Confundindo descolonizar con queimar

En La Fortuna (2021), a serie de televisión de Alejandro Amenábar, baseada nun caso real, sobre a disputa legal respecto do pecio dun galeón español afundido nas costas andaluzas e saqueado por un buscador do tesouros estadounidense, o ministro español de Cultura era interpretado por Karra Elejalde, que estaba estupendo, coma case sempre. Hoxe aquel ministro de Cultura nun dos gobernos de Zapatero, César Antonio Molina, arremete furibundo contra o seu actual sucesor no cargo, Ernest Urtasun, sumándose ao coro de voces erguidas contra unhas declaracións nas que este anunciaba unha revisión das coleccións de Museos Estatais, orientada a “superar un marco colonial e ancorado en inercias de xénero ou etnocéntricas”.

Nada me sorprende que o conseller de Cultura do goberno da Comunidade Valenciá, o toureiro Vicente Barrera, denuncie nada menos que un intento de “secuestrar a cultura”, sen que porén teña visto secuestro ningún no regueiro de actos censores que se reiteran en gobernos municipais e autonómicos cogobernados por PP e Vox, incluídos os aplicados na súa propia comunidade. Tampouco me causa estrañeza que cantos veñen falando de “imperofobia” e recuperación da “lenda negra”, vexan no anuncio do ministro un novo síntoma do que cualifican como “sentimento de inferioridade dos españois”, malos patriotas que renegan do seu glorioso pasado, discurso que eu tiven tempo de escoitar nos meus primeiros anos universitarios aínda baixo o franquismo.

Porque en realidade esta é a auténtica recuperación, a do máis rancio discurso patrioteiro do nacionalismo español que o réxime franquista impuxo durante a ditadura como único aceptable, inspirador imposto de calquera relato histórico nos manuais de ensino. Un relato onde, por poñer un exemplo especialmente notorio e que garda relación coa polémica da que aquí falamos, nada se di de que nos últimos restos de aquel gran imperio, en pleno século XIX, seguía habendo escravitude, porque España foi, con Brasil, o último Estado en abolila. Algo que, por certo, aínda non se corrixiu nos manuais escolares de historia do ensino non universitario. Pregúntase José Antonio Piqueras, no seu imprescindible La esclavitud en las Españas (Catarata, 2011): ”Onde atopamos que España foi a nación europea que con máis continuidade sostivo no último milenio esa institución peculiar que responde ao nome de escravitude?” E el mesmo responde: “Non é nos manuais escolares, nas sínteses destinadas ao gran público, nas enciclopedias de consulta”.

Case medio século de democracia aínda non conseguiu cambiar isto. E cando un ministro de Cultura anuncia que, seguindo por outra banda unha tendencia visible internacionalmente, cómpre acometer unha revisión do pasado colonial nos espazos museísticos, un ex ministro ergue o berro ao ceo e acúsao de novo Eróstrato, disposto a queimar o patrimonio museístico nacional en aras de obter unha perdurable aínda que patética e deplorable sona. E eu non podo deixar de preguntarme por que identifica a revelación do pasado colonial cunha queima. Gustábame máis aquel ministro que no seu momento loitou contra o roubo do patrimonio mergullado por parte dunha empresa mercantilista. Claro que se cadra o ministro que a min me gustaba era Karra Elejalde.