A guerra de Gaza e a bolsa

 

Hai uns días medios independentes nos informaban de como algúns fondos de investimento dos mais poderosos sabían que Hamás ía atacar a Israel e como se beneficiaron grazas a esa información “privilexiada”. Como pode pasar isto?

A relevancia dos mercados internacionais de armamento se está poñendo agora de novo en evidencia co xenocidio en Gaza, guerra que vén confirmar como os intereses financeiros están condicionando o comportamento político e militar do goberno israelí.

Dende hai xa algunhas décadas tanto a grande banca internacional como os fondos de investimento teñen fortes intereses nos mercados de armas. Unha ligazón que derivou na primacía dos intereses financeiros sobre os comerciais, o que “converteu ás guerras en grandes negocios ligados mais á especulación que ao comercio de armas tradicional” (Juan Hernández Vigueras, El casino que nos gobierna). Esta relevancia dos mercados internacionais de armamento se está poñendo agora de novo en evidencia co xenocidio en Gaza, guerra que vén confirmar como os intereses financeiros están condicionando o comportamento político e militar do goberno israelí.
Israel é un país militarizado, como poñen en evidencia tanto o crecemento exponencial do gasto militar -que no ano 2022 acadou a cifra de 23.500 millóns de dólares, equivalente ao 4,51% do PIB (o décimo sexto no mundo) e que converteu a este país nun dos de maior capacidade militar a nivel mundial (ocupa o lugar 18 entre 145)-, como o volume do seu exército, que conta con 26.000 militares e profesionais e 100.000 reservistas para unha poboación de 9,4 millóns de habitantes. Israel, ademais, non só conta con armamento nuclear, senón que é un grande exportador de armas: polo volume das súas exportacións ocupa o 10º posto no mundo, e varias empresas israelís de armamento están, polas súas vendas, entre as 100 máis grandes a nivel mundial. Unha realidade que explica o grande peso político do grupo financeiro-militar en Israel.

Un fenómeno este que non é novidoso senón que forma parte dunha dinámica internacional de crecente militarización das políticas que se materializa tanto no incremento do gasto público en Defensa, como na prevalencia dos intereses da industria armamentística en practicamente todo o mundo (Estados Unidos, Unión Europea, Rusia, China, Israel, Xapón, India…..). Porque os incrementos no gasto militar (+3,7% a nivel mundial no 2022: 2,24 billóns de dólares equivalentes ao 2,2% do PIB) se transforman en maiores déficits fiscais que obrigan aos países a endebedarse e, consecuentemente, a caer en mans duns bancos e duns mercados financeiros que, como sinalaba, teñen intereses crecentes na industria do armamento. Uns intereses que se plasman na cotización das guerras en bolsa.

Na crecente financiarización da industria militar inflúe decisivamente o feito de que se fabrican produtos de alta tecnoloxía e elementos moi complexos (aeronáuticos, sistemas de información, solucións globais, mísiles e control de incendios, sistemas de formación e sistemas espaciais…) que “fan que aparezan agrupadas industrias de seguridade, armamento, transporte aéreo, electrónica, etc., que paralelamente serven para a fabricación de elementos e produtos consumidos na vida ordinaria dos cidadáns. E esta simbiose industrial favorece a financiarización do sector e a creación de produtos financeiros para atraer diñeiro e destinalo a especulación” (J.H.V.)
Así, nas últimas décadas a grande banca e os fondos de investimento (como os de pensións) teñen como unha das súas grandes áreas de negocio o investimento en valores de empresas de fabricación, mantemento e comercio de armamento. Especialmente “tras os ataques terroristas do 11 de setembro de 2001, a paixón polas rendabilidades financeiras sen creación de riqueza nin emprego acadaba un considerable volume inversor no sector do armamento, que ten unha identidade definida por índices bursatis específicos” (J.H.V.) que inciden estatisticamente nas variacións das cotizacións de accións e outros títulos das compañas privadas relacionadas coa defensa militar.

No caso concreto de Israel temos a evidencia empírica de como 10 empresas do sector armamentístico (catro estadounidenses e seis europeas, entre elas Lokheed Martin, Raytheon Technologies, Northrop Gurmman e General Dynamic) elevaron as súas cotizacións en bolsa, logo do inicio das hostilidades en Gaza, chegando algunhas outras a cotizar en máximos históricos (Dessault Aviation, Leonardo Bae Sistems, MTU AeroEngines e Rheinnec tall AG).

A crecente participación dos fondos de investimento (por caso, como accionistas dos grupos contratistas) supón que pasan a desempeñar un papel decisivo nestes grupos industriais tal que “están transformando ou condicionando as estratexias deste tipo de negocio” (J.H.V.) que cada vez se move mais no obxectivo da ganancia a curto prazo e na práctica da especulación.