Hungría cambia de dereita

Vitoria de Magyar e límites do cambio no Estado iliberal de Orbán

 

Tisza logrou 138 dos 199 escanos en disputa, resultado que supera o limiar de dous terzos fixado en 133 que Orbán deseñara para ser practicamente inaccesible. Ese límite constitucional permite reformar a carta magna, substituír os membros do Tribunal Constitucional nomeados polo Fidesz, derrogar as leis cardinais que blindan o sistema de eleccións e revocar as disposicións que regulan fiscalía e arquitectura xudicial. Orbán usou ese mesmo instrumento en 2010, cando obtivo tamén dous terzos, para reescribir as regras do xogo nun sentido autoritario. Magyar podería agora empregalo na dirección contraria. Non aconteceu así en Polonia, onde Donald Tusk carece desa supremacía e leva dous anos bloqueado pola herdanza institucional do PiS, cun presidente da República hostil que frea desde Varsovia cada reforma que o novo executivo liberal-conservador tenta impulsar.

Por que caeu Orbán?

Na derrota do Fidesz atopamos tamén razóns económicas concretas. En 2023, Hungría rexistrou a inflación media máis alta da Unión Europea, un 17%, con picos superiores ao 25% que devastaron o poder adquisitivo dos fogares. O PIB contraeuse un 0,9% ese mesmo ano e o crecemento non recuperou o pulo: 0,6% en 2024 e 0,4% en 2025, segundo estimacións da Comisión Europea. O forint perdeu preto dun terzo do seu valor fronte ao dólar na última década, encarecendo as importacións e alimentando a presión sobre os prezos. Malia os recortes en investimento público, o déficit orzamentario mantívose estruturalmente por riba do 4,5% do PIB. E os case 19.000 millóns de euros en fondos europeos conxelados polas violacións do Estado de dereito representaban arredor do 10% do PIB, un buraco que o goberno tentou paliar cun préstamo chinés de 1.000 millóns.

Os dereitos do colectivo LGBTQ+ foron eliminados, a liberdade de prensa caeu ao posto 68 do índice de Reporteiros Sen Fronteiras e as organizacións da sociedade civil quedaron sometidas a leis inspiradas nas de Putin.

Como agravante, un proceso sistemático de desmantelamento institucional que Orbán proclamou abertamente. En 1997, Fareed Zakaria xa advertira sobre as democracias iliberais: sistemas que manteñen eleccións pero eliminan os contrapesos institucionais. En 2014, nun discurso en Transilvania, Orbán apropiouse do termo e declarou que o Estado que construía era exactamente iso. Reescribiu a Constitución en 2011 e emendouna doce veces en dous anos, copando o Tribunal Constitucional con leais ao partido e colonizando tamén fiscalía, universidades e medios de comunicación. Kim Lane Scheppele, profesora en Princeton, bautizou o resultado como Frankenstate: pezas de democracias reais que, combinadas, producen un artefacto funcionalmente antidemocrático. Os dereitos do colectivo LGBTQ+ foron eliminados, a liberdade de prensa caeu ao posto 68 do índice de Reporteiros Sen Fronteiras e as organizacións da sociedade civil quedaron sometidas a leis inspiradas nas de Putin.

Péter Magyar pasou case vinte anos dentro do propio Fidesz e coñece con precisión o aparato que prometeu desmantelar. Non é un líder progresista nin un federalista europeo. É un conservador soberanista que recolleu o voto de todo o espectro político porque o seu único argumento explícito durante a campaña foi derrotar a Orbán. O 73% dos menores de 30 anos votou por el, ao igual que boa parte do electorado de centro-dereita que quería poñer fin á era Fidesz sen optar por unha alternativa de esquerdas. Esa base heteroxénea é ao mesmo tempo o seu maior activo e a súa principal restrición. Quen lle deu o voto non apostou polos seus valores, senón pola súa utilidade como instrumento para avanzar cara un cambio de réxime.

O que muda en Europa

O impacto europeo comezou a materializarse antes mesmo de que Magyar tomase posesión. O 23 de abril, o Consello da UE aprobou o préstamo de 90.000 millóns de euros para Ucraína, bloqueado durante meses polo goberno saínte. Bruxelas anunciou tamén a disposición a liberar os máis de 18.000 millóns de fondos estruturais conxelados. Magyar comprometeu a adhesión de Hungría á Fiscalía Europea, da que Orbán se mantivera deliberadamente apartado, e a creación dunha oficina de recuperación de bens para investigar contratos adxudicados durante o período do Fidesz. No plano interno, prometeu limitar a dous mandatos o cargo de primeiro ministro e convocar canto antes o Parlamento para iniciar reformas constitucionais.

A futura ministra de Asuntos Exteriores encarna a profundidade do xiro en Budapest. Anita Orbán, sen ningún vínculo familiar co ex-primeiro ministro, publicou en 2008 Power, Energy and the New Russian Imperialism, onde argumentaba que o Kremlin usa a enerxía como instrumento de dominación política e que esa dependencia crea vulnerabilidades nas elites dos países importadores. Pasou despois cinco anos como embaixadora húngara para a seguridade enerxética, até que a deriva prorrusa do réxime a fixo incompatible co cargo e abandonou como protesta. Magyar escolle así para a cancillería á persoa que leva dúas décadas advertindo contra o que Orbán construíu. O seu nomeamento é unha declaración sobre o rumbo que Hungría pretende tomar respecto a Moscova.

Calibrar as expectativas sobre Magyar require ter presente quen é e de onde vén. No Parlamento Europeo, o seu partido abstívose ou estivo ausente en 16 das 23 procedementos relacionados con Rusia. Votou en contra de conceder 90.000 millóns de euros a Ucraína en xaneiro, cando era eurodeputado, argumentando que Kyiv non quería reabrir un oleoduto danado pola guerra. Non enviará tropas a Ucraína nin impulsará a súa adhesión acelerada á UE. Propón, pola contra, un referendo sobre esa cuestión. Asemade, mantén posicións duras en materia migratoria. Con Orbán, cada reunión do Consello era un veto seguido dunha negociación de reféns. Magyar non practicará ese bloqueo sistemático, pero tampouco seguirá a posición comunitaria de xeito automático. Bruxelas gaña un interlocutor, non un aliado incondicional.

A promesa de reducir a dependencia enerxética rusa é real, aínda que gradual. Hungría importa preto do 92% do petróleo bruto de Rusia e mantén contratos de longo prazo con Moscova. Magyar sitúa o proceso de diversificación de aprovisionamentos no horizonte de 2035. Comprometeu tamén reducir a pegada chinesa no país. Orbán convertera China no primeiro investidor de Hungría, con compromisos de 7.300 millóns de euros da fabricante de baterías CATL e grandes préstamos subscritos co goberno de Pequín para compensar os recursos europeos conxelados. Outro legado que Magyar prometeu privatizar é o Mathias Corvinus Collegium, a rede universitaria financiada polo Estado con 1.500 millóns en activos e participacións en empresas estratéxicas, que Orbán construíu como plataforma de difusión do ideario iliberal en Hungría, Austria, Eslovaquia e Bruxelas. O proceso xurídico será longo e disputado.

O 80% do ecosistema mediático húngaro está baixo control ou influencia directa do Fidesz.

Que non cambia dun día para outro

Un recente informe do Institut Montaigne sobre nacionais-populistas europeos no poder sitúa Hungría como caso máis extremo. A diferenza de Polonia e Italia, aquí o Estado de dereito foi “case totalmente desmantelado”. Os xuíces leais ao Fidesz permanecen en todos os niveis da xudicatura, o fiscal xeral ocupa o posto con mandato estendido e o Constitucional quedou recomposto segundo os intereses da formación. Magyar anunciou a suspensión das emisoras públicas ata que os xornalistas poidan traballar en “condicións obxectivas e independentes” e esixiulle ao presidente Tamás Sulyok, aliado de Orbán, que convocara o Parlamento canto antes e que despois marchara “coa pouca dignidade que lle quede”. Sulyok, que pode demorar ata trinta días por lei, non deu sinais de apresurarse.

O 80% do ecosistema mediático húngaro está baixo control ou influencia directa do Fidesz. Entre 2015 e 2023, máis de 1.000 millóns en publicidade e subvencións foron canalizados cara a medios afíns, mentres Lőrinc Mészáros, amigo de infancia de Orbán e home máis rico de Hungría, acaparou contratos públicos por 1.560 millóns, o 83% con recursos comunitarios, segundo Visegrad Insight. Magyar prometeu crear unha oficina anticorrupción e auditar todos eses contratos. Jozsef Péter Martin, de Transparency International en Hungría, advertiu que a rede clientelar é tan profunda que algúns actores non se poden reconducir sen danar as finanzas do país.

En Informal Power in Hungary and Poland (Routledge, 2026), Edit Zgut-Przybylska analiza como o control iliberal sobrevive ás alternancias electorais porque se incrusta nas institucións, non nos cargos efémeros. A experiencia polaca ilustra o problema: dous anos de Tusk sen poder resolver o nó xudicial do PiS, bloqueado por un presidente hostil e polo peso dos funcionarios nomeados na etapa anterior. Magyar ten unha supremacía parlamentaria coa que Tusk non conta, o que muda a ecuación de forma substancial. Pero gobernar nun Estado moldeado para non soltar o mando imporá friccións que ningún resultado electoral elimina por si só, como demostra Varsovia desde 2023.

A rede iliberal perde o píar

A derrota de Orbán é tamén a de Trump, Putin e a rede ultra-conservadora europea. Washington perde o único goberno afín dentro da UE con capacidade de veto en Bruxelas. Moscova perde o seu aliado estatal máis valioso no Consello, o único disposto a bloquear sancións, boicotear a axuda a Kyiv e, segundo documentou o medio húngaro VSquare, filtrar en tempo real o contido de reunións confidenciais ao Kremlin. Patriots for Europe, terceiro grupo do Parlamento Europeo, perde o seu buque insignia fundacional. Os seus dirixentes, de Le Pen a Kickl, felicitaron a Magyar e prometéronlle “cooperación”, sinal de urxencia por non quedar illados máis que de simpatía ideolóxica.

A ultradereita española perde, cando máis o necesitaba, unha das súas principais fontes de crédito electoral.

Vox recibiu dous préstamos por un total de 9,2 millóns de euros do banco húngaro MBH, cuxa accionista maioritaria é Corvinus International Investment, fondo controlado ao 100% polo Ministerio de Economía de Hungría. O primeiro, de 6,5 millóns, chegou o 22 de xuño de 2023, días despois de que Santiago Abascal se reunira con Orbán en Budapest. O Tribunal de Contas español confirmou que se violou a lei electoral ao non comunicar a operación. A lei de financiamento de partidos prohibe en España recibir fondos de gobernos ou empresas públicas estranxeiras, ou de empresas vinculadas a eles. Vox confirmou as operacións, aínda que intentou agochar inicialmente a identidade da entidade prestadora.

Con Orbán fóra do poder, ese canal de financiamento externo colapsa. A mesma rede financiou ao Rassemblement National de Le Pen con 10,7 millóns antes de que MKB se fusionase en MBH, o que converte ese entramado nun instrumento financeiro da ultradereita europea tan relevante como os seus think tanks. A caída do Fidesz priva esa estrutura dun goberno con veto na UE e dun banco estatal que canalizou financiamento cara á ultradereita de varios países europeos. A ultradereita española perde, cando máis o necesitaba, unha das súas principais fontes de crédito electoral.

O 12 de abril demostrou algo máis importante que a vitoria dun candidato. Mesmo un sistema construído para non perder pode ser derrotado cando o 78% da cidadanía decide, unanimemente, que xa abonda. Magyar ten os instrumentos constitucionais que ninguén antes tivera, o mandato popular máis amplo desde a transición postcomunista e a presión de Bruxelas para actuar con rapidez. O que non ten é tempo nin marxe para errar. A supramaioría descansa sobre unha base ideoloxicamente heteroxénea, cohesionada polo rexeitamento a Orbán, non pola adhesión a un programa concreto. Transformar esa enerxía en capacidade de goberno dentro dun Estado deseñado para resistir ao cambio é o auténtico reto do novo primeiro ministro. Gañou con todo o favor. Agora ten que gobernalo.