Éxito de viaxeiros e mantemento das liñas AVE

 

De acordo cun moi detallado informe de ElDiario.es anoto os seguintes feitos:

– O gasto de mantemento que realiza Adif na rede AVE por quilómetro entre 2016-2024 foi practicamente estable (uns 106.000 euros/km).
– Pero ese gasto de mantemento por viaxeiro diminuíu de 12 a 8 euros debido ao forte incremento dos viaxeiros dende a entrada dos operadores privados (dez millóns en dous anos).
– Os prezos medios do billete estanse a reducir coa entrada dos operadores privados.
– A empresa pública Adif -que xestiona o mantemento da rede- acumula perdas ano tras ano (en 2025 e ata setembro un 50% máis).

Para non andar neste asunto como polos sen cabeza creo que debera un preguntarse: como é posible que cun éxito tal de pasaxeiros os fondos para mantemento caian por pasaxeiro e Adif non saia dos números vermellos? Porque, por riba, semella que estamos diante dun factor chave (un mantemento a cada paso máis caro) no risco de graves accidentes ferroviarios.

Para tentar de clarexalo fágolle esta pregunta a unha IA: “que porcentaxe dos custos de mantemento están incluídos no prezo dun billete de tren AVE?”. A resposta é a que segue: “o billete do tren de alta velocidade AVE pode cubrir entre o 30% e o 50% do custo real total do servizo, dependendo da liña e do seu nivel de uso. O resto está cuberto por fondos públicos. Isto significa que unha parte significativa do mantemento da rede ferroviaria de alta velocidade é pagada por todos os contribuíntes, non só polos que viaxan no AVE”.

De xeito que se queremos (e debemos) reforzar o mantemento dunhas liñas moi extensas (case 4000 km) e con crecentes cargas de pasaxeiros (e non estragar os bolsos dos non usuarios e/ou dos números vermellos de Adif), o prezo pagado polos pasaxeiros debe incluír o cento por cento destes gastos crecentes. E non debera haber queixa ningunha porque aínda así quedaría fóra o custo de amortizar a construción da infraestrutura.

Para a actual rede AVE isto debera ser así (como o é nas autoestradas de peaxe), pois só as usan 12 de cada 100 viaxeiros. Outra cousa debe ser o caso das redes ferroviarias de proximidade e rexionais que, polo seu uso universal (de cada 100 viaxeiros 82), poden asemellarse as redes de estradas sen peaxes. De facelo así os fondos públicos para a mellora e mantemento desta rede veríanse reforzados polos que agora drenan do bolso de todos as liñas AVE.

O que non pode ser é que co sistema actual mesmo os novos operadores privados poidan forzar á baixa o prezo dos billetes por non ter que soportar todos os custes (crecentes) do mantemento da infraestrutura que usan. Tampouco que as grandes construtoras e empresas de mantemento poidan facturar sen freo (novas liñas e renovacións das vellas) á vista de que os usuarios viaxan cada vez máis “barato”. Non nos fagamos trampas ao solitario coa fantasía do “billete barato”… para o 12% dos usuarios.