Eurobarómetro e eleccións europeas: máis Unión ou menos Unión?

 

Ao fío dos datos do último Eurobarómetro de maio deste ano (número 101) podemos indagar no clima social no conxunto dos Estados membros da UE sobre asuntos non pouco relevantes. Asuntos que aquí centrarei no que considero a cuestión central do momento: a viraxe dende o centrismo neoliberal, que viñan partillando socialistas e vellas dereitas no Parlamento e na Comisión Europea, cara un radicalismo neoliberal que sería resultado da suma desas dereitas coas extremas dereitas emerxentes.

Pasaríamos así dunha certa civilización do capitalismo, dunha UE de “economía social de mercado”, a un capitalismo salvaxe de pura e dura sociedade de mercado. Xa que os actuais movementos electorais, de partidos políticos e de alianzas o que estarían a traducir serían cambios de fondo na percepción e consciencia social colectiva dos cidadáns (sobre asuntos como a inmigración, a igualdade, a redistribución, a fraternidade, a identidade, etc.).

***

Como queira que a guinda da folla de ruta dese capitalismo salvaxe que predican os ultras de dereitas (cos que a vella dereita europea xa asume que vai pactar) é “preservar a identidade nacional e a soberanía dos Estados membros”, nunha clara aposta confederal (ou mesmo secesionista) e non federal para a UE, vou empezar a miña análise por este asunto.

De entrada só o 10 % dos cidadáns se consideran sobre todo europeos fronte a un 33 % que se recoñecen só como da súa nación ou Estado, e un 67 % primeiro do seu Estado e tamén europeos (pregunta C2b do Eurobarómetro citado). Asimetría que tamén se anota no caso do Reino de España (Enquisa 3458 do CIS maio 2024). Sendo así que mentres en cada Estado o 80 % (media da UE) dos cidadáns consideran que teñen moito en común (C51), esa porcentaxe que cae ao 65 % cando se trata de avaliar esa fraternidade no conxunto da UE (C52).

A avaliación da actual unidade efectiva dentro da Unión Europea non é moi positiva (so o é para 54 de cada cen) (A89), e cando se indaga sobre si o futuro do seu país estaría mellor fora da UE, chaman a atención as altas porcentaxes de poboación que así o consideran en Italia e Polonia (moi por riba dos 30 de cada cen de media) (A112). Do que se deduce que entre un 30 e 40 por cento da cidadanía europea ten moitas dúbidas sobre a solidez da UE, a mesma porcentaxe dos que non respaldan que se tomen máis decisións no conxunto da UE. Cidadáns que non respaldarían unha Unión máis federal dos Estados, e si aquilo da crecente soberanía dos Estados membros (A113).

A día de hoxe a Unión identifícase sobre todo co euro e coa liberdade de movementos, pero moi pouco  coa protección social ou con solucionar o problema do desemprego (A7), e iso a pesar de que case a metade da poboación considera que a cobertura dos servizos públicos é deficiente no seu país (A17) (algo que sobre todo sucede en Grecia, Italia e Portugal).

***

Si máis Estado nacional fronte a máis Unión é un referente da actual deriva ultra de dereitas, outro asunto moi sensible vai ser a cuestión da inmigración, que se considera o segundo problema máis grave da UE polos enquisados neste eurobarómetro (A5). Distinguíndose si é do resto da UE ou de fora, pois si é de dentro está en contra o 30% (B81) dos cidadáns, mentres acada o 50% da poboación si os inmigrante veñen de fora (B82), sendo xa seis os países nos que esta porcentaxe supera o 70%. Chama a atención que, nese contexto, un 67 % este a favor dunha política europea común sobre inmigración, por vez de considerar que deba ser un asunto exclusivo de cada Estado (B24). O mesmo que sucede si se trata dunha política de asilo común (B71 e A13).

Tamén chama a atención que fronte a termos comprobado aquelo de que os cidadáns non respaldarían unha Unión máis federal dos Estados, e si unha crecente soberanía dos Estados membros (A113), no caso da seguridade e da defensa cheguen ao 77 % os que partillarían que esta fose unha política común e non de cada Estado (B22), tamén que debera reforzarse a cooperación neste caso a escala europea (un 80% en D34), así como os orzamentos de defensa na Unión (D35). Unhas altas porcentaxes que se veñen mantendo constantes durante os últimos vinte anos.

Claro que si reparamos en que xa no caso dos EE.UU. a súa decisión de unidade federal, e non confederal, tivera no seu día nos asuntos de defensa e de paz interna un factor determinante, non debera estrañarnos que a poboación da Unión Europea teña a mesma percepción na actualidade. Si a eso engadimos que a confianza na OTAN non é moi positiva case para o 40 % da cidadanía (A612), penso que non sería un disparate tentar facer deste eixo, que hoxe ten en Ucraína o principal risco de guerra para o conxunto da UE,  unha política federal prioritaria. E autónoma das superpotencias globais (EE.UU. ou China-Rusia) como no seu día o foi para os Estados Unidos verbo de Europa.

***

O que sucede coa defensa e a seguridade (máis Unión e non menos como teiman as ultra dereitas emerxentes) sucede tamén coa enerxía e as políticas sobre este asunto (72 % a favor en B25), algo  menos en sanidade (B28), e é tamén moi alta na necesidade dunha fiscalidade sobre as grandes tecnolóxicas (B45) .

Tamén xogaría en favor de máis Unión a escasa confianza que os cidadáns teñen nos seus gobernos nacionais (só alta para o 33 % en A68), claramente menor que a que teñen no actual goberno da Unión Europea (do 49 % en A610). No singular caso do Reino de España xogaría a favor o feito de que nada menos que tres cuartas partes da poboación considera que a integración na UE nos ten beneficiado, e tamén que sería axeitado reforzar o peso institucional do Parlamento Europeo (Enquisa 3458 do CIS maio 2024).

De xeito que para equilibrar máis e mellor o sentimento de inclusión na cidadanía europea en relación a propia de cada Estado ou nación da Unión, a xestión federal da defensa e da seguridade, así como da soberanía enerxética, alimentaria ou médica nun mundo global serían asuntos prioritarios nos que concretar esa axenda federalizante. Pois a xestión federal non fai uso da regra da unanimidade (que impide moitas veces tomar decisións de política exterior partilladas, por caso sobre recoñecer a Palestina) e si da maioría.

Porque, en resumo, fronte a reacción ultra de dereitas en favor de menos Unión e máis poder para cada Estado membro, non son poucos os cidadáns que aínda consideran que a mellora das súas condicións de vida e de seguridade pasarían por todo o contrario.

Pero mesmo así a debilidade ou inexistencia das propostas políticas para unha Unión Federal (por parte dunha dereita que apenas só pensa no mercado e na moeda, e dunha socialdemocracia sen un proxecto diferente de sociedade europea decente e non de mercado) poderían abrir camiño a unha involución xenófoba e patrioteira na que os intereses das minorías máis privilexiadas fosen de novo defendidas por unha nova grande coalición: agora das vellas dereitas e das novas dereitas extremas.