MÁIS LEÑA SECA

por Luís Álvarez Pousa

Mentres a verdade histórica non reemprace á verdade oficial, o 23F seguirá formando parte dun relato máis ou menos ficcionado da Transición. As versións narrativas daquel golpe descubren só partes do guión, pero non completan o puzzle da conspiración. A lei franquista de segredos oficiais sigue custodiando como ouro en pano as chaves que iluminarían os ángulos escuros. A estas alturas, seguimos a velas vir, presos da liturxia patriótica que contribuiu a novelar o sucedido en formato lampedusiano e a incensar o culto a aquel rei que na tarde/noite de autos e a pesar de que os golpistas dicían actuar ás súas ordes, tardou case oito horas en dar a cara por TV.

Algo así non parece encaixable nunha democracia plena. Auscultándoa á luz doutros acontecementos posteriores, tampouco. Que 40 anos despois quen fora obxecto de culto se dera á fuga para amortiguar a sobrecarga presuntamente delictiva dos seus actos, e nin por esas se autorice unha investigación na cámara da soberanía popular, provoca serias dúbidas sobre a calidade desa democracia. Reivindicalo en medio de semellante escenario, como se fixo nesa mesma cámara, non deixa de ser unha boutade para consumo interno. Porque ese rei emérito goza, pese a todo, das vantaxes dunha asimetría xudicial que é especialmente cruel con outros cidadáns de a pé —líderes sociais como os Jordi en Catalunya ou rapeiros como Hasél—, díscolos e refractarios ás mensaxes do establishment dominante no Estado.

O alboroto que se montou polas declaracións de Pablo Iglesias relativizando a tan festexada normalidade política e democrática é, aparte de cínico, criminalizador. Por saírse unha vez máis do guión. Porén, non sirve de nada botar man da razón de Estado para xustificar todo o que, por non aterse aos estándares de calidade democrática, máis tarde ou máis cedo acabe rematando no TEDH, e nas sentenzas polas que España e con ela os patrióticos togados que as provocaron teñen motivos para sentirse avergoñados.

Porque non pode haber unha razón de Estado para o indulto aos golpistas do 23F e outra para negarllo aos presos do Procés. Unha para o emérito e a Coroa, para o partido da corrupción e da policía patriótica, ou para os neofascistas que desfilan ao seu aire con bandeiras e proclamas guerracivilistas, e outra para cantos movilizan pacificamente o malestar nas rúas e nos escenarios porque se sinten vítimas dese sistema.

A plenitude democrática non casa con eses e outros buracos negros. Outro dos máis insondables e lesivos, o poderío duns medios de comunicación cuxas terminais están na súa maioría controladas por bancos, poderes económicos e fondos buitre. A poeira que levantou entre a canallesca a denuncia que diso tamén fixo atinadamente no Congreso o vicepresidente podemita non pode entenderse senón como unha reacción de rabioso cinismo. E como unha exhibición da súa mala conciencia.

Así que menos fume e máis leña seca.