Anomalías democráticas

Unha representación. Iso e non outra cousa foron as xornadas nas que Feijóo se postulou para ser investido presidente do goberno de España. Sabíase fracasado desde a mesma noite do 23X, pero viuse na tesitura de facer o camiño de volta a Galicia ou botarlle un pulso aos que no PP e nos medios adeptos empezaban a dalo por amortizado, e escolleu o segundo. Tan foi así que nin sequera se esforzou en ocultalo. Ficcionou os tempos -un insufrible mes enteiro escoitando a matraca de ter gañado as eleccións- en razón dese único obxectivo, e o relato que argallou para as sesións parlamentarias quedou por iso reducido a colgarlle a Sánchez o pecado político de todas as anomalías democráticas que, á maneira dun cancro devorador, estarían desnaturalizando o pasado glorioso que el, e con el un puñado de resentidos que lle fan a onda, identifica coa Transición.  

E por se iso non abondase ao obxecto de provocar un climax in crescendo dos da súa bancada, botou tamén man do xa ben experimentado estilo prepotente e faltón co que se dirixía aos grupos da oposición mentres gobernaba en Galicia. Con éxito, como evidenciaron as cámaras televisivas que se regoderon no aplausómetro e de maneira moi morbosa co rostro encendido e feliz dese hoolligan da política montaraz chamado Miguel Tellado. Todos e cada un dos seus deputados sabíanse actores secundarios nunha función teatral que ía ter un final dramático. Pero había que comportarse como gañadores, porque o impoñía o guión escrito por Génova. E sen darlle chance aos 33 gladiadores do hipernacionalismo español, pois había que aparentar autonomía, cousa inútil porque na tribuna de convidados sentaban os primeiros presidentes pepeiros que o son por terse deixado colonizar, co plácet de Feijóo, polos neofascistas de Vox. 

Desa anomalía democrática, nada de nada. Nin doutras que foron e son o ácido disolvente que ameaza a estabilidade de institucións como as do poder xudicial, a da Casa Real, ou as instrumentalizadas para alimentar as cloacas, inventar delitos cos que mellor desfacerse de Podemos e dos independentistas cataláns, e para encubrir a maior cadea de corrupción política que se destapou en democracia, con exministros de Aznar imputados ou purgando por ela no cárcere e cun tal M. Rajoy aínda por descifrar nos oprobiosos papeis dun tal Bárcenas.        

Burlou o mandato constitucional e institucional de presentar e defender un programa de goberno, empregando o seu tempo nun alegato preventivo contra Sánchez e a hipotética reedición do goberno Frankenstein. Coa amnistía que o independentismo reclama a cambio dos seus imprescindibles votos como excusa para manter entre os seus a tensión crepuscular, autoabsolverse das súas atropeladas mentiras e emparentar coa linguaxe escatolóxica non só de Vox senón tamén dos trumpistas que lle programaron dous días antes a manifestación de Madrid. Uns e outros, iso si, déronlle nota alta. E unha prórroga para xerenciar tanto Génova como as múltiples terminais coas que as dereitas económicas e mediáticas exercen o seu control sobre quen en cada época ocupa como líder o espazo do que se sinten copropietarios. 

Non conseguir formar goberno é para todos eles non só unha desgraza, tamén un fracaso por non poder expulsar del aos que consideran okupas. Néganse a recoñecer a crise do sistema político que desde hai unha década urxe dos partidos e da sociedade unha redefinición das maneiras de ordenar o noso modelo de convivencia. E tamén o noso modelo de Estado. É, en efecto, unha crise do réxime do 78. E en defensa do que este último lles veu garantindo en exclusiva durante máis de coarenta anos, seguen negándose a permeabilizar a fronteira que levantaran con ese mesmo propósito, xusto cando outros actores pulan e conseguen franqueala para participaren no espazo público cos mesmos dereitos e coa mesma lexitimidade. Esa irrupción estase manifestando, como coinciden en afirmar os estudosos, en distintos e complementarios escenarios: a impugnación bipartidista do ciclo do cambio, cun Podemos rexeitando o lugar que ese réxime lle destinara ás esquerdas á esquerda do PSOE, o crecemento electoral e social de Bildu en ausencia de violencia terrorista, a hexemonía da esquerda nacionalista galega do BNG, o independentismo democrático de ERC ou Junts antes e despois do Procés, etc. 

Que o PSOE se desligue agora, con Pedro Sánchez á cabeza, dese magma que, en contra do que a propia realidade constata, teiman en segregalo como constitucionalista -todo o que bule fóra téñeno por anticonstitucionalista-, rompe os esquemas dos que o integran -unha amalgama de dereitas, os ultras de Vox e, por extraño que pareza, ata líderes socialdemócratas doutrora  e nostálxicos do bipartidismo tradicional como Felipe González e Alfonso Guerra-. Por necesidade? Tamén, porque sen os votos do Estado plurinacional e plurilingüístico non hai goberno posible de progreso. Pero os resultados do 23X deron ademais para pensar que esa irrupción -de partidos e grupos sociais alternativos- no sistema está moito máis asumida no electorado que entre as elites políticas, económicas, xudiciais, eclesiais e mediáticas. 

Non sabemos que é o que sucederá coa investidura de Sánchez. Todo vai depender de como interpretan ERC e Junts ese “traballar” porque sexa posible un referendo de independencia en Cataluña, tal e como ambos acordaron esixirlle ao candidato socialista. Do que xa non vai depender é do que a todas luces é política e socialmente imprescindible para solventar o problema político persistente entre Cataluña e o Estado español, a amnistía. Dáse xa por descontada. Porque a Constitución non prohíbe expresamente que un Congreso soberano poida aprobar, a través do procedemento establecido, unha lei orgánica de amnistía para feitos directamente relacionados co Procés. Comportará superar a través da política -ámbito do que nunca debeu haber saído o conflito por ter sacado no 2017 as urnas á rúa- un problema que, polo que se ten demostrado, non se resolve co código penal.  

Emerxerán detractores e ruídos inflamantes desde todas partes, reeditando Feijóo o estribillo das anomalías democráticas. Nada máis retorcido neste caso. Anomalía democrática é negarlle capacidade ao Parlamento para alterar a lei e con elo modificar, por razóns de Estado e de convivencia, as consecuencias de pronunciamentos xudiciais -con sentenzas que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos aceptou revisar- que impiden restañar as feridas do 1-O en Cataluña e encarar sen ese lastre un novo tempo democrático de negociación.