Atados como estamos á noria que moven ininterrumpidamente as innumerables terminais da comunicación, o que nos queda é supeditar o valor dun acontecemento aos estándares dos que se valen os medios non só para convertilo en noticia, tamén para predeterminar o tempo de exposición. Semellante poder provocou que o sector da comunicación, cada vez máis transversal e por elo tamén cada vez máis imprescindible, se organice en función dos valores de mercado. Entenderase, pois, que a información sobre o acontecer sexa seleccionada polos medios e polas terminais que almacena Internet non pola súa relevancia pública, senón polos decibelios que podería acadar a súa combustión. Competindo despois en dar o do de peito en facelo realidade, os medios e esas terminais converxerán, cada quen segundo os seus propios cálculos de negocio e seducción de audiencias, buscando no espectáculo -iso que se deu en chamar infoentretemento- a maneira máis segura de conseguilo.
Así foi como se producíu o evento/espectáculo parlamentar de Ramón Tamames, o estraño candidato proposto por Vox na súa segunda moción de censura contra o goberno español de coalición. E de verdade que deu cancha para iso. Prepotente, e sen máis escudo que o dos ultras, forzou contra el un inmisericorde castigo moral por, entre outras cousas, alterar a verdade histórica convertíndoa nun pastiche revisionista. Así, das súas palabras poderíamos deducir que a Franco non lle quedou outra que encabezar no 36 unha cruzada para liberar España da guerra fratricida que dous anos antes provocara o socialista Largo Caballero. E que a transición non tivo no 78 a súa fonte de lexitimidade, senón dous anos antes, no referendo da reforma política que garantía non a ruptura e si a evolución do réxime franquista que encarnaba a Coroa. Todo un exercicio de intencionada desmemoria, tan ao gusto de Vox.
Porén, apagadas as luces deste sorprendente espectáculo, xa nada prometía entretemento, e nunca máis se soubo de Tamames e da súa vicaria moción de censura. Non obstante, detrás do que motivou a elección deste ex antifranquista e do que revelou o desenvolvemento do guión da moción quedaron espazos de sombra que calquera medio de comunicación responsable, non entregado ao presentismo descontextualizador nin ao xornalismo de partido, tería que ter iluminado.
Pero alén da astracanada protagonizada por Tamames, modelo na arte do travestismo político máis involucionista -do marxismo na clandestinidade ao neoliberalismo autoritario de agora, con etapas conspirativas que o sitúan na antesala do 23F e nos fogóns do chamado Sindicato do crime contra Felipe González, ata acabar como un renegado do antifranquismo-, a moción da ultradereita tivo ao meu ver maior transcendencia política. O vello profesor participaba nese concilium cun plus de representación: o de prestarse a ser un pivote na estratexia que as dereitas -a política, a xudicial, a económico/financeira e a mediática- tecen sen ningún tipo de límites contra os que ameazan con desbordar a liña de contención -e censura- que se autoimpuxeron os fundamentalistas do réxime do 78.
Os ultras da moción saben que ese é un mistificado campo de resistencia patriótica, no que é fácil xerar afinidades electivas de grupos e persoas encadradas entre a extrema dereita e os inmobilistas da Constitución. E fan por provocalo. Ese experimento funcionou a tope contra os independentistas que promoveron o procés. Con éxito. Non só polas sentenzas, sobrecargadas de ideoloxía patriótica. Moi especialmente polo que esa marexada político/xudicial xerou en contra das autonomías e a prol dunha recentralización de competencias. Un estado de opinión coincidente co ideario reaccionario de Vox, pero que tamén tivo e segue tendo acollida tanto dentro do PP -a FAES de Aznar, explícitamente- como do PSOE -Alfonso Guerra e outros da vella garda socialista.
Vista así, a moción non era tanto un torpedo contra o sanchismo -sabíano fracasado- como un reclamo no que picasen todos cantos, nun totum revolutum de indefinidos contornos ideolóxicos, fan da patria un estandarte e dos consensos da Transición que o bipartidismo (PP e PSOE) se encargou de revisar á baixa tras o 23F, as táboas da lei. No intento por resucitar un actualizado espírito do 12 de febrero -aquel engañoso enredo franquista de Arias Navarro-, Vox busca poñer en evidencia as contradicións nas que eles dous están instalados, para pescar en augas revoltas e forzar nas eleccións de decembro un goberno ad hoc.
Mentres isto non sucede, o obxectivo é meter presión para que Sánchez resista as pretensións dos seus socios de lexislatura e non mova nin un centímetro os marcos do pacto da mitificada Transición. Sinais diso xa enviou bastantes. Incluída a indisimulada estratexia de desgaste e aniquilación política de Podemos. As súas indispensables cesións no goberno de coalición -sempre no terreo das liberdades sociais, ningunha no das estruturas e compromisos de Estado, como está demostrando en relación coa guerra en Ucraína- veas indirectamente compensadas coa persecución tanto por vías legais como ilegnais dos podemitas pola dereita política, xudicial e mediática.
En efecto, aínda que con métodos de variada carga ética e moral, as dereitas todas converxen con amplas capas directivas do PSOE en non permitir que o partido do 15M asente no sancta santorum do poder, do que lle deu participación Sánchez só porque o necesitaba para gobernar. As loubanzas que Sánchez volveu facer da cultura da coalición é pura retórica, como o demostra que non lles concedera aos podemitas ningunha outra representación institucional. E o seu indisimulado apoio ao proxecto Sumar de Yolanda Díaz, que non ocultou na moción a súa intención de seguir formando parte subalterna nun reeditado goberno de coalición, reafírmao.
Entendo, pois, que a moción de censura foi toda ela un exercicio de simulación. Malia o estado de mútua e circunstancial aversión que se prodigan en público, o bipartidismo converxeu, co non do PSOE e a abstención do PP, no territorio cuxos marcos soportan o mitificado relato da Transición. Certo que en medio dun escandaloso paradoxo. Xusto cando aquel a quen teñen polo seu motor está fuxido, por corrupto, e vive ademais protexido por unha das autocracias máis desalmadas. Proba evidente de que o réxime do 78 que derivou dela está agotado. O malo é que non están dispostos a recoñecelo.