por todas. Un desafío radicalmente polarizado: Joe Biden, en persoa, solemnizando en Kiev que “Ucraína nunca será unha vitoria para Rusia”, e Putin respondendo ao día seguinte cun discurso ameazador, proclamándose invencible e suspendendo a presenza do seu país no tratado de desarme nuclear.

Os expertos viñan falando dunha liña de frente conxelada, favorecendo unha guerra de posicións ou desgaste, na que sempre ten vantaxe o bando máis poderoso. Rusia neste caso, que parecía querer sostela co deducible obxectivo de acabar desarmando a Ucraína. Reventar esa estratexia converteuse para Zelensky e os seus aliados occidentais nunha prioridade. Como? Outra vez quedou fóra o que sería oportuno promover neste punto de implosión: negociar a paz. Pola contra, puxeron en marcha un plan armamentístico que compromete máis ca nunca o grao de implicación da alianza occidental no conflito. Ata o punto de que nos teñamos que preguntar, como facía o prestixioso intelectual Jürgen Habermas na publicación Süddeutsche Zeitung, se a entrega de armas a Ucraína (desde tanques Leopard a misís de longo alcance e incluso avións de combate) ten como obxectivo que este país soberano non perda a guerra, ou máis ben o que se persegue é conseguir a derrota total de Rusia. A OTAN estaría aproveitando este segundo gran round bélico para reinstalar a súa orixinal folla de ruta, na que Ucraína é un accidente a reparar e a Rusia de Putin un monstro a emparedar.

Nas argumentacións dos que, aparte de seguir producindo milleiros e milleiros de vítimas e ter detrás aos lobbies da industria da guerra e da reconstrución do devastado, teñen por obxectivo sine qua non emparedar definitivamente a Rusia, aniña un serio obstáculo intelectual e moral para calquera posible acordo de paz

O custo parece o de menos. Habermas ten razón cando nesa mesma publicación advirte: “Occidente, que está permitindo que Ucraína siga na loita contra un agresor criminal, non debe esquecer nin o número de vítimas, nin o perigo ao que se expoñen as eventuais vítimas, nin a magnitude da destrución real e posible que se acepta co corazón encollido no nome dun obxectivo lexítimo”. E parece esquecelo. Aínda tendo boas razóns para facelo, o que en realidade comporta esa administración de armas moito máis sofisticadas a Ucraína é engraxar, sen data de caducidade, esa eficacísima trituradora de vidas humanas.

É difícil valorar desde a distancia, e sen máis información que a que peneiran con evidente fariña propagandística os portavoces da UE (tan pegados ás faldas de EEUU) e da OTAN, se esta nova escalada armamentística viola os marcos que viñan delimitando a fronteira dunha teórica -nunca real- neutralidade. Pero non hai que ser un lince para observar os últimos movementos aliados e chegar á conclusión de que son agora máis corresponsables do curso da guerra ca nunca. Queren respaldar que os ucraínos non paren ata reconquistar todo o que Putin se anexionou ilegalmente antes (Crimea) e agora (a maior parte do Donbás), sen obviar se fose necesario a intervención directa de Occidente e a guerra OTAN/Rusia, o que comportaría derrocar o seu réxime e poñer a Rusia ao bordo de desaparecer como estado, liberándose así EE.UU. dun competidor xeopolítico. Velaquí a razón pola que o líder ruso volveu ensinar, para amedrentar, a súa dentadura nuclear.

Unha infernal tolería. Como subliñan os máis respectados analistas de conflitos internacionais, non hai argumento convincente e lexítimo que sosteña tal ensañamento. Partindo de que, pase o que pase, a causa ucraína xa non ten volta atrás: a maior parte do país será independente e aliñarase con Occidente contra o seu poderoso e violento veciño. Acusalo de ter cometido xenocidio, e someter aos máis altos responsables da invasión a outro xuízo de Nürenberg, ten detrás outra compoñente que, igual que sucedeu cos nazis, fai imposible ningún acordo con ese réxime, que en boa lóxica tería que acabar destruído. Hai un terceiro argumento que ten máis peso, pero non por iso sería definitivamente convincente á hora de contrapoñelo cunha estratexia de negociación que acade a paz. É necesario derrotar a Rusia -din- para preservar a orde xurídica internacional e castigar o crime de agresión. Ten calado, pero perde a forza polo camiño, ao comprobar como no pasado -por caso, cando a ocupación turca de parte de Chipre, ou cando o de Cachemira- para pechar conflitos bélicos de connotacións globais Estados Unidos non tivo reparo algún en adoptar na práctica unha interpretación flexible do Dereito Internacional.

Nesas e outras argumentacións dos que, aparte de seguir producindo milleiros e milleiros de vítimas e ter detrás aos lobbies da industria da guerra e da reconstrución do devastado, teñen por obxectivo sine qua non emparedar definitivamente a Rusia, aniña un serio obstáculo intelectual e moral para calquera posible acordo de paz. E todo fai pensar, en pleno século XXI, na posibilidade dun Armagedón. Vía libre á III Guerra Mundial? Porque diso se trata: de parar en seco unha guerra que ten ao mundo en vilo, para o que é necesario cortar coa escalada armamentística actual -na que incluso podería entrar China apoiando a Rusia-, ou de acelerala nunha confrontación sen cuartel non tanto para que os ucraínos consoliden o que é seu como para que Putin e todo o seu politburó mordan o po da derrota total.

Por máis que o intenten Biden e cantos volveron á vida resucitando a OTAN, o de arrasar desa maneira cun réxime que a día de hoxe ten máis armas nucleares que calquera outra nación do mundo non parece realista. E Putin xa se curou en saúde cando en xuño de 2020 asinou un decreto polo cal Moscú ten dereito a utilizar armas nucleares no caso de que, por mor dunha agresión con armas convencionais, se vexa ameazada a propia existencia do Estado. Incendiar o conflito e marchar sobre o Kremlin é suicida.

Cómpre, pois, volver ás vésperas daquel endemoñado 24 de febrero de hai un ano, e establecer de novo como punto de partida o Acordo Minsk II de 2015. Os expertos neste tipo de conflitos terán que afinar para establecer os mecanismos que servan para establecer o alto ao fogo e os pasos a dar para negociar a paz. Bruxelas ben faría en exercer de mediadora con ese propósito. Que imprescindiblemente debería ser tramitado a través de Nacións Unidas.