Balance do esforzo innovador de Galicia (2007-2021)

Segundo os datos da Oficina Europea de Estatísticas (Eurostat), nos últimos catorce anos de goberno do Partido Popular o esforzo agregado en investigación e desenvolvemento tecnolóxico do noso país vén acumulando ano tras ano unha fenda desfavorable para mellorar a nosa competitividade económica.

Pois entre os anos 2007 e 2021 non só o volume destes gastos respecto do PIB foi sempre inferior á media do reino de España, ou da Unión Europea, senón que o diferencial relativo foi medrando porque o maior esforzo realizado por nós foi por baixo do crecemento deste esforzo nesas dúas áreas de referencia.

Fonte: elaboración propia con datos de Eurostat (ampliar gráfico)

Así, respecto da UE se en 2007 eran oitenta e unha centésimas menos cada ano, en 2021 xa eran cento  dezasete; e respecto do conxunto do Reino de España, se eran vinte e cinco centésimas en 2007, ao final eran trinta e unha. Son centésimas sobre o PIB de cada espazo considerado, unha medida relativa do esforzo. Pero mesmo así, en relación ao noso moito menor PIB, o caso é que estamos a facer ano tras ano moito menos esforzo, e en vez de reducir cada ano que pasa un pouco esta fenda para mellorar a nosa competitividade, estamos aumentándoa.

Neses catorce anos de gobernos do Partido Popular, mentres en Galicia melloramos once centésimas, no conxunto de España foron dezasete e na media da UE corenta e sete. Nestas circunstancias, é mellor non facer comparacións cos países da UE, ou coas Comunidades Autónomas, que funcionan mellor que a media. E mesmo así hai quen se atreve a dicir en alto que vivimos na Galicia que funciona.