¿Por que mobilizarse… e ir votar?

 

Fronte a mobilización electoral impulsada polo Partido Popular centrada en descualificar, nas eleccións ao Parlamento Galego, ao Goberno de coalición da Moncloa manteño que as esquerdas (nacionalistas ou non) deben empurrar unha mobilización centrada na defensa dos servizos públicos pero tamén de solventes obxectivos de modernización de Galicia.

Por exemplo na transición enerxética ou na dixital. Asuntos dos que a actual Xunta de Galicia prefire non falar. E así entre as moreas de páxinas de informes oficiais sobre a situación socioeconómica do país chama a atención que nesta época de big data, e de tantas app en tempo real a todo trapo, pasen desapercibidos asuntos de importancia crucial.

Este é o caso do que vou a recoller aquí tirado da páxina 46 da Memoria Anual do ano 2022 do Consello Económico de Galicia. A última aprobada e difundida. Pois agora que resulta case cansiño escoitar falar a destro e sinistro da transición dixital como un obxectivo crucial para todo e para todos, resulta que nesa páxina aparece un gráfico que é demoledor, patético, abraiante… en fin, para saír correndo. É este:

As situacións extremas no Reino de España neste asunto no ano 2021 teñen dous nomes: Madrid e Galicia. A capital do Reino (xunto a Cataluña, Valencia e País Vasco) están moi por riba da media … mentres en Galicia ocupamos o vagón de cola, o farol vermello.

E non se pense que este indicador foi calculado cun dato ou dous collidos polos pelos para facer un truco e manipular. Non señor, nada menos que resumen dezaseis indicadores agrupados en tres dimensións: conectividade, capital humano e uso das TIC.

Van de seguido para quen se queira facer unha idea da gravidade do asunto:

[1] Cobertura 5G, medida en termos de porcentaxe de áreas habitadas.
[2] Empresas con acceso de banda ancha fixa por redes de cable e fibra óptica FTTH (% sobre o total de empresas con conexión de banda ancha fixa).
[3] Empresas con acceso de banda ancha fixa con velocidade 1Gb/seg ou superior (% sobre o total de empresas con conexión de banda ancha fixa).
[4] Fogares con acceso de banda ancha fixa (% sobre o total de fogares).
[5] Poboación con cobertura de banda ancha de 100 Mbps ou máis (%).
[6] Empresas que proporcionaron actividades formativas en TIC aos seus empregados (% sobre o total de empresas).
[7] Individuos con habilidades de comunicación avanzadas (% sobre o total de persoas).
[8] Individuos con habilidades de resolución de problemas avanzadas (% sobre o total de persoas).
[9] Individuos con habilidades dixitais por encima das básicas (% sobre o total de individuos).
[10] Mulleres especialistas TIC por tipo (% sobre o total de persoal especialistas TIC).
[11] Persoal especialista TIC sobre o total de persoal (% sobre o total de empresas).
[12] Persoas que enviaron formularios cumprimentados para tratar coas AA.PP. a través de Internet (% sobre 0 total de persoas).
[13] Empresas que utilizan Medios Sociais (% sobre as empresas que teñen acceso a Internet).
[14] Persoas que mercaran a través de Internet nos últimos 3 meses (% sobre o total de persoas).
[15] Empresas que analizaron Big Data (% sobre o total de empresas).
[16] Empresas que utilizan páxinas web para realización de pedidos ou reservas on-line (% sobre empresas que teñen acceso a Internet e páxina web).

En nada menos que dez deses dezaseis indicadores temos un nivel baixo e só en seis un valor medio. En ningún un valor alto. Todo un capital para que os xestores da Xunta de Galicia se poñan a sacar peito do seu balance de moitos anos, e mesmo reclamen estes días a cidadanía a súa confianza para seguir pilotando a dixitalización do país. Impresionante.

Enténdese que con este tipo de maletas baixo o brazo (e falar da sanidade ou do ensino, como tamén dos negocios eólicos ou hidráulicos sería máis do mesmo) a dereita non queira falar disto, que é o que a Xunta de Galicia e o Parlamento Galego poderían xestionar en favor da cidadanía, e prefiran mobilizar ao electorado para que vote en defensa da indisoluble unidade de España e contra da presunta subordinación ao nacionalismo catalán ou vasco. Porque nun caso perderían votantes e no outro pensan gañalos. E son xente esperta, xente lista.