Gaza como modelo do necrocapitalismo

 

“As cifras existen e deberían quitarnos o sono…..un millón de nenos e nenas seguen sen a axuda que precisan”. [Sonia Silva, xefa de oficina de UNICEF en Gaza].

A guerra en Irán agora, como antes os ataques a Venezuela, retiraron do foco informativo a Gaza sen que a situación na zona mellorase senón todo o contrario: continúa o xenocidio sionista sobre o pobo palestino. Abonda con atender aos informes que nos chegan de entidades de prestixio como a OMS, UNICEF, CEAR ou MSF para confirmalo e tamén para constatar novamente a enorme crueldade que agochan Benjamin Netanyahu, o seu goberno e o seu exército. Un Benjamin Netanyahu que vai deixar pequeno ao seu idolatrado Ben Gurion, pai fundador do estado israelí e tamén cerebro da NAKBA.

Segundo a OMS, en Gaza “as ratas multiplícanse a un ritmo imposible de controlar. Os animais morden os dedos das mans e dos pés, esnaquizan as poucas pertenzas valiosas dos gazatíes e contribúen a propagar doenzas. Este ano detectáronse 17.000 infeccións provocadas por roedores e endoparásitos”. Non é mellor o panorama que debuxa UNICEF: “o número de nenos e nenas malnutridos na Franxa de Gaza está medrando a un ritmo alarmante. A cidade de Gaza, o último refuxio para as familias no norte da Franxa, estase convertendo rapidamente nun lugar onde a infancia non pode sobrevivir. É unha cidade de medo, fuxida e funerais”, ao tempo que se dá un crecemento constante dos nenos ingresados “para recibir tratamento por desnutrición aguda ou grave”. Pola súa parte, CEAR (Comisión Europea de Axuda ao Refuxiado), acudindo aos datos subministrados por UNICEF, denuncia que “o xenocidio en Gaza deixou xa 40.000 nenas e nenos orfos. E iso non é so unha cifra. É unha realidade arrepiante. Perderon a súa nai, ao seu pai ou perderon a ámbolos dous. Pero desgraciadamente non só perderon iso: 9 de cada 10 nenos e nenas de Gaza presentan problemas de saúde mental debido ás perdas e a violencia extrema. E máis de 4.000 menores esperan ser evacuados, moitos e moitas delas con doenzas graves como o cancro”. Finalmente, MSF (Médicos Sen Fronteiras) informaba que “seis meses despois da entrada en vigor do fráxil e ineficaz alto o fogo en Gaza -en outubro do 2025- xa alertamos da continuidade dos ataques violentos por parte das forzas israelís e do constante aumento do control militar sobre a Franxa. As condicións de vida da poboación palestina seguen sendo extremadamente precarias, nun contexto marcado por un patrón continuo e deliberado de bloqueo da axuda por parte de Israel, que está provocando mortes totalmente evitables”.

Pouco máis que dicir logo de escoitar estas voces autorizadas. Quizás lembrar, para máis oprobio, que GAZA, como ben saben Donald Trump e o seu entorno familiar, estase convertendo nunha macabra oportunidade de negocio na que participan grandes empresas tecnolóxicas e armamentísticas, fondos de investimento e outros actores financeiros. GAZA estase a converter no que a admirable Francesca Albanese, Relatora Especial sobre a situación dos dereitos humanos no territorio palestino ocupado dende 1967, cualifica como “necrocapitalismo”, un modelo de capitalismo onde a acumulación de riqueza sostense literalmente sobre os corpos das poboacións sacrificables.