por Luís Álvarez Pousa
Un xoves negro. Así recibiron os traballadores de RTVE o pacto político/partidario que comporta o reparto por lotes da súa gobernanza. O primeiro dos grades acordos de Estado, teimaron en dicir entusiasmados os medios privados, para os que o concepto de servizo público de comunicación é un oxímoron a desterrar. Nada máis retorcido que enmascarar nunha razón de estado o sucedido no Congreso ese 25 de febreiro último. Porque coa selección en base a criterios de fidelidade partidaria de case todos os integrantes do novo Consello directivo, tanto os socios do Goberno de coalición como o PP e o PNV optaron por supeditar a independencia e autonomía dos medios públicos aos seus respectivos intereses. Neste caso, un cebo no camiño para acordar, tamén de maneira lottorizada, a finalmente fracasada renovación do poder xudicial.
Con fraude de lei (a 5/2017 de 29 de setembro) incluída. A operación pola que o Goberno de Sánchez e Iglesias pagou un tan alto prezo, sacrifi-cando por esa causa o servizo público de comunicación —imprescindible para contrarrestar o control que sobre o espazo público exerce o duopolio no que fondos de inversión, multinacionais e banqueiros teñen mando en praza—, foi unha auténtica chapuza política. Que se materializou a través dunha barrabasada lexislativa. Non só botaron por terra os esforzos que para unha verdadeira democratización da RTVE fixera Zapatero (a lei de 2006), dándolle a Casado e ao PP un premio malia ser corresponsables durante os anos de Rajoy dunha contrarreforma que comportou a súa tan escandalosa como protestada doma e castración. Tamén adulteraron o concurso público co que se propuxeran vai para catro anos profesionalizar a dirección e toda a estrutura de mando nos medios da Corporación.
A selección de dez conselleiros non fixo máis que desvelar aos tapados de cada partido. Militantes recoñecidos uns, resucitados da xubilación ou a excedencia outros. Agás no caso do que será, tamén por decisión consensua-da dos partidos, o novo presidente da Corporación —o prestixioso comuni-cólogo Pérez Tornero—, os escollidos non o foron, como estipula a lei, por méritos e capacidade, senón por consanguinidade ideolóxico/partidaria. Algúns deles recibiran puntuacións extremadamente baixas nos seus proxec-tos de xestión e mesmo nos seus historiais profesionais. Hainos que posúen a maiores unha folla de servizos plagada de denuncias por manipulación deses mesmos medios en periodos gobernados por González, Aznar ou Rajoy.
O incumprimento da lei e a adulteración do concurso público deixa de novo a independencia e o pluralismo de RTVE aos pés dos cabalos. E disolve as ilusións que os defensores dos medios públicos tiñamos de saír do círculo vicioso, gobernamental e endogámico, que os segue desnaturalizan-do. Co conseguinte descrédito e a caída libre de audiencias. Todo elo froito, en efecto, dun xoves negro.