Contra os muiños de vento

Hai poucos anos, no caladoiro cantábrico déronse varios casos de arremetidas entre pesqueiros realizando os seus labores de pesca. A miña esposa lembro que me interpelou cunha frase moi elocuente: “co grande que é o mar, como poden chocar dous barcos…”. Efectivamente, a que pode considerarse unha área inmensa de auga salgada é tan limitada que máis dun observador quedaría estrañado; tan fácil como levantar a capa que forma a superficie do océano e quedar mirando a xeografía do leito mariño, ou o que é o mesmo, algo tan parecido como subirse a un monte cando practicamos sendeirismo e quedar contemplando o que a vista alcanza. Débese iso a que a pesca é tan complexa que o único que comparten as diferentes artes encargadas de capturar peixes é o medio, pero non os mesmos recunchos, nin as mesmas profundidades. O caladoiro Cantábrico noroeste, que así chama a Comunidade Europea ao espazo comprendido entre o Golfo de Biscaia e o Cabo Fisterra, é de tal complexidade, que presenta unha particularidade que o fai un mar distinto e rico nas súas diversas e variadas especies. En moi pouca distancia entre a costa e o cantil onde remata a plataforma é capaz de axuntar diferentes extractos do fondo e naturezas varias, desde pedra a area, desde cascallo a grava, desde unha veta de coque a unha cordilleira montañosa, desde un fondo pizarroso a unha zona fangosa. É fácil de comprender, pois, a biomasa tan diversa que compón o noso mar, onde conflúen desde especies bentónicas a demersais convivindo nas distintas épocas do ano e que marcan as nosas costeiras, pesca de especies moradoras que se dan ao longo de todo o ano como galos, pescada, raia, faneca, rape, louros, linguado…, alternados coas migracións de grandes cardúmenes de xurelo, bocarte, cabala, sardiña…, equilibrio que por decreto imposto corre o risco de fracturarse coa implantación de áreas reservadas aos eólicos mariños. Calquera que chega a Galicia polo aire e observa desde o portelo do avión a inmensa cantidade de aeroxeradores que dominan o noso territorio, imaxínome que lle leva a pensar que a factura da luz non debe ser na esquina galaica tan gravosa como no resto do Estado. Á fin e ao cabo entregamos toda unha paisaxe verde e salvaxe ao dispor das enerxías limpas e renovables. Porén, a realidade é outra ben distinta. Que alguén se pare a pensar agora que ocorrería se os postes coas súas aspas xiratorias se instalasen nos campos de cultivo galegos ou de calquera outra comunidade. Sería unha aberración fóra de lugar e un problema para o sector da agricultura, e case me atrevería a dicir que da gandería, polo menos se a instalación dos eólicos non contempla a afectación do ruído das aspas sobre os animais que pastan á beira dos mesmos.

O campo que aran os arrastreiros e que constitúen as praias de area de pesca nada ten que ver coas mesetas de fondo duro onde largan os palangreiros os seus anzois, nin onde os volanteiros colocan as súas redes, nin onde os cerqueiros capturan as súas especies volantes.

Toda esta problemática é a que se está tentando instalar sobre o noso mar. E é onde entra en xogo a diferenza acusada entre a superficie e o que a mar esconde: nin todo o fondo é traballable nin todo o mar é igual. É dicir, o campo que aran os arrastreiros e que constitúen as praias de area de pesca nada ten que ver coas mesetas de fondo duro onde largan os palangreiros os seus anzois, nin onde os volanteiros colocan as súas redes fixas de enmalle, nin sequera onde os cerqueiros capturan as súas especies volantes. Non é tan fácil como elaborar un mapa de ventos reinantes e tentar colocar os campos de eólicos onde máis incide o vento, non polo menos sen ter en conta aos agricultores e gandeiros da mar, ou sexa, os pescadores.

Todo ten un límite

Tradicionalmente loitamos contra todos os inconvenientes inimaxinables, desde a expulsión de caladoiros foráneos tras descubrir a gran totalidade dos mares de altura, a imposición de cotas por especies, a limitación de tonelaxe e cabalaxe, as dificultades por involucrar en tripulacións actuais un réxime de traballo moderno e eficaz adaptado ás novas tecnoloxías, a guerra de convivir coas importacións de terceiros países que non sofren a nosa lexislación laboral nin sanitaria, unha venda á baixa e presenza de intermediarios que afectan o prezo do produto en destino, a non inclusión do peixe como alimento de primeira necesidade a efectos impositivos … Podería seguir. Conformareime con dicir que contra vento e marea seguimos en pé. O pescador galego é obstinado por natureza e moi duro, pero todo ten un límite, e este non pode vir imposto polo cualificativo de “necesario e de progreso”, os pescadores non nos pechamos ao progreso nin á modernización, levámonos adaptando ao longo dos tempos, desde a tecnoloxía de aparellos a redes e maquinaria. Que falla entón no relato dos eólicos?

Os pescadores nunca nos opuxemos á implantación da eólica mariña, pero non se pode consentir que, sen un plan de estudo sobre as medidas que ocasionará a imposición das enerxías limpas, poña en risco de desaparición o sector primario máis importante de Galicia.

Nesta era tan chea dunha linguaxe particular que ás veces nos fai perdernos, seguimos sen comprender por que o termo “memoria histórica” non quere utilizarse con tanta facilidade como habitualmente se fai; non hai nada máis histórico que o noso labor e o noso caladoiro, nin nada que represente máis a memoria galega que a súa pesca, e nada máis incongruente que expulsarnos dos mesmos en aras da instalación de eólicos na mar, na mar traballable. Non podemos abandonar o taboleiro de xogo polo simple feito dunha imposición e, se se van a cambiar as regras, non pode facerse á metade do xogo. Os pescadores nunca nos opuxemos á implantación da eólica mariña, supoñemos que uns e outra poden convivir, pero primeiro estuden como afectará a un negocio que é parte do ADN galaico e que dá traballo a todo o litoral. Non se pode consentir que sen un plan de estudo sobre as medidas que ocasionará a imposición das enerxías limpas vaia a poñer en risco de desaparición o sector primario máis importante de Galicia. Calquera que vexa os sectores reservados polo Estado para a eólica, e que supoñen a metade dos que se van a instalar no país, corre o risco de pensar como a miña esposa: co grande que é o mar… E é que eses polígonos non só nolos puxeron sobre os nosos trigais do fondo do mar, senón que a unión a terra a través dun cable constitúe unha coitelada sobre as zonas de largada e arrastre que nos veremos obrigados a darlle un resgardo que converterá os nosos fondos en terra prohibida. Se o cable atravesa unha praia, non podo apartarme del atravesando zona de pedra, ou o que é o mesmo, non nos expulsan do que ocupa o sector xeográfico senón do que abarca todo o conglomerado de eólicos e cables, unha verdadeira trampa. Galicia xa sofre vedas temporais onde non se pode pescar durante meses. Este ano, ademais, sumamos a implantación de vedas por mor da protección de corais, para 2024 está aprobada a paralización de tres meses ao ano de paro por matanza de golfiños (?), e a Comunidade Europea ten moi avanzada a entrada en vigor da prohibición do trinta por cento do territorio marítimo para a pesca do arrastre. Se isto non pode considerarse unha tormenta perfecta para erradicar o arrastre, de verdade que se lle parece moito.

É significativo ademais como a eólica non estuda a súa implantación nas vedas existentes, senón que se suma de forma exponencial ao trazado, é dicir, se para o ano xuntamos áreas e vedas, imaxínome que quedará con moita sorte medio mar.

É significativo ademais como a eólica non estuda a súa implantación nas vedas existentes, senón que se suma de forma exponencial ao trazado, é dicir se para o ano xuntamos áreas e vedas, imaxínome que quedará con moita sorte medio mar. Aos efectos, que impide á eólica instalarse en zonas de corais? Ou nas zonas sensibles que calcula Europa que prohibirá a práctica da pesca? É polo menos unha actuación dubidosa por parte dos actores gobernamentais e dunha industria que se converterá na mesma Cincenta que no seu día a industria piscícola. Véndese o produto en aras dun incremento dos postos de traballo en todo o litoral, e non o dubidamos mentres se constrúen os campos eólicos; á hora da verdade chegará en alta mar cun retén de mantemento do mesmo xeito que nas piscifactorías, catro xa son multitude. O caso é que levabamos meses negociando co Miteco a implantación máis adecuada e de menor incidencia sobre o noso traballo, tiñamos remitido algo tan fundamental como a nosa pegada de pesca sobre o caladoiro, a de todos os barcos afectados por tipo de arte á que nos dedicamos. Calquera que mire o mapa galego da área de pesca afectada e a colocación dos eólicos, parece imposta a capricho. É máis, non existen estudos biolóxicos sobre a repercusión dos mesmos sobre o fondo que van ocupar, algo tan sumamente esencial que se pasaron por alto, e por riba no país cos mellores medios oceanográficos do mundo. É de tal magnitude a mala e acelerada actuación da imposición dos campos de eólicos no Cantábrico noroeste, que non podo deixar de pensar que fai seis anos Europa, nunha decisión moi arbitraria, prohibiunos a captura dun ben tan sinalado como o langostino, especie que daba ao porto de A Coruña unha máis que soada fama entre os turistas estivais, langostino que contra o que demostraba a frota aseguraban que sufría unha gran redución no seu stock, ese mesmo lagostino que poboará os mares do Ortegal galego para sempre en contra do criterio da UE. Cando esta última nos dea permiso para a súa captura, alguén caerá na conta de que non será posible a súa pesca por estar ocupado o caladoiro polos mesmos muíños que o Quixote confundiu con xigantes. Non se pode ser máis torpe.