Mamáaaa, a bombona!

 

Sempre era igual. Chegou un momento da miña adolescencia en que empecei a acreditar que a miña relación coa bombona de butano era especial, que tiña un superpoder que relacionaba o tempo das miñas duchas, en especial aquelas que requerían lavar o pelo, co momento en que o butano esmorecía ate converter a auga quente en glacial líquido en tempo récord sempre, sempre, no peor momento. E velaí o berro desgarrador a pedir axuda a un ser supremo, outrora denostado porque a adolescencia non ten deuses, para que viñese a me solucionar o problema sen pedir nada a cambio.

Non foi esa a única derrota que nos colaron como avance (…) Tamén me veñen á cabeza esas enquisas de emprego da lingua das aulas de infantil nas que, segundo a maioría simple das respostas (que poden non ser estritamente reais), se decide o idioma adoptado para o ensino das crianzas.

Co tempo, a amenaza da bombona empezou a perder importancia porque nos afixemos a que a auga quente xurdise da maxia da calefacción central e da electricidade. Pero un día chegou a factura da luz e saímos da ducha coa toalla enchoupada de xel de avea do Mercadona e o pelo pingando para comprobar que todo se controlaba desde o capital das eléctricas e, pensándonos máis listos ca ninguén, devolvéramoslle o agasallo do lume a Prometheo. Que perdéramos o que outras conquistaran.

Non foi esta á única derrota que nos colaron por avance. Ando estes días lendo programas vellos de festivais que xa foron. Nun deles, de 1985, atopo esta cita dentro da descrición das actividades realizadas por unha asociación cultural que naceu desde a iniciativa das ANPAS do momento (malia que creo que daquela aínda non levaban o “N”) para poder atender ás crianzas ao tempo que se formaban como persoas no amor pola cultura de noso: “Tóda-las clases son impartidas en galego, sendo obligación dos alumnos expresarse i escribir en galego, como idioma oficial da Escola”. Asemade, por formación, vénme á cabeza o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia que establece con claridade que materias, como por exemplo as matemáticas, non poderán ser impartidas en galego. Tamén me veñen á cabeza esas enquisas de emprego da lingua das aulas de infantil nas que, segundo a maioría simple das respostas (que poden non ser estritamente reais), se decide o idioma adoptado para o ensino das crianzas. E a min todo iso, combinado coa certeza de que, se a día de hoxe algunha iniciativa docente se atrevese a poñer por escrito un acordo pedagóxico como o que se desenvolvía nesta asociación desde o ano 1983, teríamos unha resposta de certo grupo da cidadanía que apelaría á censura das liberdades individuais, déixame bastante fría. Porén, sei de boa tinta que o mesmo grupo de persoas estaría flamantemente feliz se as aulas se impartisen en inglés. Porque iso sería compaxinar a aprendizaxe de dúas disciplinas útiles. De feito, o ideal sería ter clases extraescolares de chinés en inglés, que iso cubre moitísimo das necesidades que as crianzas van ter no futuro. E desde logo, ningunha das aulas extraescolares falaría da fontanería ou de como repoñer unha bombona de butano.

Visto o visto, entendo que os deuses non queiran prestarnos o lume, e entendo que as nais, ante o feito de quedármonos conxeladas no pasado, ignoren a nosa chamada e se centren en levar ás netas aos parques e, como moito, a música e baile. A ver se desta vez aprenden que avanzar é ir cara adiante.