Este mes de febreiro, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais de España fixo público un informe sobre a cobertura dos servizos aos maiores no ano 2022. Como queira que boa parte dos medios de desinformación galegos non se ocuparon deste documento, paso a recoller aquí algúns titulares que nos permitan situar Galicia no contexto das Comunidades Autónomas para avaliar o noso nivel de cobertura relativo, para contrastar aquelo da Galicia que funciona.
Estímanse en case noventa mil as prazas de residencias que deberan engadirse ás catrocentas mil existentes para ter unha cobertura mínima decente (para o 5% dos maiores de 65 anos) no conxunto do Reino de España. Pero a situación é moi asimétrica por Comunidades, como recollemos neste gráfico do devandito informe.
Galicia está en terceiro lugar pola cola con case catorce mil prazas de déficit, nas antípodas de Castela-León que ten dezasete mil de superávit. Como ben se ve, estamos na Galicia que funciona.
E que se pode dicir das prazas xa existentes? O informe presenta outro gráfico que tamén fala por si só. É o seguinte:
Galicia está por baixo da media nas dúas medidas de referencia. Non só por baixo do 5% dos maiores de 65 anos que se considera un obxectivo básico, senón por baixo da media do Reino de España (4,1 %) con apenas un 3 %, pero tamén por baixo nas prazas que teñen un financiamento público (nós 2,3 % fronte a media do 2,8%).
Sendo así que nos últimos dez anos (2012-2022), por vez de medrar o número de prazas totais diminuíron pasando de 23.381 a 21.650 en Galicia, nada que ver co importante incremento que se anota no conxunto de España.
Isto quere dicir dúas cousas. Que estamos no pelotón de cola das Comunidades que poden acoller en residencias aos seus maiores, e que os que poidan ser acollidos van ter que pagar do seu peto (ou coa venda do seu patrimonio) moito máis que noutras partes de España.
A Galicia que funciona seica consiste en aumentar as probabilidades de que os nosos maiores estean en risco de non ser atendidos axeitadamente: por non haber prazas ou por non poder pagalas.