O maxisterio dun verso libre: adeus a Xesús Alonso Montero

 

A cultura galega despide a Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), un intelectual de memoria “electrizante” e curiosidade infinita que fixo da lingua a súa principal barricada. Filólogo, ensaísta, sociolingüista e presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, Montero non foi só un estudoso do idioma, senón o arquitecto dun xeito de entender Galicia desde a honestidade intelectual. E desde o compromiso político como militante do Partido Comunista de Galicia desde 1962.

Lonxe de acomodarse no seu prestixio, Montero mantivo ata o final unha visión crítica, chegando a cualificar de “inocentes” algunhas das propostas que el mesmo lanzara en 1973 no seu histórico Informe dramático sobre la lengua gallega.

En Tempos Novos, da man de Inma López Siva e Francisco Castro, tivemos a fortuna de compartir con el unha longa xornada de conversa hai algo máis dun ano. Na súa casa, rodeado de libros e recordos, Montero non falou desde a nostalxia, senón desde a urxencia. Analizou coa súa agudeza habitual a “marcaxe de clase” que segue a pesar sobre o idioma e defendeu a necesidade dunha política lingüística valente.

Recuperamos hoxe aquela entrevista como a mellor homenaxe posible: a voz directa dun home que logrou o difícil fito de ser profeta na súa terra. Un mestre que nos ensinou que conversar é, por riba de todo, aprender a escoitar a realidade.

 

Xesús Alonso Montero: «A clase social dominante consente o galego porque goberna o PP»