Nunha moi proveitosa entrevista publicada no número de outubro de Tempos Novos o profesor Fernando Broncano reflexionaba sobre as consecuencias de converter en diñeiro (por caso con complementos salariais ou promoción e rebaixas de xornada laboral docente) a produción científica publicada por investigadores das nosas universidades, e segundo en que categoría do ranking de revistas se faga. Revistas, rankings, complementos, promocións e rebaixas moi ben engraxados con diñeiro. Facendo caixa.
Segundo este profesor, temos o caso “das novas editoriais creadas para atraer publicacións pagando por elas, de maneira que, a cambio dunha certa cantidade, conseguen unha publicación que conta nos currículos”. O sistema -produción industrial de papers- remata “orientado cara a irrelevancia, o academicismo, a repetición de datos e artigos e o servizo de temas de moda máis que a descubrimentos realmente innovadores”.
Sucede entón que, dada a crecente irrelevancia de moita desa produción científica para o coñecemento efectivo (aínda que non para o bolso e estatus profesional dos seus autores), a investigación máis solvente acaba facéndose en centros privados xa coa lóxica pura e dura do mercado: patentes, secretismo, temeridade e blindaxe do coñecemento. Segundo nos contaba o profesor Broncano: “As universidades técnicas e as escolas de seren institucións orientadas á experimetación e a creación, fóronse transformando en institucións de publicación, deixando a innovación en mans de grandes empresas que teñen laboratorios enormes, pero que esixen contratos de confidencialidade e non publicación ou patente de resultados … este sistema basease no segredo, no control dos prototipos e no ocultamento de elementos clave da produción”.
Resultoume dobremente preocupante que confirmase así como o mercado e a monetización (xa sexa como incentivo para a chamada produción científica do profesorado das nosas Universidades, xa sexa como obxectivo directo do que se investiga en centros privados) pode acabar levándonos moi lonxe dos intereses sociais e colectivos.
Como queira que reflexiono sobre o particular, entre outros moitos casos e asuntos, no meu último ensaio ¿Sociedad de mercado o sociedad decente? (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2023), creo que paga a pena que trascriba aquí algún pasaxe sobre o que está a suceder, por caso, cos avances da biotecnoloxía. Nese contexto de investigación académica aberta monetizada e da opaca empresarial que non o está menos.
***
Neste libro relato como na terceira edición do ensaio Editar xenes: cortar, pegar e colorear (2021) o seu autor ofrece unha panorámica moi útil da vertixinosa evolución das técnicas CRISPR-Cas9 nos últimos anos (Montoliu, Ll., Next-Door, Pamplona; cito as páginas desta edición entre paréntese). Pois desde 2013 -en menos de dez anos- reconta máis de vinte e dúas mil publicacións, parte das que se recollen nunha bibliografía especializada que ocupa trinta páxinas ao final do libro, referidas á biotecnoloxía, á biomedicina ou á microbioloxía.
Non son moitas as referencias que se fan neste ensaio ao contexto económico que actúa arredor destas liñas de investigación científica. Mesmo así este contexto económico podería resumirse en dous vectores: a imprudencia na oferta e na demanda.
Moi pronto o que era ciencia aberta nos institutos públicos xerou “enormes expectativas empresariais” que mobilizaron enormes cantidades de diñeiro e equipos de avogados na lóxica dunha sociedade de mercado pura e dura.
Desde a perspectiva da demanda (desde a industria agroalimentaria, farmacéutica ou sanitaria), o solucionismo que se lle atribúe a estas tecnoloxías é de tal magnitude que os seus intereses multimillonarios non se paran diante de criterios de precaución. E iso é un problema se as incertezas se xestionan como riscos en marcos normativos moi laxos. Falo de solucionismo porque para o autor, citando a FAO, a produción de alimentos debera aumentar nun 70 % en 2050, para poder dar resposta a demanda dunha poboación crecente, carnívora e cada vez máis agrupada nas cidades. A simple lóxica da sociedade de mercado informaría deste imperativo.
E aínda que en materia sanitaria, polo menos, o autor se pregunta se non existen alternativas á edición xenética, neste caso ese “debera aumentar” non está relativizado por un cambio na distribución global e na dieta (vexetal/carne). Ou por un freo demográfico imprescindible baseado na educación e o emprego das mulleres, ou nunha contención das megalópoles urbanas. Porque de ser así, non estariamos ante unha escaseza de alimentos que hai que solucionar con maxia xenética. Sobre todo se para iso deixamos aquela “Primavera silenciosa” escrita en 1962 como un xogo de cativos.
Sen esquecer a insaciable demanda potencial de calquera ocorrencia de mellora física para os humanos do primeiro mundo que lle la poidan pagar (na fertilización para comezar). O que abre outra deriva despilfarradora, nun mundo no que se poderían aliviar problemas masivos de saúde pública con menos que o custo dun laboratorio para estas quimeras. Nun mundo no que hoxe o problema non é, por caso, a precaria fecundidade dos moi ricos, senón a enorme fecundidade dos moi pobres. Mortalidades e nacementos que se solucionarían con mellores políticas de saúde pública nunha sociedade digna, non con milagres de edición xenética nunha sociedade de mercado.
Cando todo isto non se fai, e paso á perspectiva da oferta, decatámonos cara ao final do ensaio de que a empresa Editas Medicine recadou un investimento de 1.700 millóns de dólares para os seus produtos clínicos e terapéuticos derivados das técnicas CRISPR. E, aínda que hai ciencia aberta sen ánimo de lucro sobre estes temas, como Addgene, moitas empresas con ánimo de lucro terán perdas de millóns de dólares no mercado de accións se resultados inesperados nos lembran que nos movemos en areas movedizas. Sen esquecer as guerras de patentes que se establecen para neutralizar a un adversario no mercado e practicar o control monopolístico do mesmo. E así, como documenta o autor, moi pronto o que era ciencia aberta nos institutos públicos xerou “enormes expectativas empresariais” (p. 122) que mobilizaron enormes cantidades de diñeiro e equipos de avogados na lóxica dunha sociedade de mercado pura e dura.
Por iso, para desmercantilizar e socializar estas posibilidades tecnolóxicas e, ao mesmo tempo, frear as súas incertezas máis letais, é necesario o seu control social e institucional, canto antes mellor. Porque: “Os experimentos de edición de xenes con CRISPR non son infalibles, nin os seus resultados son previsibles con total seguridade ou certeza” (p. 153). Intelixencia social, sociedade decente.