A eurozona segue presa dos seus dogmas

Se hai unha institución na Unión Europea que xa non sorprende, esta é a Comisión Europea. A pesar dos fracasos polas súas decisións e xestións, segue presa dos seus dogmas.

Como xa sinalamos neste mesmo medio [As novas regras fiscais para a eurozona], o novo marco fiscal acordado no Consello da Unión do 20.12.2023 mantén os criterios de déficit e de débeda fixados no seu día polo TECG (Tratado de Estabilidade Coordinación e Gobernanza) do 2013, que mandatou uns obxectivos de déficit (<3% PIB) e débeda (<60% PIB) para tódolos estados europeos que integran a eurozona.

Malia que no artigo citado xa explicaba as novidades que introducían as novas regras fiscais, cabe agora destacar algúns dos seus aspectos máis relevantes. Empecemos por aqueles que podemos considerar como positivos:

1. Son unhas regras menos ríxidas á hora da consecución dos obxectivos.

2. Dan, xa que logo, unha maior amplitude nos prazos para o cumprimento dos obxectivos.

3. Os Estados teñen unha maior marxe de manobra.

4. Nos gastos públicos poden entrar investimentos.

Porén, manteñen os dogmas que levaron ao fracaso das regras anteriores e que provocaron que a recesión do 2008 non só se mantivera, senón que se ampliara e estendera a toda a eurozona. Dogmas que podemos resumir en:

1. Mantemento duns criterios para os déficits e as débedas totalmente arbitrarios, sen base obxectiva nin científica.

2. Uns criterios que seguen un modelo (TECG) que, ademais de ineficaz, demostrou ser un rotundo fracaso.

3. O anterior levará a que non só se manteña, senón que se amplíe e estenda a falta de credibilidade en institucións como a Comisión Europea que, por caso, “debe vixiar o cumprimento das regras”.

4. Os límites aos déficits van impedir que se realicen os investimentos públicos que a Unión Europea demanda con urxencia se non quere seguir perdendo posicións en relación aos Estados Unidos e China.

5. En relación co anterior: como se pensa realizar a famosa transición dixital e enerxética?

6. Volven a favorecerse as diverxencias entre os estados membros da eurozona.

7. A eurozona segue orfa dunha política fiscal que lle dea maior solidez e credibilidade.

8. Segue a nefasta filosofía do rigor orzamentario.

Por tales razóns, sigo mantendo que, ao igual que pasou coas regras fiscais anteriores, estas tampouco se cumprirán. Volverán fracasar.