Lecturas das Eleccións Europeas

Os resultados destas últimas eleccións europeas na maioría dos Estados da UE viñeron confirmar o que repetidamente sinalamos nestas páxinas: que por mor dunha policrise (política, económica, financeira, ambiental e institucional), que está facendo cambalear non só os alicerces do modelo neoliberal senón do propio sistema capitalista, a Unión Europea avanza a pasos axigantados á súa propia voadura. Unha voadura que se ve empurrada polo auxe que as formacións de extrema dereita están experimentando en practicamente toda a UE, pero que acada especial relevancia en Estados como Italia, Francia, Alemaña e Austria, que viñan constituíndo o eixe nuclear dun proxecto europeo cada vez mais desigual e difuso.

Unha voadura cuxa orixe vén de bastante máis atrás xa que os sucesivos tratados que se foron aprobando, seguindo o modelo ordoliberal, non fixeron mais que afondar nas diferenzas (económicas, financeiras, comerciais, sociais) entre os distintos estados. Diferenzas que se xa estaban na Unión orixinal (Norte/Sur) se intensificarían coas sucesivas ampliacións aos Estados de Europa do Leste sen que as autoridades europeas (dirixidas por Alemaña) foran quen de aceptar que era urxente cambiar o rumbo se realmente se quería avanzar cara aos obxectivos que constan nos principios fundacionais da Unión Europea.

Esta aposta neoliberal levaría a que, dende o estoupido da crise bancaria (2009), a Unión Europea no seu conxunto entrara nunha fase de baixo crecemento económico, con desigualdades sociais e territoriais crecentes, unha extensión das bolsas de pobreza, unhas débedas públicas e privadas disparadas e unha perda crecente de posicións da propia UE no taboleiro internacional. Unha aposta neoliberal que contaría co apoio das forzas conservadoras, liberais e socialdemócratas o que facilitaría o auxe dunhas extremas dereitas que souberon ver o crecente descontento social e como as súas posturas xenófobas, racistas, centrífugas e violentas atopaban cada vez maior audiencia entre as clases de rendas medias e baixas. Un auxe que tamén se viu favorecido pola actitude das dereitas tradicionais, que se inicialmente rivalizaban coas dereitas extremas finalmente non terían reparos en facer súas moitas das  propostas destas (inmigración, violencia de xénero, benestar, medio ambiente…).

Pero seguramente que na actualidade a maior traxedia política de Europa é o estado en que se atopan as esquerdas, tanto as históricas como as novas, tal e como vimos de comprobar nestas últimas eleccións ás que, globalmente, chegaron nun estado certamente lamentable. Velaí os resultados colleitados. Resultados que non deberan sorprender porque, como sinalaba antes, unha parte destas esquerdas (a socialdemocracia) é tamén responsable da situación na que se atopa Europa ao ter apoiado os tratados e as políticas neoliberais que nos levaron onde estamos mentres as outras esquerdas (que se presentaron como novas) nunca foron quen de  atopar un discurso coherente para as maiorías sociais e pasaron moito tempo en batallas e loitas cainitas como nos vellos tempos. Así, como esperaban ganarse a confianza da maioría?

E moi triste ter que recoñecelo, pero as esquerdas europeas actuais non ofrecen a confianza suficiente de que sexan quen de impedir os avances das dereitas extremas. Sería necesario que se producira no seu interior unha revolta que, hoxe por hoxe, non se ve no horizonte inmediato. Unha revolta que debería ter alcance e dimensións europeos.