Pío Baroja acuñou a sentenza “a novela é un saco no que cabe todo”. Eu, menos estupendo, prefiro deixala en que a novela é un saco no que cabe todo o que cabe nun saco. As autoridades educativas ven nas escolas e institutos non o meu saco senón o de don Pío, unha orquestra de multi-instrumentistas capaces de interpretar música barroca, punk, reggaeton ou música tribal dos catro confíns. Un repertorio infinito e sen ensaios nin partitura, de oídas. Xa postos, mesmo sen instrumentos.
A solución milagreira
A primeira opción dun goberno liberal fronte a un problema social, sobre todo se salta ás cubertas dos medios, non é afrontalo senón derivalo ao sistema educativo. É un tópico a frase “iso tiña que ser unha materia na escola”. Sexa o suicidio na adolescencia, a educación vial, o consumo de estupefacientes, o acoso nas redes sociais, as apostas, a anorexia e a bulimia ou a obesidade, a educación sexual, o consumismo, a soedade, o espírito crítico para detectar bulos audiovisuais, o machismo, a xenofobia, o cambio climático, o respecto interxeracional, etc.
A lexión de expertos, neurodidactas, coaches e gurús da educación en xeral, ofrecen solucións máxicas. Falan dunha escola na que os problemas se sortean con vídeos de youtuber e xogos de rol, non con esforzo e orzamentos.
Todo canto require de cambios estruturais e partidas nos orzamentos públicos sen rédito electoral inmediato, ou que afecta o proceso de crecemento e acumulación do clepto-capitalismo, acaba nos contidos transversais da escola. Que se encargue o profesorado. Así ninguén poderá dicir que os gobernos ignoraron as alertas ou non se ocuparon do tema, co cal fican maxicamente exonerados de responsabilidade.
A mesma sociedade que permite o saqueo extractivo e a polución do planeta, fomenta o machismo, o consumismo a todo trapo, a xenofobia, as apostas, os bulos ou a suxeición do corpo a modelos ideais, coa boca pequena lamenta que iso aconteza e non só se vale da escola para descargar a mala conciencia, senón que a culpa se esa autoestrada ao fracaso acaba efectivamente desembocando no fracaso. É o conto de quen se maza a base de mala vida na fin de semana e despois se castiga no ximnasio para “queimar toxinas”. Neste exemplo polo menos asume as consecuencias persoalmente, peor é o cinismo de transferir a responsabilidade de educar os fillos e fillas a unha institución cuxa función se supón que é instruír, non educar. Isto, que debería ser unha obviedade, é arestora unha excentricidade. A sociedade fixo súa a mensaxe de que se pode actuar cuns valores que ela mesma considera perniciosos, con tal que despois na escola se prediquen os opostos. E aquí paz e despois gloria. Lexitimar esta fuxida covarde e presentala como política proactiva require dun relato alternativo. Para iso están os expertos.
Os expertos
Na antesala do Mundial, un famoso comentarista forofo do Real Madrid fixo o seu prognóstico de triunfadores e derrotados individuais e colectivos. Ocorreu exactamente o contrario. Quere iso dicir que vaian prescindir dos seus comentarios ou que el se vaia desculpar? Xusto o contrario. O seu traballo non consiste en atinar senón en estimular a polémica con bufonadas que o seu público quere escoitar, ou en axudarnos a engulir as rodas de muíño coas que os seus xefes nos queren facer comulgar. Estes son os expertos de sillón-ball aos que nos referimos. Na política educativa inzan.
A súa achega substánciase en bufonadas que a súa torcida, o establishment político-mediático e as familias irresponsabeis agradecen: a educación é demasiado importante para deixala en mans dos educadores, ao profesorado as árbores impídenlles ver o bosque, etc. Entón acoden en busca dos expertos coma os gobernantes que, tanto na Grecia Antiga coma nos EUA de hoxe, só toman unha decisión despois do correspondente sacrificio animal ou de que unha meiga lles bote as cartas.
No eido da educación, o doado é concluír que as escolas con profesorado abondo, con formación axeitada e tempo para programar e organizar, con boas ratios, contribuirían a unha atención de maior calidade. Outro tanto se as escolas racionalizan o currículum e se afastan da arquitectura de cárcere e se dotan de espazos amabeis, boa calefacción ou bibliotecas e laboratorios ben equipados. Tampouco faría dano que as xornadas laborais das familias axudasen á conciliación, que os salarios fosen dignos e lles permitisen mercarlles un ordenador aos fillos e fillas ou que poidesen dispoñer dun cuarto propio no que estudar. Mais isto desbótase ao primeiro toque porque demanda investimento e xustiza social.
Pola contra, a lexión de expertos, neurodidactas, coaches e gurús da educación en xeral, ofrecen solucións máxicas. Falan dunha escola na que os problemas se sortean con vídeos de youtuber e xogos de rol, non con esforzo e orzamentos, un ensino supostamente centrado no alumno cando o que se quere dicir é un ensino que arrombe o lastre do profesorado por rancio e acomodado. Isto é mel para os oídos da clase política liberal e para os pais e nais de ideoloxía anti-estado.
O Faro de Vigo organiza un Foro anual de educación con estética mestura de Ciencioloxía, club da comedia ou quedada de cripto-investidores. Algúns títulos das ponencias son:
“Educa bonito: habilidades para la vida desde el respeto mutuo”. “Mindfulness, herramienta de éxito en la era de las distracciones”, “tenemos que dejar de vivir en piloto automático”, “educación inclusiva, el derecho indiscutible y urgente a una escuela extraordinaria”. Ou a mellor: “Con la innovación pasa como con la purpurina: en cuanto la sacas del bote, ya no hay forma de contenerla, de evitar que se extienda y brille…”
Os profes non sabemos dicir cousas tan choqueiras. Quizais por iso non os chaman a estes foros.