Gaza: a paz dos cemiterios

 

“Posiblemente un dos días máis grandes da civilización”, declaraba Donald Tump mentres presentaba a proposta da súa administración para poñer fin de xeito integral a guerra en Gaza.

Esta frase do Donald Trump, xunto a outras súas moi parecidas, resultan dun sarcasmo atroz se analizamos como queda a situación en Gaza. Porque como moi ben apuntaba unha excelente periodista na canle pública da televisión española, abonda con ver como queda cada parte (palestinos e israelís) para facerse un xuízo exacto da situación. Logo deste acordo os soldados do exercito israelí -tamén os reféns- poderán volver as súas casas, lavarse, comer e durmir nelas. Os gazatíes, a onde volven, onde están as súas casas, onde coller a auga para beber e lavarse, os alimentos para comer e… que atoparán cando vaian levantando os entullos?: segundo fontes autorizadas da ONU pode que varios centos de miles de cadáveres de gazatíes estean sepultados baixo os edificios destruídos. De ser así, cal sería a cifra real de gazatíes asasinados polo exército sionista?

Dirásenos, e teñen razón, que benvida sexa unha tregua se con ela o exercito israelí deixa de asasinar gazatíes, de destruír casas, hospitais e escolas (pero queda algo?), se ese exército de ocupación abandona Gaza e deixa entrar os convois humanitarios con alimentos e medicinas. Nada que obxectar, só que a un, vistos os precedentes e os promotores deste acordo, éntranlle serias dúbidas de que se cumpran algunhas das condicións anteriores, que son ben modestas. Dúbidas derivadas das experiencias coñecidas e da vontade de quen se presenta como adaíl do acordo (Donald Trump).

Dende 1948, a historia dos palestinos é a de un continuo éxodo, con episodios tremendamente dramáticos nos que se producen repetidos procesos de limpeza étnica que obrigan aos palestinos a volver emigrar.

Dúbidas que tamén derivan das evidencias que nos deixou a historia dende a Nakba de 1948, cando case un millón de palestinos foron forzados a emigrar a punta de fusil, abandonando os seus fogares, os seus bens, as súas terras… “un dos procesos de limpeza étnica máis amplos e dramáticos do noso tempo” (Ilan Pappé, “La limpieza étnica de Palestina”). Evidencias que nos ensinan como dende ese ano a historia dos palestinos é a de un continuo éxodo, con episodios tremendamente dramáticos nos que se producen repetidos procesos de limpeza étnica que obrigan aos palestinos a volver emigrar. Procesos que fan imposible a paz entre palestinos e israelís e que indirectamente inflúen sobre os problemas actuais en Oriente Medio.

Unha paz que só será duradeira cando palestinos e israelís teñan os seus propios estados e acorden vivir en paz e armonía. Pero para que isto suceda, as elites israelís deben abandonar a súa ideoloxía sionista cuxo obxectivo estratéxico é a expulsión dos palestinos de toda Palestina e para o que están dispostos a promover unha nova limpeza étnica como acabamos de ver en Gaza. Acaso o criminal de guerra Benjamin Netanyahu e os seus seguidores non proclaman de continuo estes obxectivos? Acaso os palestinos que viven en Cisxordania e Xerusalén non están sendo tamén vítimas dunha limpeza étnica?  A ideoloxía sionista segue sendo, hoxe en día, moi poderosa en Israel, e mentres sexa a dominante non haberá paz nin en Palestina nin en Oriente Medio. Unha paz para a que tamén é necesario que os palestinos, as grandes vítimas, acepten a existencia do estado de Israel e o seu dereito a vivir en paz.

Unha paz que só será posible e definitiva cando as potencias estranxeiras, moi especialmente os Estados Unidos, deixen de intervir na zona e permitan que as Nacións Unidas desempeñen o papel que lle foi asignado cando se constituíu aló polo ano 1945: “Manter a paz e a seguridade mundial, promover o desenvolvemento económico e social, protexer os dereitos humanos e fomentar a cooperación entre países”. O marco político que vén de crear Estados Unidos non vai nesa dirección senón que camiña na de impoñer os seus propios intereses que, coñecendo a personalidade de Donald Trump e a súa oligarquía, pasan por converter Gaza, e todo o Oriente Medio, nunha fonte de negocio. Un obxectivo para o que a paz que se quere impoñer en Gaza é “a paz dos cemiterios”.