Sostiña nunha recente análise sobre os efectos redistributivos da actual estrutura autonómica do Reino de España que o peso dos recursos públicos non centrais (daquela os que non ingresa directamente o Estado ou a Seguridade Social) acadaba o 27 % (pois Estado e Seguridade Social chegaban ao 73 %). E engadía sobre este 73% que “habería marxe para reducilo e mellorar o equilibrio federalizante do sistema”. Pero ¿ata onde reducilo?
Contestan cunha cifra a esta pregunta no recente pacto PSC-ERC, pois se todos os ingresos Centrais pasan a ser recadados pola Generalitat, quedando o Estado só cos ingresos da Seguridade Social, isto levaríanos ao 30 % para o Estado e o 70 % para os Gobernos non Centrais. Este 70 % para o conxunto do Reino de España, de xeneralizarse a proposta catalana, ¿definiría unha estrutura federal ou confederal?
Enténdese que “a confederación diferénciase da federación en que na primeira os membros manteñen altas cotas de autonomía e o poder central é limitado, mentres que na segunda os federados renuncian a parte das súas competencias, sendo máis forte o poder central” (wikipedia), a federación daquela “representa a forma central na vía da integración ou separación rexional, delimitada do lado menos integrado polo confederalismo e no lado máis integrado pola descentralización dun Estado unitario”.
Tanto nunha federación como nunha confederación recoñécese o dereito dos pobos que a conforman a sumarse ou a separarse á mesma, pero nunha federación acórdanse partillar un conxunto de políticas (defensa, exterior, endebedamento, moeda, pensións…) que conforman unha cidadanía común. Tal acordo precisa duns recursos públicos para o seu financiamento de non menos dun 40 % do total mobilizado na federación, mentres que nunha confederación moitas desas políticas non se partillan e polo tanto os recursos orzamentarios da Unión poden estar moi por baixo dese 40 % (no caso da Unión Europea actual mesmo por baixo do 5 %).
De acordo con isto e para simplificar, nun Estado unitario centralizado a Facenda Central controlaría máis do 80 % dos ingresos públicos, e as Administracións non centrais por baixo do 20 %. Con datos da OCDE este sería o caso, por esta orde, de Grecia, Gran Bretaña, Portugal, Italia ou Francia.
Sabemos que Alemaña, Estados Unidos ou Canadá son Unións Federais recoñecidas e observamos, de acordo cos datos da OCDE, que as administracións non centrais acadan entre un 40 e un 55 % dos ingresos públicos. Co que ao Reino de España, cun apenas 27 % dos ingresos públicos en mans de Autonomías e Concellos quedaríalle un camiño, de entre trece e vinte e oito puntos, para transitar dunha descentralización autonómica importante na actualidade a unha estrutura federal. Pero en todos estes casos o Estado da Unión manexaría por riba do 40 % do que falabamos.
E, por último, un Reino de España segundo o modelo do pacto PSC-ERC xeneralizado (modelo que xa ten Euskadi), daquela cun 70 % dos ingresos recadados por fora do Estado Central (que só quedaría coa Seguridade Social), ¿sería unha Unión Federal?. Penso que estariamos máis cerca dunha Unión Confederal pois teríamos quince puntos da riqueza nacional por riba da referencia federal de Canadá que marca o máximo. E case no dobre do indicador de Alemaña que, digo eu, non deixa de ser unha boa referencia federal.
En suma: pasar do actual 27 % ao 70 % dos recursos públicos controlados polos distintos pobos dunha Unión semella unha progresión pouco homologable a unións federais recoñecidas, mentres que pasar do actual 27 % ao 55 % si sería unha boa referencia para federalizar o actual sistema autonómico. Pero neste caso o Estado Federal mantería o control, como mínimo, do 40 % dos recursos públicos para financiar as políticas da Unión.