E digo eu… en setembro

O fútbol

Despois de condicionar a política, obrigar a un cambio nos usos das linguas nos medios de comunicación, e a modificar as leis no tocante á liberdade sexual, o feminismo, que definín nestas mesmas páxinas como a ideoloxía con maior potencia deste século, serve tamén para abrir unha fonda crise noutro dos peares da hexemonía masculina: o fútbol. Volveu a ser en España que como proxecto e como país ten moitos defectos, demasiados, pero que no tocante á igualdade non debe envexarlle nada a moitos países europeos ou americanos. Pioneiro no que se refire a leis de igualdade, as Españas estouparon con carraxe contra as elites que dominaban a Real Federación Española de Fútbol. Despois do seu brillante triunfo no mundial de Australia, as campionas tiveron que soportar diversas humillacións, centradas, sobre todo, no caso de Jennifer Hermoso. A reacción foi tan poderosa que nin sequera a tiveron que liderar as verdadeiras protagonistas, pois foron uns cantos medios de comunicación (poucos) e moitas persoas a través das redes sociais as que expresaron que xa abondaba, e que non se podía admitir un comportamento como o do ex presidente da RFEF, Luis Rubiales.

Con Jenni

A día de hoxe, é difícil atopar unha causa maioritaria, transversal e xusta tan fermosa como o feminismo. Ten inimigos, abofé. Atopa resistencias, sen dúbida. Pero cada vez que entra, faino coma un tsunami ante o que é imposible manterse inmóbil. Na primeira división española, a liga anterior rematou cunha potentísima campaña en contra do racismo, arredor da figura de Vinícius Jr, pero tamén con outros moitos futbolistas negros que sofren cada partido ataques e insultos pola súa de cor de pel. A implicación de medios, equipos e futbolistas foi total e unitaria. Non se pode dicir o mesmo do que fixeron esta vez á hora de rexeitar o comportamento de Rubiales contra Hermoso. Malia todo, a repercusión destes dous casos foi moi diferente, e a vaga de simpatía erguida para apoiar á campiona do mundo foi, emocionalmente, moi superior. Este asunto vai ser unha catarse sen volta atrás, e vai facer do fútbol un espazo mellor, máis igualitario e, sobre todo, e por fin, con causas xustas máis alá do postureo.

A movilización para rexeitar o comportamento de Rubiales vai ser unha catarse sen volta atrás, e vai facer do fútbol un espazo mellor, máis igualitario e, sobre todo e por fin, con causas xustas máis alá do postureo.

Confianza

Convén facer memoria, e lembrar que a inicios do verán a retransmisión do mundial de fútbol feminino non estaba garantido en España. A oferta plantexada polos organismos oficiais non resultaba atractiva para ningunha cadea, a pesar de que os horarios non colisionaban co sacrosanto prime time televisivo (sei do que falo, o meu programa na EITB vai no prime time, e sei o que significa), xa que o cambio horario implicaba ofrecer os partidos en directo pola mañá. Finalmente, a televisión pública recolleu o reto, sen máis convicción que a da responsabilidade social. E resulta que a xogada saiulles ben, porque España, que non estaba entre as principais favoritas, fixo un campionato de moito nivel, a rematou acadando o título. A ignorancia sobre quen son elas, en que equipo xogan, cal é o seu salario ou de onde proveñen enchía as intervencións dos comentaristas habituais, que saben, iso si, cal é a última tatuaxe de Messi ou como se peinou Neymar Jr no último amistoso. O avance de España cara a final foi correxindo iso, sen pechar de todo un certo paternalismo sobre elas, metendo sempre con calzador ao seleccionador, Jorge Vilda, e aos altos cargos federativos, que trataron sempre de apropiarse dun éxito que non era seu. Xamais farían o mesmo cos homes.

O discurso

Por iso, o día da final, cando Rubiales se agarrou dos collóns e despois bicou a Hermoso, a maioría, as mulleres e moitos homes, tivemos claro que a persoa que representa ao fútbol español non faría tal cousa se os que xogaran a final foran eles. Despois veu a campaña mediática, o intento de culpabilizar á propia vítima e o discurso de Rubiales ante o pleno da Federación, negándose a dimitir. Unha intervención puramente populista, da que destacaría: 1) o seu intento por presentarse como vítima dunha campaña que definiu como “asasinato social”; 2) responsabilizando á vítima dos seus propios actos (“foi ela quen me colleu a min”); 3) quitándolle importancia aos feitos, porque non existía “desexo”, houbo “consentimento”, poñendo ás súas tres fillas, presentes no acto, como pantalla para aparecer, de novo, como inocente; e 4) nun émulo puramente trumpista, Rubiales atacou aos medios de comunicación, a partidos, ao propio Goberno, e tratou de desacreditar ao feminismo (“falso feminismo”, “o masculino inclúe a homes e a mulleres”).

Os apupos

Non podo deixar de mencionar aos integrantes da Federación que decidiron acudir a semellante entroido convocado para maior gloria deste tipo. Nomeadamente, a aqueles (e aquelas) que daban apupos ao final de cada parágrafo. En maio, a Federación de Bizkaia de fútbol organizou unha conferencia sobre os valores no deporte na que participaban o ex seleccionador Vicente Del Bosque e o actual, Luis de la Fuente que, ademáis, é un dos mitos do Athletic Club, pois formou parte do equipo que acadou os últimos títulos relevantes nos anos 80. Acudín co meu fillo maior, dado que a súa maior paixón é o fútbol. Por iso, cando asistía ao discurso de Rubiales, e vin a través das cámaras como De la Fuente aplaudía tras afirmar o do “falso feminismo”, fiquei conxelado ante a pantalla. Desde logo, non eran esas as pautas de comportamento que quería que o meu fillo recibira dunha lenda.

No futuro

Aínda así, creo que ante situacións coma esta, hai que confiar en que a saída será positiva, e o mundo do fútbol aprenderá unha lección importante. A maior, sen dúbida, é que as nenas de hoxe xa teñen, por fin, referencias femininas coas que identificarse. Rematou o monopolio masculino. Os que se puxeron á fronte da loita, poucos por desgraza, serán lembrados como exemplares. Aí está o galego Borja Iglesias, que renunciou a xogar con España ata que non muden as cousas. Ou os xogadores do Cádiz. Por sorte, creo que o meu fillo, e tantos coma el que cren no fútbol como un motor do progreso, saben o que aconteceu, e saberán estar á altura no futuro.

España ou Galicia

Un debate eterno, no contorno de todo isto, dase cando nos preguntamos se un triunfo internacional de España é bo ou é malo para quen aspiramos a que os nosos sentimentos nacionais teñan recoñecemento oficial nalgún momento. Moitos que quixéramos ver a Galicia ou a Euskadi competindo en pé de igualdade, sabemos que fender a idea de España é hoxe máis complexo. Nunha ocasión, Gabriel Rufián retrucoume que era posible ser independentista e, ao tempo, aledarse por unha vitoria da selección española. Non o teño claro, pero desta vez o debate non tocaba. Había que estar con elas.