Segundo as últimas previsións macroeconómicas do IGE a economía galega medraría no conxunto deste ano 2023 un punto menos que a economía española (1,8 % fronte a 2,7 %). Un resultado que non é para acreditarse de maquinista preparado para facerse cos mandos da Moncloa por parte do tantos anos presidente da Xunta, e por aquí para seguir o seu herdeiro en San Caetano.
Galicia continuará afondando este ano a súa diverxencia negativa coa economía española do ano anterior.
Analizaremos de seguido como vai o cumprimento desas previsións con datos do terceiro trimestre pero, xa de entrada, mo mellor dos casos Galicia continuaría afondando este ano a súa diverxencia negativa coa economía española do ano anterior: pois en 2022 medramos un 3,8 % fronte ao 5,8 % do conxunto de España. Para quenes, como Feijoo e Rueda, poñen como obxectivo fundamental das súas promesas electorais acadar o máximo de crecemento do PIB non poderíamos atopar maior descualificación que este balance da economía galega no bienio 2022-2023.

Fonte: elaboración propia con datos IGE
A saída da recesión post Covid-19 non só tería un menor ritmo en Galicia, senón que a posterior desaceleración -por causa do shock enerxético e comercial global- semella que está a afectar con máis intensidade a unha economía máis aberta e dependente do que suceda fora de España como é a galega.
¿Que detalles engaden os datos coñecidos este 24 de novembro sobre os tres primeiros trimestres deste ano 2023?. As malas previsións vanse cumprindo, pero cos pés de barro. Porque a demanda interna galega medra a metade do que sucede no consunto de España e ese motor, a media potencia, é o que sostén case na súa totalidade a día de hoxe o crecemento do PIB.
A demanda externa pasou de aportar tres puntos (un 3%) ao crecemento no primeiro trimestre a case non aportar nada no terceiro (0,1%), o que fala ben as claras de que o motor exterior, tan determinante para a economía galega (ver aquí) está prácticamente paralizado a causa das turbulencias económicas e bélicas internacionais.
En resumen os maquinistas da locomotora neoliberal Rueda-Feijoo para os que o máximo crecemento do PIB é o obxectivo estrela dos seus afáns na Xunta (ao que subordinan todos os programas de benestar social) recollen en Galicia un peor resultado do mesmo que o anotado no conxunto de España. Co que nin para unha cousa nin para a outra semellan bós conductores.