¿Máis celulosa de eucalipto? NON GRAZAS

Hai xa un ano, ao comenzo do debate social sobre o proxecto ALTRI, publicara dúas entradas neste dixital. A primeira o 10 abril de 2024 “Lyocell e os eucaliptos de Galicia” e a segunda o 15 abril de 2024 co título “Porqué non é de utilidade pública nin sostible a factoría de Altri?”. Por aquelas datas tamén publicara no xornal Nós unha análise da que me permito reproducir aquí unha gráfica da miña autoría (con datos da FAO) para fundamentar brevemente o título desta breve nota.

As coníferas son as distintas variedades de piñeiros, e as non coníferas son no sur de Europa, e dende logo na península ibérica, o eucalipto. Vemos que Galicia xa é un país cun monocultivo celulósico de eucalipto absoluto, co que provocamos que o reino de España sexa unha anomalía na estrutura de materias primas desta industria en Europa.

A conclusión é que calquera industria -como Altri- que teime en demandar máis eucalipto galego para pasta celulósica tería que paralizarse para non ampliar aínda máis esta especialización industrial e as masas arboradas necesarias que veñen espallándose sen control e sen  unha axeitada xestión silvícola. Puro absentismo dun mundo rural en despoboación e con cíclicas vagas incendiarias. Si non o fai a Xunta de Galicia (por unha subordinación lamentable) terá que facelo o Goberno de España denegando as axudas e permisos que del dependan si quere defender os intereses colectivos do país.

E si, como parece, parte desa celulosa vai ser transformada na fibra téxtil Lyocell tampouco Altri vai por bo camiño. Porque o maior consumidor mundial desta fibra (Inditex) nunha memoria anual recente esixía que os bosques dos que proceda o tal Lyocell sexan xestionados cunha certificación de bosques sostibles, e non me consta que unha parte significativa e suficiente dos eucaliptais galegos teñen esa certificación.

Requisito de uso de lyocell por Inditex. Fonte: Inditex (Anual Report 2016)

 

Son dous argumentos de peso. Non fai falla, no meu criterio, entrar a discutir en como vai facer celulosa ou Lyocell a planta de Altri (e son moitos os disparates desa localización nas terras da Ulloa), porque a materia prima que quere usar en Galicia (os eucaliptais) deben minguar de xeito contundente e non seguir a espallarse. Mesmo tamén -como se observa nesta foto- no monte e miradoiro máis visitado do país.