Leccións do colapso eléctrico para Galicia

O suposto mercado eléctrico ten varios problemas non pequenos. De entrada non é un mercado competitivo, porque a oferta (xeradores) e a demanda (comercializadores) son uns poucos e os mesmos grupos oligopólicos. En segundo lugar, ten unha dimensión xigantesca (por caso, o reino de España), o que impide facer unha xestión resiliente fronte a riscos de colapsos. O terceiro é que os mesmos que veñen dominando o complexo fósil-nuclear están a controlar as fontes renovables (hidráulica, eólica e solar). E a iso debemos sumarlle que o seu produto apenas se pode almacenar, e debe axustarse instantaneamente a súa oferta á demanda. 

Para conxugar estes problemas, existe un xestor da rede (Rede Eléctrica Española-Redeia, público nun 20% e privado no 80% restante) que debe encaixar oferta e demanda para uns prezos marxinalistas, pero sempre subordinado a lóxica do beneficio. Con estes problemas, a suposta “man invisible” destes axentes vai favorecer situacións de alto risco social, ambiental e económico. E é por iso que só un xestor cento por cento público, con certos operadores públicos e a unha escala de menor tamaño, pode evitar eses riscos. 

A inflación interanual da electricidade en marzo deste ano era do 12,8 % fronte ao 2,3 % do IPC xeral segundo o INE (catro veces máis), o que explica que veñan acadando récords de beneficios: 7.700 millóns en medio ano.  

Podemos dicir que un mercado eléctrico é un imposible lóxico. Que o sistema eléctrico só pode xestionarse de xeito público e colectivo. Por varias razóns de moito peso, pois “non estamos ante un mercado con oferta e demanda, senón que estamos ante un sistema de produción que hai que optimizar”, e ao non facelo, “as empresas eléctricas teñen creado comercializadoras, co que se venden e se compran elas mesmas a electricidade, e fano nuns mercados que xestionan as OMIs, das que tamén son propietarias as eléctricas. Quérese dicir, a UE creou un falso mercado que lles permite ás eléctricas actuar como un cartel”.  

Con todas estas premisas, aparte de sentar as bases para que se poida producir un colapso, como veremos de seguido, os axentes deste mercado adoitan obter unha rendas extractivas moi elevadas, pois manexan os prezos ao seu favor. Así, a inflación interanual da electricidade en marzo deste ano era do 12,8 % fronte ao 2,3 % do IPC xeral segundo o INE (catro veces máis), o que explica que veñan acadando récords de beneficios (7.700 millóns en medio ano). Nisto seguen a xeira do mercado oligopólico financeiro que tamén bate récords ano tras ano, pois apenas remunera aos aforradores, alimentando así unha burbulla inversora inmobiliaria especulativa en todo o país. 

O momento do colapso  

Con este precedentes, paso a relacionar algúns feitos -recentes ou inmediatos- vencellados ao shock eléctrico total de finais do pasado abril na península ibérica. Xa no pasado mes de febreiro, REE-Redeia advertía aos inversores do risco de que a retirada de xeración como carbón, ciclo combinado e nuclear (por regulacións de descarbonización e calendario de peche nuclear) comportaba unha maior ameaza de apagón eléctrico. Textualmente: “implica unha redución da potencia firme e as capacidades de balance do sistema eléctrico, así como a súa fortaleza e inercia” 

No momento do colapso, as nucleares non entraron no mercado para non perder diñeiro, tampouco o fixeron as hidroeléctricas para non perder auga, polo que o sistema deixouse depender moi por riba da súa metade da fotovoltaica.  

Cómpre sinalar que, coincidindo con estes diagnósticos, o tándem Feijóo e Abascal xa viñan reclamando que o axuste da achega fósil-nuclear se reconsidere e se libere con parámetros trumpistas. Semellan desprezar, máis aló dos problemas de inercia e xestionabilidade, que non temos combustible nuclear propio e moito menos resolta a xestión dos refugallos e das incertidumes tipo Fukushima. Tamén semellan ignorar a dependencia exterior do gas (de Rusia ou dos Estados Unidos). Desprezando as vantaxes da non dependencia exterior da hidráulica, eólica e fotovoltaica, e da máxima xestionabilidade e inercia da primeira. 

Con estas premisas, pola maña do día do colapso (8 a 9 horas), cando os prezos eran altos (hasta 48 euros/MW), as distintas fontes partillaban a cobertura da demanda (ciclos de gas, nuclear, hidroeléctrica, eólica, fotovoltaica) con pesos bastante equilibrados á media anual para o conxunto do reino de España (ver no gráfico que acompaña esta análise, en cor amarelo). Pero no momento do colapso (mediodía do día 28 de abril, e con prezos moi baixos) sabemos que “as nucleares non entraron no mercado para non perder diñeiro, tampouco o fixeron as hidroeléctricas para non perder auga”, polo que o sistema deixouse depender moi por riba da súa metade da fotovoltaica

As dúas enerxías que máis estabilidade e flexibilidade lle dan ao sistema ((hidroeléctrica e ciclos combinados) en vez de achegar á media anual do 27%, no momento da apagada só achegaban a un 13%.

Sen case ciclos de gas, pouca nuclear e hidráulica (e coa eólica freada nun reducido dez por cento), REE-Redeia deixou así bascular ao sistema no punto crítico dunha treboada perfecta (de moi escasa inercia e escasa xestionabilidade), a nada que a man invisible (sobre a que quere o presidente Sánchez que se investigue moi de vagar) deixase fora do sistema unha parte da fotovoltaica (en pleno medio día!) activando algoritmo de IA do sistema de por medio- unha caída do sistema a cero en cinco segundos: un colapso total sen marxe de manobra. Unha profecía, a de febreiro, auto cumprida. 

Reitero: porque as dúas enerxías (hidroeléctrica e ciclos combinados) que máis estabilidade e flexibilidade lle dan ao sistema en vez de achegar a media anual do 27%, no momento do colapso só achegaban un 13%. Por puras e duras razóns de rendibilidade privada das súas empresas, e por riba das razóns de seguridade e estabilidade do sistema eléctrico. 

O relato sistémico invertido  

Os medios de desinformación sistémicos tiraron unha lección moi sinxela: é preciso non depender “en exceso” das renovables (solar, eólica e hidráulica) e manter a nuclear e os ciclos de gas a todo trapo. De feito, ás oito da mañá a nuclear, a eólica, a hidráulica e os ciclos combinados si estaban a boa marcha, porque eran as “horas rendibles” do día. A man invisible pastorea así os seus intereses.  

Este é un relato falso e invertido, porque xustamente o dato chave do colapso é que naquela horano sistema non había hidráulica, malia ser unha renovable, xestionable e síncrona; mais os sinais de mercado con prezos negativos fixeron que a hidráulica non entrase no mix de xeración”. Aínda que si había nuclear (que non é flexible/xestionable como si o é a hidráulica). Mesmo se viñeron arriba en pleno colapso dicindo que fronte ao transporte colectivo electrificado (metro, tren), era preferible o privado con fósiles (atascos masivos disculpados, e colapso climático tamén).  

Nunca chegaron a discutir o xigantismo da rede eléctrica ou as megaconcentracións urbanas como Madrid e Barcelona asociadas a centrais nucleares (en Estremadura ou Tarragona). Por máis que o proceso de arranque do sistema o día 28 dende o cero do colapso demostrase que había que facelo (con hidráulica e gas) por áreas e cun trato singular para as grandes aglomeracións urbanas ou industriais. 

O actual é un modelo á medida da troika (Endesa, Iberdrola, Naturgy) eléctrica que pasou primeiro dun sistema moi fósil-nuclear ao hidroeléctrico, que controlan ao cento por cento, e agora ao eólico e pouco a pouco tamén ao solar. 

Prohibido falar dunha trampa para ratos de megaescala, megamáquinas, megaredes ou megapoder controlado por grandes investidores, operadores e grupos financeiros. Todo un negocio tecnolóxico que bloquea alternativas centradas na resiliencia e o máis local. Infraestruturas deseñadas para alimentar enormes fábricas ou xigantescos centros de consumo de enerxía. Preferentemente asociado con grandes aglomeracións urbanas.  

É este un modelo á medida da troika (Endesa, Iberdrola, Naturgy) eléctrica que foi pasando primeiro dun sistema moi fósil-nuclear ao hidroeléctrico (que controlan ao cento por cento), e agora ao eólico coa mesma filosofía, e pouco a pouco tamén ao solar. Co que os super-ricos do fósil nuclear tamén o están a ser das renovables. Lonxe da escala dunha fonte local, renovable, descentralizada e próxima, con autoconsumo local, con empresas de subministración municipais, cooperativas e comunidades de produtores ou veciños. 

Fonte: elaboración propia con datos de REE [ampliar gráfica]

Alternativa resiliente ao fósil-nuclear  

Aos que, como en Galicia, podiamos ter todo o consumo doméstico cuberto con hidráulica nun subsistema propio, quedounos cara de parvos con este colapso eléctrico. Que só se explica porque quen nos goberna é a man invisible dos Naturgy, Iberdrola ou Endesa pastoreados por REE-Redeia.  

Pois, como lembraba Joan Herrera recentemente “a enerxía xestionable, síncrona, renovable e de resposta máis rápida é, con diferenza, a hidráulica (…) É a enerxía hidráulica a que pode achegar maior estabilidade ao sistema”, o que nos permitiría en Galicia -e tamén no conxunto do reino de España- xestionar a eólica e a fotovoltaica (que a cada paso suman -e deben sumar- máis potencia) con grande estabilidade do sistema (con maior inercia). Sobre todo en Galicia, onde  a hidráulica no 2024 achegou case o 44% da electricidade (fronte ao 13% do total español). 

Pero isto só será posible se as concesións hidroeléctricas franquistas de hai máis de 70 anos reverten no patrimonio público e non son xestionadas baixo o criterio do máximo beneficio por Naturgy, Iberdrola, Endesa, etc., desconectándoas como sucedeu o luns 28 de abril ao medio día (afundindo así a inercia do sistema). Pois só conformando unha empresa pública hidroeléctrica con estas concesións tiraremos proveito público -e non privado e provocando riscos- da “xoia do sistema ibérico que é a enerxía hidráulica”. Que é propia, renovable e síncrona. Un triple bingo. 

Sobre esa base hidráulica pública (44% da xeración en 2024) ao servizo do conxunto do sistema, en Galicia a importante achega eólica (38%) podería xestionarse de xeito flexible e con inercia (para consumo interno e/ou para o resto de España), o que nos permitiría prescindir dos ciclos de gas, na medida en que tamén acheguemos a solar ao nivel medio español (sobre todo con comunidades enerxéticas) dende o seu actual papel residual. Mentres que no conxunto do reino de España a hidráulica e os ciclos poderían xestionar (máxima inercia e flexibilidade para evitar colapsos) a achega da eólica e solar, prescindindo da nuclear.

Temos que ir cara un modelo menos centralizado, menos oligopólico e máis distribuído por áreas (por caso autonomías e nacionalidades), que tería maior resiliencia e maior resistencia de ciberseguridade.   

Por suposto que isto comporta que temos que ir cara un modelo menos centralizado, menos oligopólico e máis distribuído por áreas (por caso autonomías e nacionalidades) que tería maior resiliencia e maior resistencia de ciberseguridade. Un modelo tamén nisto federalizante como teño argumentando recentemente no xornal Nós (datas 11 novembro 2024 e 19 febreiro 2025). Un modelo que permitiría que en Galicia todos os cidadáns desfrutásemos dunha “renda básica eléctrica universal” de consumo eléctrico para usos domésticos derivada dunha hidroelectricidade xa pública. E no que se procuraría que o conxunto da electricidade renovable do reino de España (que no seu 70% ten hoxe a súa orixe en cinco nacionalidades ou rexións que supoñen só o 20% do PIB, mentres as catro máis ricas co 50% do PIB só achegan o 6%) tivese unha distribución menos asimétrica (sobre todo no binomio fotovoltaica e eólica).   

Un modelo, en definitiva, que asuma a lóxica de arranque do sistema dende cero do día do colapso (hidráulica e subáreas). Tamén un modelo de estrito aforro enerxético. Sen depredadores electro intensivos (como a planta de alúmina – aluminio da Mariña de Lugo, ou para hidróxeno verde ao servizo de Maerks), primando o uso directo da nosa electricidade renovable para o transporte de pasaxeiros electrificado colectivo (metro, cercanías, tranvías…) fronte ao particular electrificado. E transvasando as mercadorías: da estrada ao ferrocarril electrificado. Amplío todo isto entre as páxinas 54-64 do meu recente libro “Galicia. Un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024) onde entre outras cousas anotaba: 

“Nestas circunstancias, retornar as concesións hidráulicas a onde nunca deberon deixar de estar (dominio público de empresas locais) e evitar que pase o mesmo coa eólica, son dous retos cruciais –máis que complicados- para a Galicia deste comezo do século XXI. Para non seguir a andar tan desnortados. Digo e reitero máis que complicados porque, por caso, a cota de parques eólicos singulares de iniciativa municipal supón apenas o un por cento da potencia hoxe instalada no país. Unha nova Xunta de Galicia e a capacidade de investimento das Deputacións Provinciais deberían tomar boa nota desta escandalosa asimetría neoliberal”. 

Así, electrificando por ferrocarril o transporte de mercadorías por estrada, poderíamos reducir a dependencia de hidrocarburos importados. E electrificando a calefacción doméstica, facer o propio coa dependencia do gas importado. Dous vectores básicos a alimentar con electricidade de base hidráulica (pública e potenciando o bombeo como xeito de almacenamento da eólica). Na medida en que evitemos usos despilfarradores (hidróxeno verde) e reforcemos a actual potencia eólica coas potencialidades fotovoltaicas sen desenvolver (evitando a actual captura e vertido dos excedentes polo oligopolio dos comercializadores). 

Non estou a inventar a roda pois nesta mesma liña publicouse, xa no ano 2009, na revista Scientific American un plan semellante baseado en aero xeneradores, centrais mareomotrices, centrais xeotérmicas, centrais hidroeléctricas, instalacións fotovoltaicas e termosolares que, sen necesidade de recursos fósiles ou atómicos, cubrirían as necesidades humanas no planeta