Ganar e non gobernar: o Frankenstate húngaro

 

Non é o mesmo derrotar un goberno que desmontar todo un sistema. O 12 de abril pode mudar quen manda en Budapest, corrixir a política exterior e retomar a senda de Bruxelas. O que non muda nunha noite electoral é o que Viktor Orbán construíu durante case dúas décadas. A arquitectura xurídica, xudicial e mediática que o líder ultra edificou ao longo dese período converteu Hungría nun réxime onde ganar as urnas non garante o control real do país, porque até os comicios foron deseñados para que un único partido manteña o poder sen depender da vontade maioritaria. Quen pense que votar é suficiente para reverter lustros de sistemática captura institucional subestima a profundidade do que está en xogo. O que se avalía aquí non é o resultado do domingo, senón o sistema que o escrutinio non pode derrubar por si só.

En 1997, Fareed Zakaria publicaba The Rise of Illiberal Democracy, acuñando o concepto como advertencia analítica sobre sistemas que conservan eleccións formalmente impecables pero desvirtuán os contrapesos institucionais que fan da democracia algo máis que un procedemento. Dezasete anos despois, Orbán apropiouse do termo no seu discurso de Băile Tușnad, en Transilvania, en xullo de 2014, asumíndoo como programa político. Hungría sería o laboratorio dunha democracia sen liberalismo, sen independencia xudicial e sen pluralismo mediático, onde dereitos e liberdades serían recortados de forma sistemática e deliberada. O que Zakaria describira como patoloxía, Orbán proclamouno con orgullo, despregando a folla de ruta dun proxecto institucional executado con disciplina xurídica, cun obxectivo declarado: construír un Estado que funcionase sen os límites que a tradición liberal occidental consideraba irrenunciables.

O Frankenstate é un artefacto político ensamblado con pezas tomadas de democracias reais que combinadas producen un resultado funcionalmente antidemocrático.

Kim Lane Scheppele, profesora en Princeton, acuñou até dous conceptos para describir o método orbanista. O primeiro é o que denomina legalismo autocrático, a arte de erosionar a democracia empregando os seus propios instrumentos xurídicos, sen golpes de Estado nin suspensión abrupta de dereitos. O segundo é o Frankenstate, un artefacto político ensamblado con pezas tomadas de democracias reais -gerrymandering ou manipulación das circunscricións electorais dos Estados Unidos, sistema maioritario do Reino Unido, regra de compensación ao gañador de Italia- que combinadas producen un resultado funcionalmente antidemocrático. En 2011 Orbán reescribiu a Constitución. No seu primeiro ano emendeuna doce veces, alterando sesenta disposicións. Cada paso foi impecablemente legal. E cada paso foi deseñado para resultar practicamente irreversible sen unha clara supremacía parlamentaria.

Na súa obra de referencia What Is Populism?, Jan-Werner Müller salienta como quen goberna non se limita a gañar eleccións senón que avanza cara a colonización do Estado para que un único partido poida exercer o poder con eficacia. En Hungría a ocupación é total. Xulgados, fiscalía, servizo civil e ministerios operan como extensión do Fidesz. Péter Akos Bod, ex-gobernador do Banco Central húngaro, bautizou o resultado económico como “capitalismo de compañeiros”, un sistema en que os contratos públicos, as concesións e os fondos europeos flúen de xeito sistemático cara ao círculo de leais ao primeiro ministro. Máis do 80% do ecosistema mediático está baixo control ou influencia directa da formación de Orbán. Non se trata de propaganda ocasional. É a eliminación de calquera relato alternativo sobre a realidade húngara.

Para desmontar os mecanismos clave do réxime, un executivo de Péter Magyar -avogado de 45 anos, ex-cadro da formación de Orbán convertido en líder da oposición á fronte de Tisza- precisaría dunha maioría de dous terzos no parlamento. Esa supremacía resulta case imposible á luz do actual sistema electoral erixido polo propio Fidesz. Freedom House cualificou os comicios húngaros como libres mais non xustos, rebaixando a puntuación do país a dous sobre catro no seu índice anual. O sociólogo Tibor Dessewffy, da Universidade de Budapest, advertiu que gobernar dentro dun Estado moldeado para non soltar o mando será “tremendamente difícil”. Os xuíces leais ao partido de Orbán seguirán nos seus postos. Os directores dos medios afíns ao partido non serán destituídos por decreto. E a arquitectura legal que protexe os intereses do círculo orbanista requiriría anos de litixios para ser desmantelada.

Como demostra a experiencia polaca desde 2023, onde o goberno de Donald Tusk afronta exactamente o mesmo problema tras os anos do PiS -que mantivo forza política e gañou as presidenciais de agosto de 2025-, as democracias non se recuperan por mor dunha única xornada electoral. As investigacións de Scheppele colixen que os autócratas modernos non asaltan as institucións, senón que as utilizan para protexerse fronte a calquera alternativa. Magyar pode gañar o domingo e probablemente gobernará. Pero herda un país configurado para resistir ao cambio, fondos comunitarios conxelados por anos de violacións das normas e medios de comunicación ao servizo do Fidesz. En Hungría, o día despois das eleccións será máis decisivo e máis difícil ca o propio día do voto.