Indignante

Mentres os directivos dos grandes bancos e oligopolios presumen de que a súa boa xestión lles permite repartir multimillonarios dividendos entres executivos e directivos e, aproveitando a abondosa liquidez, incrementar os patrimonios dos seus accionistas, as autoridades políticas da Eurozona obrigan aos gobernos nacionais a volver á austeridade (regras fiscais) pois afirman, contra todas as evidencias, que seguimos vivindo por riba das nosas posibilidades.

Neste escenario contraditorio aparecen entidades asociativas (UNICEF, SAVE THE CHILDREN, REDE CONTRA A POBREZA…), sempre ten que haber alguén que amole a festa, afirmando que a pobreza segue medrando en España e Galicia. Que un de cada catro familias (26,5% en España, 25,5% en Galicia) está en risco de pobreza ou exclusión social e que o 9% (8,3% en Galicia) están nunha situación de carencia material severa. Que España é o estado da Unión Europea con maior pobreza infantil, pois máis de dous millóns de cativos/as (máis de 78.000 en Galicia) viven nesa situación.

Unha realidade que resulta indignante porque, precisamente, tanto a desigualdade nas rendas como os recortes no estado de benestar, que dependen das políticas públicas, son axentes fundamentais neste crecemento da pobreza que, como sucede en xeral, afectan maiormente aos colectivos máis vulnerables (infancia, mulleres, familias monoparentais…).

Malia que o número de empregos medrou de xeito considerable, a inflación e a precariedade laboral dispararon o número de traballadores pobres (16,5% en Galicia) de tal xeito que moitas familias teñen grandes problemas para poder chegar a fin de mes (48,8% en España, 56% en Galicia) malia ter un emprego (o 32,9% das persoas en risco de pobreza teñen un emprego a xornada completa).

A esta precariedade está contribuíndo decisivamente as alzas nas hipotecas e alugueiros das vivendas: o 85% das familias con cativos teñen problemas para atender os pagamentos que lle obrigan a facer recortes en moitos gastos básicos como a alimentación, a vestimenta, a calefacción… En Galicia o 18% das familias non poden afrontar o pago dun alugueiro ao tempo que soben as execucións de hipotecas sobre vivendas habituais por non pagamento dos préstamos (entre 11 e 15.000 anuais nos últimos anos).

Velaí que consideremos indignante esta situación, pois son as políticas públicas (fiscal, salarial, benestar social, vivenda…) as que deberían evitar estas situacións, e non o están facendo por mor de promover (ou cando menos non evitar) a desigualdade de rendas. os recortes nos estados de benestar.