Algunhas precisións sobre o brote de hantavirus do cruceiro MV Hondius

 

Á vista dalgunhas informacións e opinións publicadas sobre o brote de hantavirus aparecido nun cruceiro, e para axudar a coñecer mellor o fenómeno epidemolóxico diante do que estamos para evitar así polémicas e medos infundados, vexo oportuno explicar algunhas características desta zoonose esperando así axudar a que se sitúe no seu lugar e eviten alarmas como as que están xurdindo ultimamente. Alarmas que en moitos casos poñen en evidencia que na memoria colectiva aínda esta presente a pandemia do Coronavirus -COVID 19- e o seu brutal impacto.

O Hantavirus é unha enfermidade infecciosa que se orixina por inhalación de polvo contaminado por feces ou ouriños dos ratos colilargos, uns roedores que viven nos Andes. A transmisión entre humanos é excepcional.

No caso que nos ocupa, cómpre saber que o cruceiro seguiu un itinerario a través do Atlántico Sur, con múltiples escalas, incluíndo zonas endémicas do “hantavirus Andes” na Arxentina, e o máis probable é que as tres vítimas mortais se contaxiaran directamente por inhalación de polvo contaminado nalgunha zona con alta infestación durante a súa viaxe.

En relación ao seu impacto, cómpre saber que dos 147 pasaxeiros do cruceiro só 10 foron positivos, e 137 negativos. Non se detectou ningún caso positivo en persoas que non formaran parte da pasaxe do MV Hondius. As tres vítimas mortais son un home holandés que morreu a bordo do cruceiro o 11 de abril, a súa muller, que morreu 15 días despois, e unha muller alemá que tamén presentou síntomas en abril e morreu o 2 de maio.

Non hai vítimas mortais despois desa data. Unha muller francesa está na UCI e os outros 7 positivos por hantavirus evolucionan favorablemente.
Entre os 14 españois que viaxaban no cruceiro, un deles galego, hai un só positivo pero clinicamente estable. Os outros 13 son negativos e asintomáticos. Aínda así, todos están en corentena no hospital Gómez Ulla de Madrid. O risco para o persoal sanitario que os atende, que está a aplicar todo tipo de precaucións, é moi baixo. O risco para a poboación xeral é extremadamente baixo.

Os nosos ratos non son reservorios para o hantavirus. Os ratos colilargos quedaron nos Andes, e nin subiron ao cruceiro nin van vir .a nado ata a nosa terra.

Podemos estar tranquilos.