O que incitan a pensar os bombardeos contínuos e indiscriminados (con máis de oito mil mortos, case a metade deles nenos e mulleres, e moitos máis desaparecidos baixo os cascallos de cidades e pobos destruídos), as incursións nocturnas de milleiros de soldados que arrasan con todo o que se move sobre o terreo, o corte de subministros (auga, alimentos, electricidade, medicinas, combustibles…) necesarios para sobrevivir, e un novo desprazamento forzado en dirección norte/sur para máis de un millón de gazetís, é que se trata non dunha guerra -que tería ao exército israelí e ás milicias de Hamás como exclusivos proactores-, senón un verdadeiro xenocidio. No nome da autodefensa, á que ten dereito sempre que non incumpra o mandatado polo Convenio de Xenebra, Israel tenta xustificar o que pode acabar equivalendo a unha limpeza étnica.
Porén, hai un factor, o da información e a comunicación, que xoga un papel determinante non só nas estratexias propiamente bélicas de dous exércitos con equiparable arquitectura militar, que non é o caso, senón tamén en calquera tipo de conflito político, nacional ou internacional. Neste que ameaza seriamente a estabilidade de Oriente Medio, con maior razón. Porque unha das partes, a que desde hai 16 anos mantén sobre o pobo palestino un cerco como o da franxa de Gaza e unha progresiva e violenta colonización como a de Cisxordania, un contexto histórico que explica pero non xustifica, como aduciu o secretario xeral da ONU, António Guterres, o ataque de Hamás, ten en poderío militar e económico o que a outra parte ten en desesperación e pobreza. Cun control absoluto, xa que logo, sobre os sistemas de comunicación e, polo que respecta aos medios que a fan operativa, cun control sobre a información que producen e difunden.
A causa nacional, que lle servira a Bush para alinear a practicamente todos os grandes medios norteamericanos na guerra que emprendeu contra o terrorismo tras os atentados do 11-S, retomouna Netanyahu tras o 7-O. Con éxito. Conseguíu que toda a prensa israelí, agás o Haarett (un diario moi crítico co mandatario, ao que responsabilizou politicamente do sucedido), editorializase a favor dun dereito de defensa incondicional, sen límites, e furtou calquera posibilidade de contraste sometendo Gaza a un apagón informativo.
Isto último solventouno inicialmente de dúas maneiras: impedindo por unha banda a entrada de reporteiros estranxeiros ao largo e ancho da Franxa, e pola outra, amedrentando e asasinando (24 xa desde que empezou a operación vinganza) a xornalistas e fotoxornalistas nativos, co que diezmou de golpe a produción e difusión de noticias desde o interior. Así o denunciou o Comité Internacional para a Protección dos Xornalistas (CIPJ). Como denunciou máis tarde, coincidindo coa segunda tanda de incursións nocturnas en territorio palestino, o apagón das comunicacións, que deixou sen Internet e sen a posibilidade de que os poucos xornalistas que seguen contando en directo as consecuencias dese castigo colectivo poidan recargar os seus móbiles e demais ferramentas profesionais nos escasos lugares que llo facilitan, como os hospitais. O que leva a pensar nun aínda maior baleiro de información obxectiva e independente. E tamén noutro gravísimo problema derivado dese baleiro: que pode encherse con propaganda, bulos e desinformación.
Como proba, a da falsa noticia que se propagou como a pólvora dando conta da decapitación de 40 bebés na cidade de Kfar Aza. Unha reporteira de i24News difundiuna sen confirmala, dándolle creto a unha fonte oficial. Axiña os medios proisraelís, como os españois El Mundo e ABC, ou os ingleses The Times e The Daily Telegraph, entre outros moitos, acolleron a noticia nas súas portadas, e o seu alcance en Twitter sumou 44 millóns de impresións, 300.000 likes e 100.000 retuits. Resultou ser un bulo precociñado por un soldado israelí, un tal David Ben, que na vida civil preside unha organización de colonos en Cisxordania. Pero cumpriu a súa misión como ferramenta de propaganda xusto cando o exército se preparaba para o futuro asalto por terra sobre Gaza. É tamén como se explica que non se teña certeza sobre a autoría do mísil que caeu sobre o hospital de Al-Ahli, asesinando a cincocentas persoas, tanto enfermas como refuxiadas.
Invisibilizar a masacre. Niso centran todos os esforzos. En Gaza, pero tamén en Cisxordania, onde os palestinos se están movilizando contra os colonos e contra os asasinatos -máis dun cento ata o momento- que comete o exército israelí. Sen testigos con capacidade para dálo a coñecer, Netanyahu e os seus ministros ultras poden actuar contraveñindo todas as leis que revalida o dereito internacional, para conseguir os seus obxectivos: un deles, moi voceado, o de anular as infaestruturas militares de Hamás e matar a cantos milicianos as custodian e manexan, outro non publicitado oficialmente pero que todos os indicios apuntan como ameaza definitiva, a dunha nova Nakba. Sen que a desfeita física do que aínda queda en pé e a carnicería humana que a acometida terrestre vai ocasionar se fagan visibles nas televisión e nas plataformas de todo o mundo. Sabéndose contestado por amplos sectores sociais desde que se propuxo condicionar ao seu favor a administración de xustiza, a valentía coa que desafía á mesma ONU e á Corte Penal Internacional (que recaba información para comprobar a existencia de crimes de guerra por parte tanto de Hamás como de Israel) pode contribuír a reverter ese conato de rebelión que o tiña contra as cordas antes do atentado. Tendo a EE.UU. (cos seus intereses xeopolíticos e económicos ben defendidos apoiando sen condicións a Israel) na mesa do Consello de Seguridade, desafía sobre seguro.
Tanta complicidade é vomitiva.