O desastre da Atención Primaria en Galicia

Que a Atención Primaria en Galicia é un auténtico desastre debería estar fóra de toda dúbida. E por se houbera algunha dúbida o Consello de Contas de Galicia, nun dos seus últimos informes -”Informe de fiscalización selectiva do Programa de Atención Primaria de Saúde”-, vén de confirmar o que, dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, vimos denunciando reiteradamente sen que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia preste atención a estas demandas máis que xustificadas.

Así é como detalla o citado informe a estrutura do gasto público do SERGAS (Servizo Galego de Saúde) entre os anos 2019 e 2023, confirmando a aposta polo hospitalcentrismo en perxuízo da atención primaria. Nese período, o gasto público sanitario incrementouse nun 27,5%, sendo o seu destino maioritario a atención hospitalaria, que absorbeu o 62% do gasto total (16% do farmacéutico), mentres á Atención Primaria foi destinado o 12%, unha porcentaxe que queda moi lonxe do 25% que recomendan tanto a Organización Mundial da Saúde como todas as organizacións profesionais da atención primaria de España.

A redución do gasto agrava os problemas estruturais básicos da Atención Primaria como é o déficit de persoal. Segundo os últimos datos dispoñíbeis (2023) o número prazas sen cubrir en Medicina de Familia ascendían a 496; as de Enfermería, a 561; 133 a Pediatría; 186 a matronas e 79 de Fisioterapeutas. Un déficit que supón que 120 concellos galegos -dun total de 313, é dicir, o 38%- carecen de pediatra, mentres que, especialmente nas áreas rurais -as máis deficitarias- 96 concellos teñen que compartilo.

Máis evidencias estatísticas o confirman, apuntando á escasa atención prestada á formación de persoal MIR, o que sería garantía do necesario recambio xeracional. Pois a realidade é que mentres as xubilacións forzosas (por superar os 75 anos) foron 138 e o persoal médico con idades entre os 67 e os 70 anos suman 351, o que dan un total de 489 prazas, o SERGAS convocou 207, que veñen a supoñer só o 42% das necesarias. O déficit tamén se explica pola lentitude e atraso nas convocatorias para a cobertura das prazas: en setembro de 2025 aínda non estaban nomeadas as da convocatoria de 2023. Un persoal que, por outra parte, padece unha elevada precariedade laboral: o 20% é persoal temporal. Como consecuencia prodúcese unha masificación dos servizos, o que impide actuacións preventivas de promoción da saúde, programas para pacientes crónicos, axendas de calidade, etc. que inevitablemente afectan á calidade do servizos sanitarios e á saúde dos pacientes.

Toas estas deficiencias repercuten en temas estratéxicos da Atención Primaria como, por caso, os Plans Locais de Saúde, que non existen a pesar de ser declarados obxectivos prioritarios, impedindo adaptar as actuacións ás características especificas de cada territorio. Algo semellante sucede coa Acción Comunitaria, que segue sen implantarse impedindo a asistencia integral de saúde e a coordinación dos servizos asistenciais cos sociais e sociosanitarios. E o mesmo ocorre coas consultas domiciliarias que, a pesar de ser fundamentais por ter que atender a un poboación moi envellecida na actualidade, son residuais.

Finalmente, o Consello de Contas, en liña co que vimos denunciando dende a Plataforma, pon o acento na falta de coordinación da Atención Primaria tanto coas Entidades locais, como as Residencias de Maiores, os Centros Sociosanitarios e os propios Axentes Locais, o que impide que aquela preste os servizos que precisa a cidadanía coa garantía e a solvencia que sería mester.

Evidencias que confirman o subliñado reiteradamente pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia e que agora son confirmadas polo Consello de Contas, pero que non son máis que a expresión práctica do desmantelamento da Atención Primaria que esta levando a cabo a actual Xunta de Galicia dende a Consellería de Sanidade.

 

Manuel Martín é voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia