Na votación organizada pola Real Academia Galega e o Portal das Palabras da Fundación Barrié, o termo XENOCIDIO, tristemente de máxima actualidade polo que está pasando en Gaza, foi escollido como a Palabra do Ano 2025
Resulta moi significativo e tamén terriblemente desconsolador a facilidade con que a opinión pública internacional cambia o seu obxecto de atención segundo os intereses de quen controlan a maioría dos medios de información e opinión, que son tamén os mais ricos e poderosos da terra. Realmente nunca na historia dos medios se dou tal control dos mesmos polos mais ricos.
Un control e unha paralela desinformación que estamos vendo tódolos días e que resulta especialmente magoante cando se trata de xenocidios como o de Gaza, guerras criminais como a de Ucraína, ataques asasinos como que os leva a cabo tanto Estados Unidos no Caribe e Sudamérica -Venezuela-, na península arábiga -Iemen- ou en Oriente Medio -Siria, Iraq, Irán..-, como Israel tamén nesa rexión -Líbano, Irán, Siria ademais de Gaza-.
Neste marco queremos recuperar Gaza para a nosa memoria, acudindo a información que non chega das organizacións humanitarias mais fiables -SAVE THE CHILDREN, AMNISTY INTERNATIONAL….-organizacións que xunto as propias das Nacións Unidas -UNICEF, UNRWA, FAO…- traballan sobre o terreo e que, por estas razóns, a Administración Trump e o Goberno de Netanyahu con ataques e sancións antidemocráticas intentan silenciar para que de esta forma a comunidade internacional non saiba o que realmente está pasando en estes territorios.
Así, e gracias a estas organizacións, informámonos de que Israel trata de impedir que sigan realizando as súas actividades humanitarias en Gaza. Para iso o goberno sionista -que xa restrinxira enormemente as súas actividades- anunciou agora que a 37 destas organizacións lles retirará as licencias de actividade na zona. Tendo en conta as tarefas humanitarias que realizan -xestión sanitaria, infraestruturas básicas, alimentación…- as consecuencias para os palestinos “serán devastadoras“ (Médicos sen Fronteiras). A xustificación israelí foi a de que algúns empregados destas organizacións “estiveron implicados en actividades terroristas”. Resulta evidente que o goberno sionista de Israel non quere testemuñas dos seus crimes. Testemuñas de como seguen as restricións a certas importacións básicas como “equipos médicos e refuxios que son necesarios con urxencia”. Restricións que “impiden a rehabilitación de infraestruturas civís” (URNWA España) e elevan aínda máis os xa moi altos niveis de inseguridade alimentaria e sanitaria.
Tamén grazas a estas organizacións humanitarias sabemos que Israel non detivo os bombardeos sobre territorio de Gaza. Que dende a entrada do alto o fogo asasinou a máis de 400 gazatíes, incluíndo mulleres e nenos e elevando a máis de 71.000 (4,5% da poboación total) os palestinos asasinados dende que o goberno sionista de Israel lanzou a súa ofensiva sobre Gaza.
Por se isto non fora abondo a climatoloxía veu endurecer aínda máis a situación, se iso é posible. “Os nosos compañeiros en Gaza nos escribiron para dicirnos que, aínda que están facendo o imposible, o inverno está sendo sumarísimo e sen apenas recursos materiais non saben canto máis poderán resistir as persoas máis vulnerables. As fortes choivas inundaron as precarias tendas de campaña onde se refuxian as familias gazaties que o perderon todo. Todo cheo de auga: as mantas, a roupa, a comida” (UNRWA España).
E aínda que parece ser verdade que grazas a estas organizacións humanitarias se conseguiu deter a fame negra en Gaza, a posibilidade de volver á situación anterior segue sendo alarmantemente elevada. “A última análise da Clasificación Integrada da Seguridade Alimentaria (IPC) para Gaza confirma que, despois do alto o fogo de outubro e a mellora do acceso humanitario e comercial, ningunha zona da Franxa se atopa actualmente en situación de fame negra. Este avance positivo segue sendo extremadamente fráxil, xa que a poboación segue loitando contra a destrución masiva das infraestruturas e o colapso dos medios de vida e produción local de alimentos, dadas as restricións ás operacións humanitarias.
Sen unha expansión sostida e a grande escala da asistencia alimentaria de medios de vida, agrícola e sanitaria, xunto cun aumento das entradas comerciais, centos de miles de persoas poderían volver rapidamente á fame negra xa que polo menos 1,6 millóns de persoas -o 77% da poboación- seguen enfrontándose a altos niveis de inseguridade alimentaria aguda na Franxa de Gaza, entre elas máis de 100.000 nenos e nenas e 37.000 mulleres embarazadas e lactantes que, segundo as previsións, sufrirán desnutrición aguda a partir de abril do vindeiro ano” (FAO, UNICEF, PMA, OMS).
Fronte a este panorama tan terrible que nos remiten as ONG´s sobre a situación actual en Gaza un non pode por máis que preguntarse… que están facendo, para evitar este xenocidio, os gobernos nacionais europeos e as institucións comunitarias?





