Modelo Económico de España: un Parque Temático

No ano 2007 o presidente José Luis Rodríguez Zapatero informaba que nos últimos tres anos en España tíñanse creado o corenta por cento dos empregos da Unión Europea. Logo pasou o que pasou. Neste pasado mes de xullo o presidente Pedro Sánchez no seu balanzo anual dixo que España creaba cerca da metade dos empregos da UE. O capitalismo rentista e financeiro español gosta destes espellismos.

Naquel entón, tamén nos informaban de que o Reino de España era o maior consumidor de cemento da Unión Europea, representando o vinte por cento do consumo total. Un nivel tóxico. E pasamos de ter dous millóns e medio de persoas empregadas no sector da construción en 2008 a apenas un millón en 2016. A burbulla inmobiliaria estoupara da man do noso sistema financeiro. En abril de 2007, publicaba unha breve análise titulada «La España del tío Gilito» sobre este frenesí, que recomendo ler coa perspectiva dos últimos vinte anos.

Agora, entre 2020 e 2025, segundo datos de Eurostat, vinte e cinco de cada cen empregos creados na UE durante eses cinco anos xeráronse en España. Convén lembrar —como punto de referencia para estas cifras— que só o once por cento da forza laboral da UE está empregada en España.

Estaremos diante dunha nova burbulla? En que actividades andamos a engordar de máis desta volta? Sosterei de seguido que teriamos pasado dunha burbulla  de promotores a outra de arrendadores en sintonía coas minguantes capacidades de gasto dos visitantes estranxeiros. Se na primeira a demanda turística foi determinante, na segunda non o vai ser menos.

*

Para axudar a contestar estes interrogantes, recentemente analizaba con algo de detalle a evolución do emprego en España entre 2011-2025 tirando a conclusión de que eran as actividades de servizos dependentes directa ou indirectamente do turismo (hoteleiro e, a cada paso máis, extra hoteleiro) e nos servizos persoais (lecer, ensino, sanidade, dependencia, axudas familiares, etc.) públicos e a cada paso máis privados, onde se concentraba a maior parte do emprego que se vén creando.

Unha espectacular eclosión de emprego que se está traducindo tamén nun xigantesco problema-colapso e burbulla de vivenda[1], pois os que demandan unha vivenda habitual para traballar enfrontan unha oferta escasa e moi cara porque o reducido parque existente procura altas rendibilidades no descomunal crecemento do negocio turístico ou de tempada[2].

Fonte: Portada do Faro de Vigo do 15 de agosto de 2026

Xa neste desaxuste aboia unha razón (o acceso a vivenda) que podería rebentar a burbulla do crecemento do emprego nas actividades que vimos citando[3]. Un caso típico xa está a ser o do persoal para os hoteis en moitas áreas turísticas. Pero hai moitos máis.

*

Para comprobar se temos pasado dun modelo tóxico de burbulla inmobiliario-financeira no ano 2008 a unha nova e particular burbulla no ano 2025, vou centrar a miña atención no que denominarei “Modelo Parque Temático” centrado no turismo. Neste modelo económico os consumidores por millóns veñen de fóra, e en boa medida os traballadores necesarios son inmigrantes que veñen tamén de fóra, mentres de dentro do país obteñen ingresos unha morea de rentistas (alugueiros, comercio, hostalería, transportes, ocio nocturno, …) pequenos, medianos e grandes. Poderiamos falar dunha burbulla de rendistas turísticos.

Fonte: portada do Faro de Vigo do día 5 de xullo de 2026

Coexiste neste presunto modelo unha España baleirada (e cíclicamente calcinada) con outra conxestionada: xentrificada nas vilas e cidades turísticas, con recurso abusivo aos hidrocarburos, con despilfarro de recursos hídricos, etc. etc… unha burbulla dificilmente sostible. Así, en Galiza podería resumirse nun mix entre o turismo espiritual (San-tiago), turismo de sol-lua (San-Chencho) ou turismo de luces (Vigo)… parques temáticos. E cada lector pode concretar no seu territorio as ofertas do “éxito” turístico respectivo (por caso a “turistificación” de Palma).

Fonte: La Voz de Galicia do 18 agosto de 2026

Para comprobar se falamos -ou non- dunha burbulla resumo catro datos nunha gráfica para o período 2010-2025 (2010=100): os turistas-consumidores externos e as noites de demanda, as prazas hoteleiras ou regradas dispoñibles, e a evolución dos inmigrantes ocupados no conxunto da economía española.

 

Fonte: elaboración propia con datos do INE

Xa de entrada podemos falar dun modelo non resiliente porque depende de clientes e traballadores que proceden do exterior, que polo tanto dependen de factores externos que en boa medida non controlamos (por exemplo, das vagas de calor). Pero tamén perigoso porque é ambiental e socialmente insostible cos recursos internos do país (como xa se comproba para a vivenda, a vida urbana ou o medio ambiente, etc.).

Un modelo de alto risco que por riba é unha burbulla porque a demanda externa derivada deses visitantes anota unha progresión espectacular: entre o 100 do ano 2010 e o índice 184 do ano 2025. Isto supón pasar de 53 a 97 millóns de turistas ao ano, practicamente duplicarse en apenas quince anos, un crecemento anual acumulativo do cinco por cento. Toda unha burbulla de demanda externa[4]. Que xa lle rebentou na cara aos centos de milleiros que non poden acceder a unha vivenda, nin propia nin de alugueiro.

E débese anotar que esa explosión da demanda non se resolve cunha oferta hoteleira que medre á súa medida. Pois a serie amarela no gráfico -das prazas ofertadas- pasa neses quince anos de 100 a 112 no índice, de 1,1 millóns de prazas a 1,2 millóns.

Quere isto dicir que o negocio das camas necesarias estase a resolver -como ben se observa coa evolución das vivendas de uso turístico e o colapso do mercado da vivenda para residentes-  por unha burbulla especulativa de alugueiros. E de investimento en vivendas para capturar esas rendas turísticas. Unha captura de rendas na que están embarcados uns poucos grandes, pero tamén milleiros de pequenos investidores (propietarios S.A.) que foxen duns depósitos bancarios non remunerados polo oligopolio financeiro[5]. Mesmo así o negocio turístico a cada paso é de máis baixo custo e menor duración media, o que non quita para que sexa de maior impacto noutros moitos vectores.

É coherente con esta deriva extra hoteleira o dato do crecente emprego de inmigrantes (que no total pasa dun índice 100 a 146, ao mesmo nivel que o das pernoctas), pero que nada ten que ver co das prazas hoteleiras, e si con actividades vencelladas ao mantemento das vivendas de uso turístico e ao ocio diúrno e nocturno en restauración ou actividades recreativas e festivas.

Estamos, en definitiva, diante dunha burbulla de emprego precario (moitas veces irregular) de traballadores estranxeiros (do Sur global) que depende do negocio de millóns de visitantes estranxeiros (do Norte global).

É así como o conxunto de España funciona como un parque temático para este encontro norte-sur  do que múltiples rendistas (de vivendas e de negocios varios) tiran uns importantes ingresos, mentres colapsan o acceso á vivenda, a vida urbana e a sustentabilidade ambiental do país. Porque as mans invisibles dos mercados deciden os fluxos de turistas e de inmigrantes, os usos das vivendas e das nosas cidades, dos recursos e do medio ambiente.

Sobra dicir que si este modelo medrou ata agora ás súas anchas, seguirá a facelo deica a súa explosión  da man de Gobernos (locais, autonómicos e pode que pronto estatal) entregados sin límites a esas mans invisibles. Pois son milleiros de rendistas os asociados a estes Parques Temáticos, conscientes de que é a man invisible sen ataduras a que garante o seu privilexiado nivel de vida e que, polo tanto, están a ser propagandistas moi activos das alternativas de extrema dereita que supoñen lles protexerán os seus privilexios.

Esta análise foi publicada en castelán no semanario dixital Sin Permiso o día 6 de setembro de 2026

___________________

[1]      Sobre a relación do crecemento do emprego co vector turístico e de este co colapso da vivenda:   https://www.sinpermiso.info/textos/crecimiento-economico-espanol-turismo-y-vivienda
[2]      Crecemento impulsado pola dixitalización masiva dunha oferta minifundista de vivendas de uso turístico. Grecia, Portugal e España son grandes e intensos destinos turísticos na UE que partillan, non por casualidade, un grave problema de encarecemento da vivenda (ver aquí)
[3]      Algo sobre o que veño chamando a atención dende hai oito anos: https://www.infolibre.es/opinion/plaza-publica/jovenes-burbuja-alquiler-espana_1_1163157.html
[4]      Que con datos (INE) da primeira metade do 2026 continúa a aumentar.
[5]      https://www.sinpermiso.info/textos/sobre-un-acelerador-invisible-de-la-actual-bomba-inmobiliaria#_ftnref1