Israel fronte ao espello

No antisemitismo clásico, as persoas xudeas tanto eran acusadas de seren plutócratas que dirixían a economía e as finanzas mundiais coma anarquistas dispostos a dinamitar o sistema, intelectuais elitistas ou ratas infectas que buscaban a putrefacción da civilización cristiá, o que conviña en cada caso. En lexítima defensa debían ser desposuídas e expulsadas, a poder ser aniquiladas. O Holocausto, un dos episodios máis negros da humanidade, encarnou a expresión letal desa ideoloxía macabra. Dise en psiquiatría que un fillo abusado leva inscrita a violencia como recurso único para xestionar os conflitos e tende a converterse nun abusador futuro. Os gobernos de Israel son vítimas dese mal e responden avivando a culpa de Occidente polos padecementos pasados, o embaixador na ONU chegou a exhibir a estrela amarela no peito, coa acusación de equidistancia ou antisemitismo a quen se atreva a matizar un ápice da súa executoria presente. Se teima no matiz, pasa a ser nazi.

Dise en psiquiatría que un fillo abusado leva inscrita a violencia como recurso único para xestionar os conflitos e tende a converterse nun abusador futuro. Os gobernos de Israel son vítimas dese mal e responden avivando a culpa de Occidente polos padecementos pasados. 

Os intelectuais son o que len. Eu, sendo agnóstico, considérome un xudeo máis. A miña formación non se explica sen Xesucristo, Maimónides, Kafka, Proust, Primo Levi, Elias Canetti, Joseph Roth, Karl Kraus, Simone Weil, Georges Perec, Clarice Lispector, Alejandra Pizarnik, J. D. Salinger, Allen Ginsberg, Elfriede Jelinek, Susan Sontag, Marx, Spinoza, Freud, Einstein, Bergson, Wittgenstein, Adorno, Walter Benjamin, Hannah Arendt, Lévy-Strauss, Chomsky, Judith Butler, Naomi Klein, Schoenberg, Gershwin, Benny Goodman, Bob Dylan, Leonard Cohen, Lou Reed, Patti Smith, Frida Kahlo, Chagall, Modigliani, os Irmáns Marx, Lubitsch, Fritz Lang, Dziga Vertov, Billy Wilder, Chantal Ackerman, Stanley Kubrick, Spielberg, os Irmáns Cohen, Woody Allen, Bobby Fischer… O meu sangue cultural é xudeo. Mesmo ao falar de sionismo cabería precisar, o do estado militar que usa o xudaísmo para lexitimar o nacionalismo colonial ou o dos kibutz? 

Equiparar a cultura xudea cos gobernos de Israel equivale a comparar Europa coa Inquisición ou o nazismo. Alemaña soubo xestionar a culpa sen proxectar a súa responsabilidade no Holocausto, transformándoa en empatía cara as vítimas. Os gobernos de Israel móvense na dinámica da vinganza, do abusado abusador que se redime inflixindo barbarie e sufrimento. A cada tanto deben “volver cortar o céspede en Gaza”, din. A lexitimación comeza, coma no nazismo, pola deshumanización. Os palestinos, daquela os xudeos, son caracterizados coma feras salvaxes, suxos, masa informe. Deben ser expulsados, desposuídos, confinados e, idealmente, borrados da faz da terra. A replicación especular do padecemento é tan perfecta, que Gaza dificilmente podería parecerse máis a unha mestura do Güeto de Varsovia e Auschwitz. 

Fálase da “Guerra” de Israel contra Hamás, pero a aviación ou os tanques israelís non se enfrontan a avións ou tanques inimigos. Elixen obxectivos, premen botóns e voltan cear a Tel Aviv. A diferenza entre terrorismo e autodefensa é unha diferenza de tecnoloxía. Hitler non estaba en guerra cos xudeos presos, simplemente os eliminaba ao ritmo que a maquinaria letal llo permitía.  

A desproporción tingue tamén a información. En Gaza non entran xornalistas e máis de 40 foron asasinados por Israel. En Europa no mesmo día equipáranse en crueldade os golpes dunha anciá israelí secuestrada e liberada, da que se nos conta a historia persoal, con 750 asasinatos de palestin@s sen nome, entre eles anciás, cativos e mulleres en estado.  

Israel argumenta que “comezaron eles”. O ataque terrorista de Hamas do 7 de outubro foi antes, pero hai un antes de antes. Deixando a un lado os innumerabeis comezos da segunda metade do século XX, quen fomentou a Hamás para debilitar a OLP senón Israel? Quen, arrepentido de telo feito, seguíu a convivir cos seus atentados como xustificación para negarse a negociar solucións políticas para Palestina? 

Israel é un posto adiantado dos EUA nunha rexión enerxeticamente estratéxica. Así o ten declarado Joe Biden, quen asimesmo dixo abertamente no Congreso: “Se Israel non existise, os EUA teriamos que inventar un Israel para defender os nosos intereses na rexión. Os milleiros de millóns que lle damos son o noso mellor investimento”. Como non van respaldar unha base militar disfrazada de estado e creada á súa imaxe e semellanza, con “pelegríns” chegados en barcos, ocupación de terras, espolio, expulsión e xenocidio da poboación local?  

Falar de guerra abre a porta á desculpa dos excesos e permite vender o relato da autodefensa e o heroísmo que lamine calquera disensión interna. Do que Israel non fala é de crimes de guerra de Hamás, que remitirían a unha legalidade internacional que leva décadas desprezando impunemente. Israel é o pobo elixido e Netanyahu un enviado do profeta Isaías. Nesa lóxica, ante un crime, esquézase a Xustiza e o Dereito e consúltese o Antigo Testamento, outra mensaxe dos EUA ao mundo, por vía interposta, de que a legalidade é directamente proporcional ao arsenal de cadaquén. É doado respectar a Convención de Xenebra en tempos de paz pero foi aprobada para tempos de guerra, para evitar actitudes como a de Biden apelando sen escrúpulos ás “leis da guerra”. Onde van os tempos en que aos conflitos internacionais se respondía co envío de Cascos Azuis? 

A paz e a reconciliación chegarán cando haxa xustiza, os responsabeis de crimes de guerra de Hamás e do goberno de Israel comparezan ante a Corte Penal Internacional, teñan un xuízo xusto e acaten as sentenzas que se deriven. Algo ilusorio, dado que Israel parece a salvo mesmo de ser expulsado da UEFA ou de Eurovisión, sen estar en Europa.